13.3 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO Concello mellorará o centro do obradoiro ocupacional “Asprodico” e da Asociación...

    O Concello mellorará o centro do obradoiro ocupacional “Asprodico” e da Asociación de Veciños de Canedo

    O proxecto cun custo de 305.000 € vén de ser seleccionado polo IDAE cunha axuda de 216.000 € de fondos europeos

    O acalde de Ponteareas, Xosé Represas, informou nunha recente reunión do Consello Sectorial Social do proxecto de mellora do centro municipal ubicado en Canedo que acolle o obradoiro ocupacional de persoas con discapacidade coñecido por “Asprodico” así como os locais da Asociación de Veciños de Canedo e tamén da Asociación Adapta. O obxecto do proxecto, que ten un custo total de 305.186,30 euros, é mellorar o edificio coa reforma da envolvente térmica e dotar de  instalacións de climatización para mellorar a confortabilidade das instalacións e a redución das emisións de CO2.

    Represas tamén deu conta da chegada dunha boa noticia que asegura a realización destas obras; o proxecto vén de ser seleccionado polo IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro Enerxético) coa concesión dunha subvención de 216.732,24 €. O Concello de Ponteareas presentara no pasado mes de marzo este proxecto á convocatoria de axudas de proxectos singulares das entidades locais do Programa Operativo FEDER da Unión Europea de crecemento sostible que xestiona o IDAE. O Concello asumirá o coste do importe restante, 88.454,06 €.

    Coas actuacións contempladas no proxecto lograrase un aforro no consumo do edificio do 56% para o que se acometerá o illamento das fachadas polos exterior dos diferentes módulos, illamento da cuberta polo exterior e dos falsos teitos, substitución das

    carpinterías exteriores dos módulos superiores, renovación integral dun local da planta baixa e acondicionamento da soleira de tódolos módulos da planta superior, entre outras actuacións.

    Reunión do Consello Social

    “As melloras nestas dependencias benefician principalmente aos usuarios das mesmas; veciños e veciñas que participan nos obradoiros ocupacionais -Asprodico-, nenos e nenas do servizo de Atención Temperá, socios e socias de Adapta, usuarios/as e familiares de enfermos de alzhéimer e outras demencias que veñen utilizando estas instalacións, e tamén as/os veciñas/os de Canedo que utilizan unha parte destas instalacións e que agora contarán cun maior espazo ao adecentar un local máis na planta baixa que na actualidade non reúne as condicións de uso” explicou a concelleira de Benestar, Verónica Carrera, na reunión do Consello Social.

    Neste encontro, a concelleira nacionalista presentou o Programa de Vivendas de Alugueiro Social. “O obxectivo deste programa é crear unha bolsa de vivendas para aquelas persoas ou familias que teñan dificultades para acceder a unha vivenda de alugueiro”. Ademais, o programa garantirá ás persoas que conten cunha vivenda valeira unha nova posibilidade de poñela en alugueiro cunha serie de garantías a cargo do Concello; seguro multirrisco do fogar, seguro garantía de cobro, custos ordinarios da comunidade, etc…

    Na reunión do Consello Social acordouse pór en marcha un grupo de traballo para concluír o Programa de Vivendas Valeiras para a súa aprobación posterior.

    Incremento dun 66% do orzamento de Benestar Social dende 2015. Para 2021 duplicanse as partidas de axudas de emerxencia social

    No Consello Social tamén se deu conta da previsión dos orzamentos municipais da área de Servizos Sociais para 2021 que acadarán os 3.310.953,14 €, Verónica Carrera salientou o incremento nos orzamentos desde 2015 “Nestes cinco anos incrementamos en máis de 1.300.000 euros os orzamentos destinados a Benestar; pasamos de 1.990.000 euros en 2015, o primeiro ano do goberno nacionalista e progresista a 3.310.000 euros previstos para 2021, o que supón un 66% máis que en 2015. En canto as axudas e subvencións a partida destinada duplicase con respecto a 2019, último exercicio anterior ao COVID-19, pasando dos 117.000 euros destinados á axudas de emerxencia social ao 234.000 que figuran nas previsións do capítulo 4 de subvencións para o 2021.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.