A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, informaron que ao mediodía de onte comezaron as vacinacións contra a COVID-19 entre o persoal do Servizo de Axuda no Fogar, SAF, do Concello de Mos. En total serán vacinadas un total de 53 traballadoras. No día de onte recibiron a vacina un total de 30 traballadoras e nos vindeiros días vacinaranse as 23 restantes.
O motivo de facelo por tramos, tal e como explica o Concello de Mos, permitirá que no caso de que algunha traballadora experimentase algún tipo de reacción e non puidera acudir ao seu traballo, o servizo non quedara desprovisto de persoal.
O persoal do SAF é un dos colectivosmáis imprescindibles durante esta crise sanitaria para o Concello de Mos. Ademais de non ter interrompido a súa actividade laboral en ningún momento da pandemia, cubriron tamén desde abril de 2020 o SAF Temporal Extraordinario activado pola Xunta de Galicia “e nunca deixaron de prestar servizo nos domicilios das 114 familias ás que atenden, aínda que neles existise algún positivo por COVID-19”, sinala a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro. Para elo as traballadoras contan coa axuda e colaboración do Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Mos e coa Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mos, que as acompañan aos domicilios para facilitarlles a colocación de todos os EPIs dos que teñen que ir provistas e á saída para a pertinente desinfección e retirada dos mesmos.
As representantes municipais, Arévalo e Cebreiro, destacaron “a importancia fundamental deste colectivo de traballadoras que se volven imprescindibles en tempos como os actuáis, xa que moitos dos usuarios do servizo son maiores enfermos que viven sós, e sen elas quedarían desatendidos. Ademais ao ser Mos un Concello eminentemente rural, moitas familias elixen este servizo para garantir a atención aos seus maiores antes que un centro, por exemplo. De ahí a importancia de que se vacinen, para que estean protexidas no seu posto de traballo e na súa vida cotiá e poidan levar a cabo o seu vital labor con seguridade e tranquilidade para elas e para os seus usuarios”, concluíron.
Por último rexedora local e edil de Política Social insistiron no “importante papel que xogan as traballadoras do SAF nos Servizos Sociais Municipais e no gran vínculo e coordinación que manteñen coas Traballadoras Sociais deste departamento, para garantir que maiores e familias usuarios estean perfectamente atendidos cada día”.