Domingo, 16 Marzo de 2025

O BNG cree que “Nava Castro e González Carrera deben renunciar aos seus cargos”

Os nacionalistas lembran que a licenza concedida ilegalmente en 2002 ao Eroski polo goberno de Nava Castro pode provocar prexuízos económicos millonarios ao Concello

O BNG de Ponteareas, a través da súa portavoz municipal, Cristina Fernández Davila, explicou que a orde de demolición do hipermercado Eroski por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia “é unha consecuencia máis do caos e as ilegalidades urbanísticas cometidas durante décadas pola dereita en Ponteareas”.

Fernández Davila lembrou que a licenza de obra se concedeu en 2002 sendo alcaldesa Nava Castro, hoxe no PP, e sendo concelleiro do seu goberno Juan Carlos González Carrera, hoxe edil da oposición no grupo ACiP.

A portavoz nacionalista lamenta que “nin o PP nin ACIP asumen responsabilidades políticas por aquela ilegalidade que pode custar aos ponteareáns indemnizacións millonarias a favor dos que construíron a nave comercial amparados por unha licenza de obra. Nava Castro e Juan Carlos González son responsables dese dano e deberían asumir a súa culpa renunciando aos seus cargos públicos”.

Por último, Cristina Fernández salientou “que o actual goberno de Represas fixo o que está na súa man para evitar ese grave dano económico para Ponteareas, sacando adiante o PXOM que pode evitar a demolición.

Pola contra, PP e ACiP, “desde a súa irresponsabilidade partidista e sen importarlle Ponteareas”, votaron en contra e preferían seguir sen Plan Urbanístico, o que faría irremediable a demolición en menos dun ano e o pago de indemnizacións”. A portavoz do Bloque pediu “responsabilidade” á Xunta de Galicia para aprobar de forma definitiva e con rapidez o PXOM.