Este ano, o Concello organiza para as Festas do Alivio unha exposición da fotógrafa tomiñesa Pily Reñones, que leva por título ‘Camiños Converxentes’. A mostra, que estará aberta ao público entre o 7 e o 30 de setembro no Mercado Municipal (1º andar), e foi inaugurada o pasado sábado ante numeroso público.
A exposición consta de máis de sesenta retratos en branco e negro de mulleres de Tomiño exercendo a súa profesión ou oficio, ou desfrutando de momentos cotiáns, de reunión e ledicia. A fotógrafa, que dedicou a maior parte da súa carreira a fotografías de vodas, explicou que esta mostra retrata a mulleres de Tomiño; de distintas idades e condicións, desenvolvendo os seus oficios en diferentes espazos e épocas.
[su_image_carousel source=”media: 5950,5949,5947″ crop=”16:9″ link=”lightbox”]
Pily Reñones foi nomeada aos premios Goya de Fotografía (da Asociación de fotógrafos profesionais de Zaragoza) pola fotografía ‘Holanda’, na que a autora retrata a unha ancián da localidade aurensá de Riós.
Recentemente, o Concello celebrou unha homenaxe á fotógrafa, durante a cal esta fixo entrega á alcaldesa de Tomiño dunha copia enmarcada da devandita fotografía.