O Concello de Ponteareas vén de aprobar o convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, a través do Servizo Galego de Saúde, para a cesión dos terreos e a execución das obras de construción do novo Centro de Saúde na localidade. Trátase dun proxecto diferencial e prioritario que dotará á vila dunha infraestrutura clave para ampliar e mellorar a atención asistencial aos veciños e veciñas.
Co obxectivo de axilizar ao máximo o proxecto, o Concello de Ponteareas realizará os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios para posibilitar a cesión patrimonial ao Servizo Galego de Saúde de dúas parcelas no Polígono 51 na parroquia de Arcos, onde se asentará o novo centro de referencia en materia sanitaria.
O concello asumirá todos os gastos necesarios para dotar á parcela das infraestruturas precisas, como os accesos rodados e peonís, o abastecemento de auga, o saneamento, a subministración eléctrica, o alumeado, a telefonía, o aparcadoiro, etc. Así mesmo, o mantemento futuro da parcela tamén será por conta do concello.
Este proxecto foi un dos grandes compromisos adquiridos coa cidadanía de Ponteareas e, despois da súa aprobación en pleno, comeza unha nova etapa na vila, na que a defensa dos servizos e a atención da Sanidade Pública contará cunha nova infraestrutura de referencia para a totalidade dos veciños. A oposición votou en contra.