O próximo luns, 4 de novembro, ás 14 h na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica, terá lugar unha charla informativa dirixida ao comercio local para informar da creación da Rede de Mercados e Comercios no Camiño. Trátase dun proxecto impulsado pola Dirección Xeral de Comercio, dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Esta actividade está organizada pola Concellería de Comercio do Concello de Tui.
A propia directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, estará en Tui para explicar os obxectivo desta Rede e o proceso que deben realizar os comercios interesados para adherirse. Tamén participará na charla a concelleira de Comercio de Tui, Ana Mª Núñez. O prazo para solicitar a pertenza á rede remata o venres 8 de novembro. Na charla do próximo luns tamén se dará conta das distintas iniciativas que a Dirección Xeral de Comercio vai impulsar de cara ao ano 2020 dirixidas ao comercio galego, especialmente no relacionado do Camiño de Santiago.
Os e as comerciantes interesados en participar na charla informativa do luns deberán confirmar a súa asistencia no correo [email protected] ou no teléfono 677 41 84 05.
Rede de Mercados e Comercios no Camiño
Os establecementos que formen parte da Rede de Comercios no Camiño recibirán un distintivo identificativo e elementos promocionais, ao tempo que se beneficiarán das diferentes actuacións de dinamización que se leven a cabo na Rede no marco do Xacobeo 2021.
A orde que regula a adhesión de establecementos a esta Rede inclúe tamén unha convocatoria de axudas de ata 2.800 euros por beneficiario para que os comercios adheridos que así o desexen editen coa imaxe da Rede de Comercios e Mercados no Camiño solucións en material biodegradable de empaquetado exterior, tanto para o seu envío como para a presentación do produto, protección ou para o seu consumo. Tamén poderán obter apoios para a edición personalizada de selos para as credenciais dos peregrinos.