Domingo, 16 Marzo de 2025

Salceda regula a participación veciñal na vida municipal

A concelleira de Participación Cidadá, Verónica Tourón, considera necesario que "haxa vías para a intervención directa da veciñanza na construción do noso futuro como pobo"

O Pleno do Concello de Salceda de Caselas, cos votos a favor dos grupos de goberno (MS e PSOE) e a abstención do PP, ven de aprobar inicialmente o que será o primeiro Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Salceda e que agora contará cun prazo de exposición pública de 30 días, dende a súa publicación no BOP, para que que asociacións, entidades, colectivos ou persoas a título individual poidan achegar as súas propostas e suxestións a modo de alegacións. Unha vez estea aprobado definitivamente abrirase un prazo de 3 meses para que as asociacións actualicen a súa documentación no rexistro municipal de asociacións e soliciten a participación no Consello Veciñal.

No documento regúlase o rexistro de asociacións municipal e a participación veciñal nas decisión do Concello, e ten como eixo fundamental a creación do Consello veciñal, que canalizará a participación cidadá.

Para a concelleira de Participación Cidadá, Verónica Tourón, é necesario que haxa vías “para a intervención directa da veciñanza na construción do noso futuro como pobo, do contrario moitas posibilidades de mellora poden ser estragadas”. Tourón defende que “un concello aberto e democrático debe impulsar a acción da cidadanía para acadar unha convivencia plena de dereitos”.

Na mesma liña definiíase a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira que quería agradecer “o traballo que os colectivos sociais, culturais, deportivos e veciñais desenvolven ao longo de todo o ano” e que contribúen “a que Salceda de Caselas sexa referente ao longo de toda a comarca polo enorme dinamismo social existente, con multitude de eventos organizados tanto polo Concello como polas diferentes asociacións”.

O mencionado regulamento é un dos compromisos do acordo entre os dous partidos do equipo de goberno. Ámbolos dous grupos defenden a participación cidadá como un dos puntos fundamentais da política local, considerando indispensable que os elementos dinamizadores da vida social teñan unha participación activa na vida política do Concello e actúen como complemento enriquecedor da democracia representativa.