Mércores, 12 Febreiro de 2025

O BNG cualifica de “desidia” que o goberno de Salvaterra tardara seis anos en xestionar o arranxo dunha rotonda

O BNG en Salvaterra de Miño lamenta o que cualifica de situación de “desidia e parálise” do goberno de Salvaterra de Miño que, segundo os nacionalistas, “tardou seis anos en asumir unha iniciativa presentada polo BNG para pór solución á perigosidade da rotonda situada na estrada PO403”, á altura das interseccións da rúa Fiás e o polígono industrial Chan da Ponte.

Tal como alertaban os nacionalistas xa no 2013, “esta rotonda é totalmente ineficaz e insegura, polo que incumpre as súas funcións ao non reducir a velocidade dos vehículos nin facilitar a súa incorporación”. O BNG destaca “a perigosidade desta rotonda para vehículos e transeúntes, xa que está situada a escasos metros dun paso de peóns con reducida visibilidade e cunha pendente na que os vehículos non minoran a velocidade”.

O BNG detalla que “sendo a entrada e saída principal ao polígono industrial Chan da Ponte, dado que a rotonda conta cun diámetro tan reducido, provoca que os camións de medianas e grandes dimensións teñan que pasar literalmente por enriba das beiras da rotonda, invadir o carril contrario e manobrar varias veces para poderen librala arrastrando os remolques”.

Dende o Bloque lamentan que “tivesen que pasar seis anos e certas incidencias para que dunha vez por todas o Partido Popular se decatase de que as advertencias do BNG eran acertadas”. Na iniciativa presentada por aquel entón e aprobada por unanimidade, os nacionalistas instaban ao goberno local a xestionar coas administracións correspondentes os arranxos destas deficiencias na infraestrutura, así como a elevación dos pasos de peóns para evitar desgrazas persoais.