23 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas prepara un expediente sancionador polo peche temporal das gasolineiras municipais

    Ponteareas prepara un expediente sancionador polo peche temporal das gasolineiras municipais

    O Concello de Ponteareas anunciou a apertura dun expediente sancionador á empresa adxudicataria da xestión de dúas gasolineiras de titularidade municipal por cesar, de maneira inxustificada, a prestación do servizo. Dende hai varios días as dúas estacións de servizo permanecen pechadas, o que implica o incumprimento dunha condición esencial do contrato.

    As estacións de servizo datan do ano 1992 e foron adxudicadas a dúas empresas por un período de 25 anos, cun canon a pagar ao Concello de 0,45 céntimos por litro. Concluído o prazo, unha das adxudicatarias recorreu aos tribunais alegando a existencia de prórroga do contrato por dez anos máis para impedir unha nova licitación e continuar co servizo. O Concello opúxose por ser contrario ás normas e porque, ademais, a anterior adxudicación prexudicaba economicamente ao Concello ao estar suxeito a un canon esaxeradamente baixo.

    Os tribunais resolveron a favor do Concello e no ano 2022 procedeuse á nova licitación resultando adxudicataria a empresa Vilalta Corporación S.A.  O novo canon establecido co novo contrato é de 4,50 céntimos por litro fronte aos 0,45 céntimos anteriores, é dicir, multiplicouse por 10 o que a adxudicataria debe abonar ao Concello, o que implica un grande incremento nos ingresos para as arcas municipais que pasan dunha media de 18.000 euros ao ano na etapa anterior a 180.000 na actualidade. Ademais, o novo contrato inclúe a instalación dunha infraestrutura de recarga eléctrica, outra de gas e a mellora estética das instalacións.

    A empresa adxudicataria acreditou a súa solvencia e experiencia no sector, ao dispoñer de máis estacións de servizo en Cataluña e, de feito, conforme aos pregos, abonou por adiantado dous anos de canon por un importe de 360.000 euros.

    A empresa informou ao Concello de que o peche responde a problemas puntuais e conxunturais que prevé resolver en breve prazo. O Concello pola súa parte, diante do incumprimento, comezou a tramitación do expediente sancionador que pode levar a imposición dunha sanción económica e incluso, de prolongarse o peche do servizo, a resolución do contrato e unha nova licitación.

    O Concello lamenta os prexuízos que o peche causa ás persoas consumidoras, xa que a existencia destas dúas gasolineiras amplía a oferta deste servizo e mellora a competencia na localidade. Dende o Goberno municipal salientan que “a causa do peche é allea á vontade do Concello que, en todo caso, vai actuar conforme ao contrato e protexer os intereses municipais e públicos, para restablecer o servizo no menor prazo posíbel e impoñer as sancións que procedan polo incumprimento do contrato”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.