Venres, 28 Marzo de 2025

Mondariz contará cun centro de trituración para a xestión da biomasa

Esta instalación, localizada no recinto do antigo CEIP Riofrío-Vilar, permitirá reorganizar os puntos verdes repartidos polas parroquias para unha maior seguridade

O Concello de Mondariz está completando a segunda fase do Plan Compost Revitaliza da Deputación de Pontevedra coa construción dun centro de trituración de residuos forestais no recinto do antigo CEIP Riofrío-Vilar, localizado na parroquia de Riofrío (Pé do Muíño s/n), que permitirá controlar a acumulación de biomasa nos puntos verdes das parroquias.

“É unha instalación demandada pola veciñanza desde hai tempo que se atrasou máis do esperado polos trámites burocráticos que supuxo a adaptación do proxecto inicial”, explica o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros. “A ubicación definitiva do centro de trituración está en terreo de propiedade municipal por recomendación técnica”.

Esta actuación do Concello de Mondariz forma parte do Plan Compost Revitaliza para unha xestión municipal de residuos orgánicos máis sostible e respectuosa co medio ambiente, ao que se adheriu no ano 2016.

O obxectivo principal deste proxecto é atender o 100 % do tratamento dos residuos da fracción orgánica mediante a dotación de composteiros individuais, a instalación de centros de compostaxe comunitaria na zona urbana e nas proximidades dos produtores singulares, o fomento da trituración de restos vexetais e de poda tanto a domicilio como nun punto verde creado para tal fin e a realización de charlas informativas e campañas de sensibilización para dar a coñecer o novo sistema entre a poboación.

“Este centro de trituración permitirá reorganizar os puntos verdes repartidos polas diferentes parroquias, cambiando aqueles que resulten conflitivos”, comenta Barros.
Malia ser unha instalación loxística, o novo centro de trituración presenta un deseño visual moi atractivo, resultado da combinación de madeira e pedra do país.

Ademais desta infraestrutura para a trituración de restos vexetais e de poda, está previsto abrir un centro de interpretación sobre o tratamento de biomasa no mesmo recinto de Pé de Muíño s/n para promover a información e sensibilización sobre a materia.

Nave municipal para almacenamento de maquinaria

Outra obra financiada polo Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra que está en fase de construción na área da Minada é unha nave destinada ao almacenamento de maquinaria municipal.