Mércores, 11 Decembro de 2024

Salvaterra de Miño acolle a presentación do ‘IV Raid do Condado-Marqués de Vizhoja’

A Casa do Concello de Salvaterra de Miño acolleu na mañá de hoxe a presentación unha nova edición do ‘Raid do Condado-Marqués de Vizhoja’, a cuarta, que dará comezo o venres 30 de agosto e terá a súa clausura no Pazo La Moreira, das adegas Marqués de Vizhoja, en Arbo, o domingo 1 de setembro.

A presentación deste evento deportivo estivo presidido pola alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel, á que acompañaban o tenente de alcalde Ernesto Groba; o concelleiro de Deportes Edgar Martínez; a concelleira de Deportes do Concello de Arbo, Vicenta Rodríguez; o concelleiro de Deportes do Concello das Neves, Óscar González; Javier Alvelo representante do FEGADO; Diego Fernández, presidente do Club Marqués de Vizhoja-Cornelios e Jorge Peláez, presidente y propietario das adegas ‘Marqués de Vizhoja’.

A proba contará, como todos os anos, con equipos chegados dende diferentes comunidades autónomas ao ser, como se comentou na presentación do evento, “unha data que anotan en vermello para non perdela por todo o que gozan tanto na durísima carreira, que terá unha duración de dous días, coma na recepción e na entrega de premios” acto, este último, que terá lugar no pazo do século XVIII Torre La Moreira, sede das adegas ‘Marqués de Vizhoja’.

O venres 30 de agosto recibiranse aos primeiros equipos e procederase á entrega de dorsais e pinzas a cada un dos compoñentes dos equipos, pinzas coas que terán que convivir estes dous días, dado que nelas almacénanse todos os datos para a súa descarga nas seccións que indique a organización e posteriormente configurar o pódium do evento

O sábado 31 de agosto seguiranse entregando dorsais a aqueles equipos que se desprazan o mesmo día do evento para posteriormente, ás 9:00 h tomar a saída e dar así inicio ao IV Raid do Condado.

O evento está organizado polo Club Marqués de Vizhoja-Cornelios e conta coa colaboración dos concellos de Arbo, As Neves, A Cañiza e Salvaterra de Miño.

Un encontro deportivo cuxo obxectivo é a promoción turística do Condado Paradanta, “ademais de vincularse coa sociedade a través de colaboracións coa asociación ‘Fibrose Quística de Galicia’, apoio que vén dándose desde os comezos do Club”, sinalaron na presentación do Raid.