14.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO Concello arranca a campaña “O noso comercio é parte de ti....

    O Concello arranca a campaña “O noso comercio é parte de ti. Merca aquí, Ponteareas gaña”

    O Goberno municipal e a asociación de comerciantes Banastra queren pór en valor o comercio local e o novo modelo de vila e mobilidade

    O Concello de Ponteareas quere incentivar as compras no comercio local co lanzamento da campaña “O noso comercio é parte de ti. Merca aquí, Ponteareas gaña”. Durante a presentación desta iniciativa, a alcaldesa, Cristina Fernández Davila, destacou o traballo da Federación do comercio, hostelería e servizos Banastra para axudarnos a sacar adiante “esta campaña en positivo, orixinal, pedagóxica e eficaz para promocionar o noso comercio”.

    A campaña de promoción iníciase coa distribución de 5.000 dípticos e 500 carteis onde se recollen as virtudes do comercio local para animar ás persoas consumidoras a facelo en Ponteareas. Na campaña saliéntase que “no comercio local hai de todo, de calidade e confianza e co mellor servizo e a mellor atención”, ademais de poñer en valor que “todo o comercio está a man e a poucos minutos, nun entorno agradábel con áreas peonís para mercar paseando e con facilidades para estacionar de balde en aparcamentos e rúas con zona azul”.

    A alcaldesa, Cristina Fernández, explicou que a campaña é o resultado “do compromiso e do acordo acadado entre o goberno e as asociacións de comerciantes nunha reunión celebrada o 2 de decembro pasado”. Nese encontro, sinala a alcaldesa, “todos estivemos dacordo en que era necesario emprender unha campaña de promoción do comercio local concienciando á poboación das súas virtudes  así como dos efectos positivos que para o comercio conlevará o novo modelo de vila e de mobilidade”. Cristina Fernández salientou a “responsabilidade e seriedade” da asociación maioritaria de comerciantes, Banastra, frente á Asociación minoritaria que se desmarcou do acordado e realizou a súa propia campaña transmitindo unha imaxe negativa de Ponteareas.

    A concelleira de Promoción Económica, Eva Gil, destacou que o comercio local “atende as nosas necesidades, son persoas que coñecemos como veciños e veciñas, son os que pagan impostos aquí para ter mellores servizos, danlle vida ás nosas rúas e prazas e crean moito emprego”. Por iso, en palabras da concelleira, o lema da campaña é “mercando aquí gaña Ponteareas, non só os e as comerciantes, senón toda a poboación, a diferenza do que acontece cando concentramos os beneficios das nosas compras en poucas mans e en lugares alleos a nosa vila e ao noso país”.

    Eva Gil tamén engadiu que a campaña non se vai quedar só nunha acción de Nadal. “Vai ser continua e permanente e contará con varias fases, con novos materiais e novas mensaxes dirixidas a concienciar á poboación das consecuencias que ten mercar en plataformas de multinacionais produtos que podemos atopar en Ponteareas”.

    Un modelo de mobilidade e de vila

    O concelleiro de Mobilidade, Roberte Mera, tamén destaca que a campaña dá a coñecer o modelo de vila que é Ponteareas. Os dípticos e os carteis inclúen  todos os aparcadoiros e rúas con zona azul que ofrece Ponteareas, que suman máis de 2.000 prazas de estacionamento diarias, sen contar o resto de aparcadoiros en calzadas. Ademais, tamén informa sobre a posibilidade de acceder en vehículo ás áreas peonís cando é realmente necesario, para recoller compras voluminosas ou pesadas ou para persoas con mobilidade reducida. Mera salientou que as novas áreas peonís animan a mercar paseando e lembrou que “o negocio non está nos coches pasando por diante dos comercios, senón na xente, porque os negocios se descubren camiñando e non dende un vehículo”.

    A presidenta da Asociación de Comerciantes Banastra, Yolanda Carballido, amosou a súa satisfacción pola campaña en cuxo deseño tamén participou: “cremos que é un acerto, con lemas claros e directos, información obxectiva e útil e un deseño moderno e atractivo para promocionar o comercio local”. Carballido remarcou que Banastra “traballa en positivo polo comercio para que Ponteareas sexa vista por toda a comarca como o seu gran centro comercial”. Ademais advertíu do comercio online das grandes plataformas como “o gran inimigo actual do comercio local” e considerou un grave erro facer campañas negativas de Ponteareas “que só prexudican ao comercio local”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.