O goberno de Mondariz, BNG-PSOE, rematou esta semana os primeiros contactos políticos para establecer unha folla de ruta no proceso de elaboración do novo plan orzamentario municipal. O concelleiro de Facenda, José Luis Fernández, recibiu do alcalde, Xosé Emilio Barros, a encarga de iniciar esta importante labor e así llo fixo saber a todos os partidos políticos representados no Pleno da Corporación Municipal “a través dunha convidación formal a manter unhas primeiras reunións por separado”.
“Por cortesía política”, afirma o goberno local, o executivo “non fixo pública esta convocatoria cando convidou aos portavoces dos partidos de oposición e decidiu agardar á resposta de cada formación”. Tanto o Partido Popular, con dúas concelleiras, coma Ciudadanos, con un, manifestaron a súa vontade de reunirse individualmente co concelleiro de Facenda para intercambiar puntos de vista sobre a elaboración do orzamento municipal para 2020. O único partido político que se negou a manter estas primeiras reunións de carácter bilateral foi Alternativa por Mondariz, con catro concelleiros.
Lembramos que AporM sinalaba que as reunións por separado “só xeran opacidade e máis crispación ao clima político existente” polo que instaban ao Goberno que preside Xosé Emilio Barros, a manter reunións con todos os partidos que conforman a Corporación municipal.
Os primeiros contactos mantidos polo Goberno local con PP e Ciudadanos “serviron para pór en común a urxente necesidade de aprobar un novo orzamento municipal”. O Concello de Mondariz funciona actualmente cun orzamento de 2017, pois nos últimos dous anos foi aprobado mediante o extraordinario procedemendo da cuestión de confianza.
Esta situación, explica o Concello, ten enormes consecuencias para a xestión política municipal, xa que non se adapta ás necesidades actuais. Os veciños e as veciñas son, finalmente, os máis perxudicados. En palabras do alcalde e concelleiro de Desenvolvemento Económico e Turismo, Xosé Emilio Barros, “elaborar un novo orzamento é fundamental para poder desenvolver políticas en materia de turismo, sectores primarios e áreas estratéxicas para o futuro de Mondariz”.
Despois destes primeiros contactos individuais, “coas posicións políticas respecto á elaboración dun orzamento máis maduras”, o goberno continuará negociando a folla de ruta para acadar un plan orzamentario municipal de consenso, que é un dos seus obxectivos principais neste ano. “Volveremos a convidar a AporM para que se sume ás negociacións en curso porque entendemos os orzamentos coma un traballo conxunto de toda a Corporación Municipal”, sinala José Luis Fernández.