Mércores, 12 Febreiro de 2025

O Porriño, empresarios da Granxa e Zona Franca, retoman o proxecto da escola infantil no polígono industrial

A alcaldesa do Porriño, Eva García e directivos da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono Industrial da Granxa anunciaron a intención de retomar o proxecto de dotar á zona industrial dunha escola infantil. Nun recente encontro acordouse elixir a parcela 256-C sobre a que, o pasado 4 de setembro, Zona Franca solicitou do Concello de Porriño que confirmase se había posibilidade de darlle ese uso.

A proposta xa conta cos informes favorables da arquitecta e do secretario do Concello do Porriño polo que administración municipal e empresarios do polígono poden reemprender as xestións para acadar fondos económicos para a construcción da gardería.

O proxecto experimentou un pulo transcendental a partires da implicación do Consorcio da Zona Franca que cede a parcela e solicitou o cambio de uso sobre o que veñen de informar favorablemente os servizos técnicos municipais.

Agora corresponde ós empresarios do Polígono solicitar novamente a subvención da Xunta de Galicia. Cómpre salientar que renunciaran á que tiñan concedida de 200.000 euros ao non ser quen de acometer e rematar o proxecto anterior na data esixida pola administración autonómica que é o vindeiro 31 de outubro.

Así mesmo corresponderá a Entidade Urbanística de Conservación do Polígono Industrial a execución da obra e o seguimento da actividade.