Xoves, 27 Marzo de 2025

O BNG do Porriño considera “innecesarios” vehículos de alta gama para servizos municipais

O BNG do Porriño, que considera que o parque de vehículos dos servizos municipais de obras, xardinería e mantemento “precisaba dunha renovación” puntualiza que os prezos e as necesidades marcadas polo Concello na redacción dos pregos de condicións, “son superiores ás verdadeiramente necesarias” o que “dá lugar a que as empresas oferten unhas melloras en alta gama e potencia dos vehículos que para nada necesita o Concello do Porriño”.

Os nacionalistas, á vista dos expedientes e coincidindo en moitos aspectos como a necesidade do cambio e o sistema de renting, consideran “innecesario o número de vehículos e as características de algún dos mesmos, algunhas de media ou alta gama, que fixeron que o prezo fose máis elevado”. O BNG explica que existen no mercado “vehículos máis axeitados e máis económicos que cubrirían as necesidades dos servizos municipais”.

Consideran “fundamental” que dende o Concello se revise a redacción dos pregos de condicións á hora de levar adiante licitacións coma esta e “se marquen e axusten nestes as verdadeiras necesidades dos servizos municipais”. O portavoz municipal nacionalista, Pedro Pereira é claro ao asegurar que “o BNG entende que as prioridades do Concello son outras, como atender mellor as necesidades sociais que demanda a veciñanza”.

O BNG tamén considera que o goberno municipal, ou o tribunal constituído para o procedemento de licitación, “non podía aceptar como técnico de valoración das ofertas o xefe da policía local, e pola contra debería ter contado cun técnico industrial independente”.

Dende a organización nacionalista solicitan do goberno municipal a revisión do contrato, dentro das vías de revisión contempladas nos pregos de condicións.