8.1 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiJuan Carlos García-Valdecasas e a Radio Municipal de Tui, premios ‘Cidade de...

    Juan Carlos García-Valdecasas e a Radio Municipal de Tui, premios ‘Cidade de Tui’ 2023

    O cirurxián tudense Juan Carlos García-Valdecasas Salgado, na categoría individual, e a Radio Municipal de Tui, na modalidade colectiva, recibiron o pasado sábado os ‘Premios Cidade de Tui’ 2023, na gala celebrada no Teatro Municipal.

    O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, entregou sendos premios, poñendo en valor o labor dos premiados. Dicía que “a gratitude e a xenerosidade fixeron posible a existencia desta bimilenaria cidade”.

    Con respecto a Juan Carlos García-Valdecasas  indicaba que “ao premiar a súa traxectoria tamén premiamos ao conxunto dos profesionais sanitarios deste país, aos que tanto lles debemos e a veces pouco lle recoñecemos”. Engadía que “Juan Carlos é un claro exemplo desta profesionalidade e dese sistema sanitario magnífico do que disfrutamos os españois”. Mentres sobre o premio colectivo indicaba que “30 anos de traxectoria dunha radio pública municipal reflicte que as cousas se fixeron moi ben e que grandes profesionais estiveron e están ao fronte da nosa radio municipal”. Engadía que “eses 30 anos de radio reflicten ese traballo serio e rigoroso”.

    Remataba Enrique Cabaleiro indicando que “todos como tudenses nos sentimos moi orgullosos de que un médico tudense sexa referencia mundial, e todos  como tudenses nos sentimos moi orgullosos de que un medio de comunicación local sexa o principal medio de comunicación que temos na comarca”.

    Pola súa banda a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, lembraba no acto coma estes  Premios Cidade de Tui “naceron para celebrar, para recoñecer o labor de milleiros de persoas, a nivel individual e de maneira colectiva, que nos enriquecen e que fixeron que nos sintamos orgullosos da sociedade que construímos ao longo destes séculos”. Engadía a concelleira que “sen vos, os tudenses, esta cidade non tería acontecido tal e coma a coñecemos, esa colina de pedra da que falaba Eliseo Alonso, non sería a que é sen a aportación de milleiros e milleiros de homes e mulleres que de maneira individual e ou en comunidade traballaron, e seguirá acontecendo para seguir construíndo entre todos a mellor cidade”.

    Tras recibir o premio o médico Juan Carlos García-Valdecasas confesaba que para el “é unha honra e unha gran alegría que se me concedera esta importante distinción”.  Destacaba que  “sempre tiven a Tui coma referencia, estou moi orgulloso de ter nacido aquí”. Lembrou a casa familiar da rúa Canicouva, os veráns en Tui, e coma sempre que pode aproveita para vir á cidade e ensinar Tui e Galicia.  Dicía García-Valdecasas que “despois de 44 anos de exercicio profesional, de máis de 2.500 transplantes realizados polo seu grupo, de ter percorrido o mundo, véxome aquí e o que máis ilusión me fai é compartir estes momentos cos que me acompañaron naqueles veráns inesquecibles”. Tamén se refería a súa carreira profesional indicando que “tivemos a oportunidade de facer algo que cando rematei a carreira era impensable” sinalando que “co transplante de fígado fomos capaces de cambiar a vida e a calidade de vida de moitísimas persoas”.

    Na súa intervención, o director da Radio Municipal de Tui, José Font, tras recoller o premio salientaba que “hoxe estamos aquí polo o esforzo de centos de persoas, este é un premio colectivo, i é que desde hai trinta anos son centos as persoas que traballaron ou colaboraron con esta emisora, a todos eles quero dicirlles que este premio é de todos e de todas”. Afirmaba que “a información local, interesa , como interesou sempre e interesará no futuro” polo que “radio local seguirá falando do que pasa o lado da casa , na cidade ou na comarca do día a día de cada un de nós”.  Indicaba Jose Font que “a Radio Municipal de Tui, é percibida por moitos como a radio da casa, esa voz familiar que nos acompaña, coa que  rimos, falamos …e as veces… ata discutimos”.  Agradecía o apoio que, dende o seu comezo, “sempre mostrou o Concello de Tui” e daba as grazas aos cinco alcaldes que nestes 30 anos tivo Tui  cos que “a radio funcionou dun xeito autónomo e independente”.  E remataba sinalando que “este premio é merecido, merecido por todos aqueles que dedicaron o seu tempo a facer da Radio Municipal de Tui a radio que é”.

    A Gala contou coa actuación da Banda de Gaitas Arume de Malvas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.