Novas citas culturais esta fin de semana co programa Cultura24, co que a Concellaría de Cultura busca “achegar a actividade cultural ás vinte e catro parroquias que compoñen o concello ponteareán”. Este sábado e domingo haberá tres novas actuacións de balde nas que a charanga, a música e o teatro serán os grandes protagonistas.
O sábado 17 de xullo será a quenda da Charanga Alecríns, unha agrupación de Xinzo con máis de dunha década de experiencia que alegrará a xornada ao público no Centro Cultural de San Mateo de Oliveira. A cita será ás 21.00 horas.
O domingo 18 de xullo o Grupo de Baile e Música Tradicional Galega Sadeo tomará o relevo e animará a mañá no terreiro de Pías co seu folclore e tradición. A actuación comezará ás 12.00 horas.
Xa pola tarde, ás 20.00 h, o grupo de teatro Fonte da Tella de Soutomaior porá en escena no Centro Cultural Irmáns Barcia de Padróns a obra ‘Onte’, unha tradución e adaptación da peza de Jorge Díaz ‘Ayer, sin ir más lejos’. A representación teatral será ao aire libre ou, en caso de mal tempo, no interior do propio centro cultural con uso obrigatorio de máscara cirúrxica e todas as medidas de prevención.
O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a toda a veciñanza a asistir e gozar das actuacións do programa Cultural24, que naceu tamén “para dinamizar os centros culturais e o tecido creativo do municipio”.