Martes, 10 Decembro de 2024

O Porriño estuda colaborar co Pontellas para súa eliminatoria da Copa do Rei fronte ao Tolosa

En caso de superar esta previa, o C.D. Pontellas xogaría na seguinte ronda da Copa do Rei, no Porriño, fronte a un equipo de primeira división

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, acompañada polo concelleiro de Deportes, David Alonso, mantivo hoxe unha reunión con Marta Costas, presidenta do Club Deportivo Pontellas de cara a estudar a solicitude de axude loxística e económica realizada pola directiva do club porriñés, para poder afrontar “a histórica participación do C.D. Pontellas na Copa do Rei”.

O club porriñés deberá xogar unha eliminatoria a partido único, o vindeiro día 13 de novembro, fronte ao Tolosa, formación que milita no Grupo 4 do País Vasco da Tercera División.

A alcaldesa e o concelleiro de Deportes comprometeronse coa presidenta do C.D. Pontellas a que o Concello estudará a viabilidade de sufragar, co cargo ao erario municipal, a viaxe e aloxamento do plantel porriñés en terras vascas.

Lembremos que no caso de superar esta previa, o Pontellas xogaría na seguinte rolda da Copa do Rei contra un equipo de Primeira División. O teórico rival non sería ningún dos catro que están a xogar a Champions League, é dicir, Real Madrid, Barcelona, Atlético de Madrid ou Valencia.

En todo caso, a posibilidade de que o Pontellas xogase outra rolda da Copa do Rei contra ‘un primeira’, garantiría non só un magnífico espectáculo deportivo, senón unha boa ‘taquilla’ para o club porriñés que, previsiblemente, tería que buscar un campo alternativo con maior capacidade –como habitualmente fan todos os equipos modestos do Estado– e para o que xa soaron os campos de Barreiro, O Vao e Pasarón.