12 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas aposta decididamente pola peonalización

    Ponteareas aposta decididamente pola peonalización

    O 80 % das persoas enquisadas queren rúas completamente peonís ou semipeonís

    O concelleiro de Mobilidade e Tráfico Roberto Mera deu a coñecer os resultados da enquisa cidadá realizada no marco do Plan de Mobilidade durante o mes de novembro do pasado ano. Un total de 491 persoas responderon ao cuestionario que estivo dispoñíbel durante quince días para ser cumprimentado por calquera cidadán ou cidadá. Mera agradeceu a participación veciñal “que foi moi elevada se se compara con procesos semellantes realizados noutros concellos da entidade de Ponteareas nos que as enquisas apenas acadaron o centenar”.

    O cuestionario recollía preguntas relativas aos diferentes modos de desprazamento, o uso do transporte público ou as peonalizacións e humanizacións para mellorar a mobilidade.

    Os datos revelan que para as persoas enquisadas os principais problemas na mobilidade a pé radican no estado e dimensións das beirarrúas, que se consideran en xeral demasiado estreitas, así como na perigosidade dos pasos de peóns, especialmente polos seus problemas de visibilidade. Para mellorar a mobilidade a pé a maioría das persoas enquisadas defenden, por esta orde, a eliminar barreiras de accesibilidade, ampliar as beirarrúas e dotar de máis sombra os espazos públicos.

    En canto ás peonalizacións, case o 80% das persoas enquisadas apostan por máis rúas completamente peonís (como a rúa da Esperanza na actualidade) ou semipeonís coma a reforma realizada recentemente no primeiro tramo do Paseo Matutino. Máis concretamente, o 50%, das persoas enquisadas demandan máis rúas completamente peonís. Tan só o 21,3% cre que Ponteareas non precisa máis rúas peonís ou semipeonís e defenden manter a rede viaria con predominio do vehículo.

    En canto ás propostas de rúas ou espazos completamente peonís destacan, por orde de preferencia manifestada nas enquisas, a Praza de Bugallal, a zona da Praza de Abastos e Auditorio, a Praza Maior, a Avenida da Constitución, o entorno do Concello, Senén Canido, Vidales Tomé, Reveriano Soutullo e Emilio Rodríguez. Esas mesmas zonas tamén se propoñen para semipeonalizacións, engadindo neste caso outras como Concha Brey, Doutor Fernández Vega ou o resto do Paseo Matutino.

    Roberto Mera salientou que a enquisa revela que “unha ampla maioría de ponteareáns queren máis peonalizacións e semipeonalizacións e en numerosos lugares da vila, fundamentalmente nos máis céntricos, onde xa están previstas por parte do goberno actuacións nesa liña como a do Mercado e Auditorio, actualmente en execución, ou a Praza de Bugallal cuxa humanización se licitará proximamente”.

    O concelleiro de Mobilidade e Tráfico valorou positivamente a opinión veciñal expresada nas enquisas “pois é coincidente co modelo de vila do goberno local que aposta por poñer Ponteareas ao servizo das persoas humanizando os espazos públicos para mellorar a calidade de vida da xente”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.