13.7 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasCaramelos sen glute, sen lactosa e para persoas diabéticas na cabalgata de...

    Caramelos sen glute, sen lactosa e para persoas diabéticas na cabalgata de Ponteareas

    Cabalgata sairá ás 17:30 horas do CEIP Fermín Bouza Brey para rematar no auditorio municipal e estará acompañada polos Ranchos de Reis de Guláns, Fozara e Santiago de Oliveira e a Banda de Gaitas Tremiñado

    A cabalgata dos Reis Magos de Ponteareas agasallará ilusión e caramelos aptos para toda a cidadanía e por vez primeira disporá de caramelos aptos para diabéticos traballando de xeito conxunto coa Asociación de Diabéticos de Ponteareas. A concellería de Eventos, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández, explica que todos os caramelos que repartirán os Magos de Oriente serán sen glute e mesmo algúns sen glute e sen lactosa.

    Para que non haia dúbidas e todas as persoas poidan desfrutar do doce sabor dos caramelos, o concello indica que os caramelos brandos que reparta o séquito real serán sen lactosa e sen glute e os caramelos duros simplemente sen glute pero con lactosa.

    “Para chegar a un maior número de poboación e que a cabalgata sexa para o desfrute da máis ampla maioría repartiremos caramelos doados por marcas comerciais e tamén mercados polo concello e todos eles serán sen glute dispondo todos do certificado correspondente, tanto os nosos como os das marcas comerciais”, explica Cristina Fernández.

    Ademais, no momento de entrega dos agasallos, que terá lugar no auditorio municipal unha vez remate a cabalgata, as familias con nenas e nenos diabéticos disporán de caramelos aptos para a súa doenza.

    Como cada ano a cabalgata dos Magos de Oriente sairá do CEIP Fermín Bouza Brey para percorrer as rúas Rosalía de Castro, Concha Brey, Constitución, Praza Bugallal, Oriente, Praza Maior, Arxentina, Fdez. Vega, Reveriano Soutullo, Praza Bugallal e Morales Hidalgo para logo entrar no auditorio e participar na tradicional entrega de agasallos.

    Os coches clásicos, a banda de gaitas Tremiñado e os Ranchos de Reis de Fozara, Guláns e Santiago de Oliveira acompañarán ás carrozas que estarán arroupadas por espectáculos de animación e sempre coa colaboración dos bombeiros locais, do Club Ciclista Ponteareas e dos e das empregadas municipais, de Protección Civil e da Policía Local. Ademais, Cristina Fernández agradece a colaboración do voluntariado e do alumnado do bacharelato de Artes do IES Val do Tea que realizou a decoración para os vehículos.

    Cristina Fernández lembra a todos e a todas as pequenas que, ao igual que en anos anteriores, os Magos de Oriente ofrecerán unha recepción previa ás 12 horas do domingo día 5 no concello.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.