O pago do gasto eléctrico orixinado polas atraccións das pasadas Festa de Setembro, son orixe dun novo enfrontamento entre o Goberno local e os independentes de Alternativa Ciudadana de Ponteareas que achacan a situación “a falta de control á hora de aplicar as ordenanzas municipais”
Luis Rodríguez Cerdeira, concelleiro de ACiP, afirma que “a subministración eléctrica dos postos e atraccións das festas e chiringuitos foi pagada polos veciños cos seus impostos” e considera “cuiroso que a veciñanza amais de pagar o uso das atraccións” pague tamén o gasto de electricidade.
Acusa ACiP ao Goberno local de non ter adaptadas as ordenanzas ás normativas actuais. Asegura Rodríguez Cerdeira que no pasado 2018, a súa formación dirixiuse ao Concello dando conta da situación e, afirma, “a resposta foi que modificarían de xeito urxente a ordenanza reguladora para instalación deste tipo de atraccións” para que, como nos demáis concellos, os solicitantes corran cos gastos de enerxía eléctrica. “ACiP, como oposición municipal responsable, advertiu ao Goberno do que estaba a suceder”, recalca o concelleiro independente.
Modificación da Ordenanza, un proceso de meses
Pola súa banda, o Concello de Ponteareas, a través da concelleira de Alumeado, Chus Garrote, aclarou que ata o pasado mes de xuño, “as atraccións sempre se fixeron cargo do seu subministro eléctrico”. Nese mes, puntualiza Garrote, a empresa subministradora de electricidade comunicou ao Concello “que por cambios na normativa reguladora do sector, dito subministro para as atraccións só podería realizarse e facturarse ao Concello”.
Con ese cambio de normativa, engade o concelleiro de Bo Goberno, Roberto Mera, orixinábase un problema xa que a Ordenanza Municipal Reguladora das atraccións “non contempla o cobro da subministración eléctrica senón que só cobra a ocupación de uso público”. E dicir, a Ordenanza impiede que o concello poida cobrar ese subministro ás atraccións “mentres non se revise e modifique a Ordenanza, unha tramitación que leva meses”
En consecuencia, sinala o Concello de Ponteareas, “o acontecido débese a unha decisión da compañía subministradora derivada dun cambio de normas da Dirección Xeral de Enerxía e Minas sobre instalacións eléctricas temporais de baixa tensión”.
Pola súa banda, o Concello xa puxo en marcha o proceso de revisión da ordenanza reguladora das atraccións, “non só para poder cargar aos titulares das atraccións o custo do consumo eléctrico senón tamén os gastos de supervisión técnica de todas as atraccións que realiza o Concello para velar pola seguridade desas atraccións”, explica o Goberno ponteareán, ao que engade que “a ordenanza estará en vigor para as seguintes festas nas que se instalen atraccións”.
“Nestes meses –adianta a concelleira socialista Chus Garrote– o Concello está a analizar tanto o consumo medio coma a parte porcentual do custe dos servizos de inspección e revisión para completar a nova ordenanza”.