12.3 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasADENCO festexa os seus 30 anos de actividades micolóxicas

    ADENCO festexa os seus 30 anos de actividades micolóxicas

    A asociación ecoloxista, amais de editar unha revista conmemorativa, entregou o «IV Premio Río Tea á Defensa, Conservación e Divulgación Ambiental» a Jaime Diz, precursor na micoloxía da comarca

    O Grupo Ecoloxista ADENCO festexou o sábado, no Salón de Plenos do Concello de Ponteareas e arroupado por numeroso público e representantes políticos da Comarca, os seus 30 anos de actividades micolóxicas continuadas.

    O acto foi conducido por Alejandro Mínguez, periodista e divulgador micolóxico de Celanova, membro dunha familia de afeccionados á micoloxía moi coñecidos en Ourense, e contou coa participación de Marisa Castro, referencia na micoloxía galega, que debullou a historia da micoloxía galega nos últimos trinta anos, ou máis.

    A Asociación Ecoloxista do Condado organizou un acto público no que se presentou, tamén, a revista conmemorativa dos 30 anos de actividades. A revista, cun saúdo da propia Marisa Castro, conta con artigos de Helena Villar Janeiro, Alejandro Mínguez e ilustracións do afamado debuxante Calros Silvar, ademais de recoller unha serie de recortes de prensa dos últimos corenta anos, do arquivo de Jaime Diz

    «IV Premio Río Tea á Defensa, Conservación e Divulgación Ambiental»

    Adenco entregou tamén o sábado o IV Premio Río Tea, que recoñece o traballo realizado por persoas e colectivos na Comarca. Este ano o colectivo decidiu entregarllo a Jaime Diz (Porriño, 1938), precursor na divulgación micolóxica coas actividades organizadas polo Círculo Recreativo da Vila do Louro a comezos dos 80. Ademais, Diz foi un dos descubridores da Amanita porriniensis, un raro cogomelo do que xa non se volveu ter novas e que foi descrito para a ciencia por este grupo de xente que comezou a pór en valor a micoloxía, que logo irradiou a outras comarcas e concellos galegos.

    O Arquivo de Jaime Diz

    Por último, Adenco agradece a cesión para a revista do arquivo de Diz, un inxente traballo realizado ao longo dos últimos cincuenta anos, nos que o porriñés recolleu, clasificou e arquivou metodicamente todo o que prensa galega publicou sobre a micoloxía no País, ademais de carteis e programas de actividades micolóxicas de case todos os concellos galegos.

    Neste momento, o arquivo está en fase de ser adquirido por unha institución pública coa intención de dixitalizalo e polo á disposición de toda aquela persoa interesada.

    Próximas actividades

    A actividade do colectivo non cesa, e este sábado 21 de decembro, a partir das 20h, na Sala Multiúsos do Auditorio Reveriano Soutullo, proxectarase o documental O Salto, dirixido polo nevense Adrián González, que recolle a loita social contra a construción do encoro de Sela, no rio Minho internacional, un proxecto herdado do franquismo e que aínda está pendente de derrogarse definitivamente. Contaremos coa presenza do director, que manterá un coloquio co público. A entrada é libre e gratuíta ata completar capacidade.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.