9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaCesantes decide aos novos campiones galegos de Kitesurf

    Cesantes decide aos novos campiones galegos de Kitesurf

    Fin de semana perfecta en Cesantes. Tras dúas intensas xornadas de regata, o TMKiteClub puxo o punto e final este domingo ao Campionato Galego de Kitesurf, proba que organizou o club redondelán coa colaboración do Concello de Redondela e por delegación da Real Federación Galega de Vela. En total, seis probas completadas que deron como vencedores a Xusto Fernández nas divisións Foil e Surf, Antonio Fernández “Patxi” en Twintip Masculino e María de Carmen Nieto en Twintip Feminino.

    Volveu cumprir Cesantes cos máis de 30 riders rexistrados. Aínda que o parte apuntaba a que o paso da DANA podería complicar as cousas tanto o sábado como o domingo, finalmente o vento térmico característico da enseada de San Simón acudiu puntual á súa cita, permitindo que o Comité de Regatas completase tres probas por día para cada unha das categorías con ventos que foron desde os 12 ata os 18 nós de intensidade.

    Na clase Foil, Xusto Fernández do club Windsurf Galicia non tivo rival e volveu adxudicarse o título de Campión Galego con pleno de vitorias na súa marcadora. Por detrás, a segunda posición foi para Mario Martínez do TMKiteClub e terceiro foi Andrés Douglas do club Windsurf Galicia.

    Pola súa banda, na clase Surf repetiu Xusto Fernández no máis alto do podio, seguido nesta ocasión de Francisco Costas do TMKiteClub e de Roberto González do Papaventos Kite Club, segundo e terceiro respectivamente.

    Na división masculina de Twintip, con cinco vitorias de seis posibles o rider local Antonio Fernández “Patxi” coroouse como o novo Campión Galego da clase. Por detrás, seguiulle no segundo caixón o defensor do título da pasada edición, o baionés Iván Carballo do TMKiteClub, e terceiro foi Horacio Pequeno, tamén representando ao club redondelano.

    A clase Twintip Feminino foi, sen dúbida, a máis disputada cun intenso man a man entre María López Muiña e María del Carmen Nieto -ambas do TMKiteClub-, que se resolveu finalmente a favor de Nieto converténdose na nova en Campioa Galega da clase por diante de López Muiña. A benjamina da frota, Beira Vázquez, pechou o podio no terceiro caixón.

    Unha vez finalizada a segunda xornada, a entrega de trofeos puxo o broche final a unha fin de semana de dez en augas da ría de Vigo. O acto contou coa asistencia do presidente do club organizador, Tato González, e do presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde, que foi o encargado de entregar os galardóns aos campións autonómicos da clase.

    A próxima gran cita será o esperado KiteFest Cesantes, que este ano celebra a súa sexta edición entre os días 7 e 9 do próximo mes de xullo.

    Podio clase Foil. © TMKiteClub
    Podio clase Surf. © TMKiteClub
    Podio clase Twintip Masculino. © TMKiteClub
    Podio clase Twintip Feminino. © TMKiteClub

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.