Por terceiro ano consecutivo, a Librería Arte Ciencia, en Mos, súmase ao Entroido e o seu xa tradicional ‘Concurso de Disfraces Literarios Arte Ciencia’. O concurso nace coa vontade de realizar unha actividade que, non só anime a gozar desta festividade, senón que sirva como un incentivo de cara ao fomento da lectura.
Os premiados recibirán lotes de libros das editoriais Anaya e Xerais, ademáis de diplomas, así como vales de desconto no caso dos finalistas. Ademais, o gañador ou gañadora do Premio do Xurado recibirá un trofeo ao mellor disfrace.
A dinámica do concurso e sinxela; basta enviar unha fotografía a info@arteciencia.es co disfrace dun personaxe literario ou dun autor, que posteriormente se subirá a un álbum de fotos do concurso na páxina de Facebook da librería, onde poderá votarse.
Dende a librería animan a participar, “non só aos nenos, senón tamén aos mozos, as familias e os grupos ou parellas que o desexen, xa que todas as propostas serán valoradas e optarán tanto ao premio do público como ao do xurado”. Poderase participar ata o día 1 de marzo, incluído; as bases pódense consultar na web da librería (www.arteciencia.es).
Os organizadores salientan que grazas a este concurso “podemos descubrir moitos personaxes que quizais tiñamos asociados coa televisión ou o cine, pero que realmente son personaxes que naceron dun libro e que inspiraron a súa posterior adaptación ao audiovisual”.