O PSdeG-PSOE de Salceda reivindicou onte a súa lexitimidade “para liderar un goberno de coalición” ao non terse producido maiorías e “unha candidatura que non alcanzou a maioría absoluta é, por definición, unha minoría”, sinalan os socialistas. Deste xeito, a formación que encabeza Verónica Tourón responde a Movemento Salceda que, no día de onte reclamaba á alcaldía a tenor dos votos obtidos: 1.481 de MS fronte a 1.036 do PSOE.
En todo caso, para os socialistas de Salceda, non é quen vai gobernar “senón como e para que”, polo que propoñen un goberno de coalición “acorde cos resultados”. Para o PSOE, o imprescindible é o feito de que “Salceda precisa outra forma de liderar” e nese outro xeito de facer as cousas entrarían o desenvolvemento de temas “tan importantes como o PXOM, polígono industrial, servizos básicos, fomento do emprego e comercio” sempre, subliñan, “dende o diálogo e consenso”.
Recalca o PSdeG-PSOE que a única maioria absoluta posible “é a suma das forzas de esquerda” e manifestan o seu desexo de “cumprir coa palabra dada mediante un acordo que garantice o compromiso co noso electorado e co pobo de Salceda”.
“Temos o proxecto válido para liderar o gobernos municipal, porque temos un proxecto e somos coherentes co exposto durante a campaña electoral así coma nos últimos catro anos”, puntualiza o PSOE e, nsese sentido, deixan claro a postura adoptada no seu momento de non apoiar a alcaldía de Marcos Besada e “expuxemos un proxecto que queremos levar adiante”. Aseguran. Os socialistas de Salceda son, en todo caso moi claro ao asegurar de xeito rotundo que “todas as falacias saídas na prensa nos últimos días son inventos do Partido popular que non quere un goberno de progreso para Salceda, intentando entorpecer unhas negociacións en curso”.