A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou onte das novas medidas que se están a estudar e tramitar por parte do Concello de Mos para apoiar á hostelería local:
1º) A pasada semana, unha vez realizado o diagnóstico do número de hosteleiros existentes en Mos, chamóuselles a todos por teléfono para preguntarlles a súa situación.
2º) Tamén durante esta semana o goberno local, xunto co departamento municipal de Tesourería e Recadación, estivo traballando para poder anunciar unha serie de medidas de apoio ao sector que se concretarán nunha reunión cunha representación dos hosteleiros que se celebrará o vindeiro mércores 18.
3º) Lembrar que, desde o inicio da pandemia, o Concello de Mos ten derogada a taxa das terrazas.
4º) Creouse e estase a implementar a plataforma web ‘Queda en Mos. Todo ao teu alcance’.
5º) No Pleno do mes de setembro aprobouse unha moción para instar ao goberno central a que lle permitise ao Concello de Mos modificar o IBI e o imposto de rodaxe para así poder aplicarlles aos contrinuíntes bonificacións e/ou exencións. Xa que a administración local non os pode modificar se non llo autoriza, ao tratarse de 2 impostos que están regulados pola normativa Estatal.
6º) Na mañá de onte remitíuselle unha carta á alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, presidenta do Consorcio de Augas do Louro, para pedirlle que se aplique a bonificación do recibo do saneamento e abastecemento de auga aos hosteleiros de Mos, O Porriño, Salceda e Tui (4 municipios integrantes do Consorcio).
7º) O Concello de Mos está traballando para intentar poder bonificar aos hosteleiros o recibo do lixo na parte proporcional correspondente aos 5 meses de afección á hostelería en 2020 que foron: marzo, abril, maio, novembro e decembro; xa que se considera que a obrigación dun peche, aínda que sexa a partir das 23.00 horas, constitúe unha afección.
8º) A partir do vindeiro luns, 16 de novembro, desde o Concello de Mos establecerase contacto de novo con todos os hosteleiros para que saiban que a partir do mércores 18, tras a celebración da xuntanza cos seus representantes na que se concretarán todas as medidas a poñer en marcha, poderán solicitar as axudas pertinentes.
9º) A solicitude de axudas por parte dos hosteleiros centralizarase na Axencia de Colocación de Mos. A petición deberá formalizarse a través dun impreso específico que poderá presentarse telemáticamente, por via dixital. O persoal da Axencia estará a disposición dos hosteleiros que precisen axuda para realizar estes trámites, que incluirán a aportación dunha serie de documentos, ademais de presentar o devandito formulario cumprimentado.