O BNG vén de sinalar as carencias das obras realizadas no Clube de Tenis Tui, actuacións que cualifica de “deficientes” e que teñen que ver coa calidade das redes, dos tubos e mallas, algúns deles xa rotos ou deformados. Destas últimas, algunhas das que se sitúan no perímetro das instalacións nen sequera se atopan ben ancladas.
Considera a formación nacionalista que é “paradigmático” o caso da caseta das duchas “que segue a estar colocada sobre rodas, igual que antes da obra, e agora, xa inaugurada, non conta aínda con luz nen auga quente e tampouco tivo ningunha mellora no desaugadoiro”.
Ademais, os nacionalistas indican que non se tivo en conta o entorno que rodea o complexo. “O terreo que rodea as pistas –sinala o BNG– está a maior nivel que estas, o que vai facer que coa chuvia a terra entre dentro das mesmas. Non se considerou a posibilidade de ter preparado un lugar cuberto para os pais que levan ós nenos a entrenar, pensando sobre todo nos meses de inverno”.
A estes problemas engádense, segundo os nacionalistas, pequenas deficiencias como a mal acoraxe da porta de entrada ou o estado da caseta da luz. “Todo isto fai que estas obras, despois dunha inversión de 53.095,22 euros, e a catro días da súa inauguración, presenten xa un mal estado”, apunta o BNG tudense.
A súa voceira local, Carme Núñez recorda que “o club de tenis conta con 60 deportistas federados. Moitas destas deficiencias teríanse evitado se se contara coa opinión e o coñecemento que teñen os membros do club en canto as súas necesidades.”