11.5 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoSalvaterra de MiñoA vendima solidaria 2020 de Adegas La Val destinarase á Fundación Menela

    A vendima solidaria 2020 de Adegas La Val destinarase á Fundación Menela

    O importe íntegro da venda deste viño “A Val Solidario 2020” destinaranse a un dos proxectos da Fundación Menela, Rede de Servizos para o Autismo e a Dependencia

    Adegas La Val, unha das marcas pioneiras da Denominación de Orixe Rías Baixas, continúa co seu proxecto de crear un viño solidario. A pesar de que na pasada vendima non se puidese celebrar a que sería a súa IV Vendima Solidaria, debido ás restricións impostas polo coronavirus, desde a Adega cren importante seguir coa traxectoria social deste proxecto que naceu hai xa 4 anos.

    Esta iniciativa de carácter social ten por obxectivo colaborar cunha asociación a través dun donativo económico. A idea é facer partícipe a un colectivo na creación dun viño solidario, desde a vendima ata que sae á venda o mesmo, e que sexan eles os que deseñen a etiqueta da que será unha edición limitada co seu nome.

    Nesta ocasión, a entidade coa que colaborará Adegas La Val será Fundación Menela, entidade titular dunha Rede de Centros e Servizos para o Autismo e a Dependencia que atende ás necesidades de persoas con Trastorno do Espectro Autista e das súas familias desde os primeiros anos de vida ata a idade adulta. En concreto é o alumnado do Colexio Menela quen asume entusiasmado o reto de realizar a etiqueta do próximo La Val Solidario 2020.

    A Adega elaborará unha Edición Limitada de 200 botellas deste Albariño e o importe íntegro da súa venda será doado ao “Club Deportivo Menela”.

    A colaboración permitirá dotar de equipamento ao Club Deportivo Menela, cuxo proxecto deportivo conta coas seccións de atletismo, natación e xadrez, a través das cales, os mozos e mozas de Menela participan en diferentes competicións federadas. A práctica física e deportiva é unha dimensión crave na calidade de vida das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo pola relevancia que ten en aspectos craves como son o benestar físico, a saúde, a inclusión e a participación en contornas cotiás. Por este motivo, Fundación Menela agradece a confianza das Adegas La Val neste proxecto creativo.

    O viño comercializarase a partir do próximo mes de xuño e desde a Adega esperan que xa sobre esas datas os membros Menela poidan acudir ás súas instalacións para recuperar a visita que non puideron facer durante a pasada vendima e recibir o cheque polo valor da súa venda.

    Esta é a cuarta Edición da Vendima Solidaria que impulsa Adegas La Val. As edicións anteriores foron en favor das seguintes asociacións: ALENTO (Asociación de Dano Cerebral Adquirido da provincia de Pontevedra), ASPANAEX (Asociación a favor das Persoas con Discapacidade Intelectual da Provincia de Pontevedra), ASANOG (Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia).

    Sobre Fundación Menela

    Fundación Menela, entidade de iniciativa social clasificada como benéfico – asistencial e de interese galego, é titular dunha Rede de Centros e Servizos para o Autismo e a Dependencia que traballa coa misión de “contribuír á mellora da calidade de vida das persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA) e defender a súa dignidade como cidadáns, dando resposta ás necesidades específicas ao longo de todo o seu ciclo vital”.

    Tras a súa constitución en 1989 asume a titularidade, en 1998, do Centro de Educación Especial Menela, referente no campo da atención especializada a nenos e nenas con TEA en Galicia. En 1993 inaugúrase, en Nigrán, o Centro de Día e Residencial Castro Navás para persoas adultas, impulsando o valor do traballo como ferramenta de inclusión social. No Edificio CAMI póñense en marcha, en 2004, o Servizo de Diagnóstico e Servizo de Atención Temperá e Apoio Integral, o Servizo de Apoio Familiar e o Centro de Formación que, desde o ano 1999, realiza actividades formativas ocupacionais e de especialización profesional.

    Dentro desta Rede inclúese a empresa Castro Navás S.L., que nace en 1998 coa finalidade de favorecer a inclusión socio laboral de persoas con TEA e, en 2006, a Fundación Tutelar “Camiño do Miño” que desenvolve accións de asesoramento ás familias, orientación, tutela e administración do patrimonio da persoa tutelada.

    Sobre Adegas La Val

    Adegas La Val nace en 1985, converténdose así nunha das marcas pioneiras da Denominación de Orixe Rías Baixas. Situada na Leira Arantei en Salvaterra de Miño, provincia de Pontevedra, conta cunha adega equipada coas tecnoloxías máis punteiras do sector e ten unha superficie de 6.000 m2. Os seus viñedos en propiedade atópanse enmarcados en tres leiras: Finca Arantei, Finca Porto e Finca Taboexa e en total suman 53 hectáreas. Adegas La Val mantén unha produción anual ao redor de 500.000 botellas, e está presente en máis de 20 países en todo o mundo. Na actualidade produce 8 viños: La Val (Albariño), Finca de Arantei (Albariño), La Val Fermentado en Barrica (Albariño), La Val Crianza Sobre Lías (Albariño), La Val Vendimia (Albariño), Más que 2 (Condado), La Val Treixadura ( Treixadura), La Val Sousón ( Sousón).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.