A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, reuniuse onte en Pontevedra coa subdelegada do Goberno, Maica Larriba e o xefe da demarcación de Estradas do Ministerio de Fomento, Ángel González del Río para transmitir a necesidade de acometer a instalación dun semáforo na N-552, de cara a mellorar a seguridade viaria á altura do CEIP Alexándre Bóveda en Angorén, na parroquia de Chapela.
Digna Rivas informóu tanto á Larriba coma a González del Río que dita infraestrutura xa fora solicitada hai dous anos pola anterior Corporación “e que a estas alturas seguía sen concretarse”. Segundo os datos achegados por Fomento, a petición formulada polo anterior Goberno non cumpría “cos requisitos necesarios” polo que quedara paralizada.
Agora, a alcaldesa de Redondela na xuntanza mantida, trasladou “a urxente necesidade da súa realización”, ao tratarse dunha infraestrutura que non só dará servizo ao centro escolar, senón á veciñanza desta zona de Chapela atravesada por unha estrada, como a N-552, que rexistra unha alta densidade de tráfico rodado.
Maica Larriba transmitiu á alcaldesa a súa disposición de impulsar esta actuación demandada pola comunidade escolar e no mesmo sentido expresábase Ángel González del Río que asegurou á alcaldesa Digna Rivas, “que no máis breve prazo posible, analizarase unha ubicación para a colocación do semáforo en colaboración cos técnicos municipais”.
Digna Rivas quixo agradecer á subdelegada do Goberno e ao xefe da demarcación de Estradas do Ministerio de Fomento non só a rápida resposta a súa petición de información, senón “pola a súa disposición para autorizar a instalación deste semáforo facendo, agora si, as cousas como se teñen que facer”, concluíu a alcaldesa redondelá.