Mércores, 30 Abril de 2025

Ponteareas convértese, o domingo, na ‘capital’ das Danzas de Reis

Catro ranchos de reis e un grupo folclórico encherán o escenario do Auditorio Municipal de Ponteareas de tradición e música de castañolas

A concellería de Cultura que dirixe Fernando Groba vén de convidar á veciñanza e visitantes a participar no II Festival Internacional de Danzas de Reis que terá lugar este domingo día 22 de decembro a partir das cinco da tarde, hora na que os ranchos percorrerán as rúas do centro urbano de Ponteareas. Un espectáculo, sinala Groba, “que difunde unha das nosas tradicións máis xenuinas e que Ponteareas foi quen de conservar”.

O Rancho de Reis de Santiago de Oliveira, o Rancho de Reis de Fozara e o Rancho de Reis de Guláns compartirán escenario co Rancho de Reis de Riofrío, Mondariz, e co grupo folclórico Barcelinhos de Portugal.

Logo de percorrer coa súa música, danzas e vistosos vestimentas o centro urbano, os ranchos de reis chegarán ao auditorio municipal Reveriano Soutullo ás 18 horas.

Dende o 7 de marzo de 1953 o grupo folclórico Barcelinhos promove a cultura popular da súa terra e deixa en herdanza as danzas e a música dos seus ancestros.

O Rancho de Reis de Santiago de Oliveira, o de Fozara e o de Guláns virán ataviados coas súas vestimentas brancas para danzar acompañados de arcos, palillos e cintas que voarán ao son das castañolas.

Pola súa banda, o Rancho de Reis de Riofrío, Mondariz, danza dende o século XVI para celebrar os reis e manter viva este legado que trasladará ao noso auditorio neste II Festival Internacional de Danzas de Reis.