Mércores, 11 Decembro de 2024

Do 1 ao 9 de setembro celebrarase o programa de conciliación Igual É +

A inscrición está aberta até este venres. Haberá 7 grupos, 2 no centro urbano e en 5 parroquias

Do 1 ao 9 de setembro vaise desenvolver o Programa de Conciliación “IGUAL É +” dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos empadroados no concello de Tui. O Concello de Tui, a través da concellería de Igualdade pon en marcha esta actividade para promover a conciliación da vida laboral, familiar e persoal. O obxectivo é fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes a través da conciliación dos seus tempos persoais, laborais e familiares incorporando a perspectiva de xénero para fomentar a igualdade entre mulleres e homes nos nenos e nenas que participen neles.

Este programa de fomento da Conciliación “IGUAL É +” foi concedido pola Secretaría Xeral da Igualdade, e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e polo Concello de Tui.

Ofértanse 70 prazas para nenos e nenas distribuídos en 7 grupos de 10 integrantes a realizar tanto no centro urbano coma nas parroquias de forma simultánea.

Cada grupo traballará sobre unha temática específica tendo en conta o principio de igualdade e aplicando a perspectiva de xénero:

1.         Tui Urbano 1: Temática. Mulleres Senlleiras Galegas

2.         Tui Urbano 2: Temática. As Profesións

3.         Caldelas De Tui: Temática.  Educación Emocional

4.         Guillarei: Temática. Artes Escénicas

5.         Pazos De Reis: Temática Descubre O Teu Talento

6.         Randufe: Temática Música E Baile

7.         Areas.: Temática. A Natureza

Así do 1 ao 9 de setembro, en horario de 9 a 14 h, os nenos e nenas participantes en Igual É + realizarán actividades coma Mirando con lentes de xénero; Coñecendo os nosos dereitos humanos; Uso do tempo e división do traballo dentro das familias; Obradoiro de análise de actividades e roles; Treatrévete (teatro para traballar os estereotipos de xénero); Contos ao revés; Eu son e podo; Xincana non sexista; Cancións pola igualdade; Xogos tradicionais galegos; Xogos deportivos para traballar os roles de xénero; Xincanas temáticas e Actividade de orientación e xincana medioambiental. Contará cun estrito protocolo COVID de medidas hixiénico sanitarias.

As persoas interesadas teñen que cubrir o formulario de inscrición, dispoñible en tui.gal e presentalo por rexistro de entrada ou na sede electrónica até este venres, 28 de agosto, xunto coa documentación requirida nas bases da convocatoria (fotocopia do Libro de familia, declaración da renda de 2019, certificado acreditativo do grao de discapacidade e copia do ditame técnico facultativo, emitido polo equipo de valoración e orientación correspondente da/o menor, certificado de familia monoparental, sentenza de separación ou divorcio ou convenio regulador e acreditación da necesidade de conciliación).

As prazas ofertadas cubriranse por rigoroso orde de inscrición tendo prioridade os/as nenos/as empadroados/as no Concello de Tui, e seguindo os criterios establecidos nas bases do programa, entre eles o nivel de renda da unidade familiar.

A información sobre este programa Igual É + pódese ampliar no 986 60 36 25 ext. 54.