11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño ultima os pasos para o lanzamento da súa plataforma de venda...

    Tomiño ultima os pasos para o lanzamento da súa plataforma de venda online, ‘Atenda.gal’

    Agardan pola en marcha nas vindeiras semanas aproveitando a campaña de Nadal

    O Concello de Tomiño está ultimando os últimos pasos para a posta en marcha da esperada plataforma de venda online para o comercio local, que levará o nome de ‘Atenda.gal’. Nun inicio espérase que a plataforma conte coa presenza de aproximadamente 20 comercios, aínda que posteriormente poida haber máis incorporacións.

    A posta en marcha da plataforma espera poder aproveitar o impulso de partida que a campaña de Nadal vai proporcionar ao comercio local, ademais de aproveitar unha fiestra comercial nun momento no que unha nova reclusión domiciliaria é unha posibilidade a ter en conta, coas repercusións que isto ocasionaría nos negocios máis pequenos.

    Para conseguir que a plataforma partise dunha base o máis sólida posible, o Concello de Tomiño organizou, a través do seu Departamento de Promoción Económica e Comercio Local, un plan de formación dos seus comerciantes para dotalos de ferramentas e coñecementos nas novas tecnoloxías dixitais. O programa, iniciado en maio de forma online debido á pandemia, contou coa axuda de varios formadores que proporcionaron aos comerciantes pautas sobre o uso de redes sociais, fortalecer a presenza en Google ou realización e edición de fotografías entre outros moitos temas.

    Logo de finalizar o programa nas últimas semanas, os comerciantes cubriron unha enquisa de satisfacción sobre a formación recibida cuxos resultados permiten apreciar unha satisfacción moi maioritaria: O 85,8% deles consideraron que grazas á formación están bastante ou moito máis preparados para iniciarse na venda online dos seus produtos, ademais de amosar o 92,8% un grao de satisfacción co curso notable ou excelente.

    A alcaldesa, Sandra González, valorou positivamente a experiencia. “Cremos que esta formación vai dar un impulso moi importante ao comercio local á hora de adentrarse na venda a través de internet e esperamos que pouco a pouco máis comercios se dean conta da oportunidade que supón a nova plataforma e se vaian sumando tamén”, afirmou.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.