Mércores, 11 Decembro de 2024

«Oia usté!» de María Meijide amosa a vida de Oia nun diario gráfico

A actividade está encadrada nos eventos de «Camiño A Dentro» promovido pola Deputación de Pontevedra e explica a través da narrativa cromática e texto o acontecer diario do municipio

Os arredores do mosteiro de Santa María de Oia ofrecen o marco idóneo para que hoxe venres, 11 de outubro ás 18 horas, María Meijide amose o seu proxecto ‘Oia usté!’, un auténtico diario gráfico de narrativa cromática e texto.

Meijide ofrecerá unha peza que dá conta dalgúns aspectos da vida no concello de Oia: a paisaxe cara ao mar, as e os peregrinos que camiñan, os burros Cuca e Carolo, as memorias das pedras do mosteiro (o cárcere, segundo a xente da localidade) e moito máis.

A autora

María Meijide (Santiago de Compostela, 1978) é licenciada en Belas Artes, especialidade de Pintura, pola Universidade de Sevilla en 2003. Ten un máster en Pintura pola Universidade de Lisboa (2009-2011). Exposicións varias en Arlés, Lalín, Milán, Monforte de Lemos, Zacatecas (México), Sevilla, Lisboa, Compostela, Ponferrada, Marsella, Bruxelas etc. 

A produción de María poderíase agrupar baixo a etiqueta de “figuración realista de rastro autobiográfico”. Trátase fundamentalmente de pintura (aínda que tamén hai algo de fotografía, ilustración e texto) e organízase en dous momentos: produción de temática viaxeira, de factura rápida e itinerante, e produción de temática doméstica, de obradoiro. No primeiro bloque atópanse un amplo grupo de proxectos ao redor da idea de viaxe (Rumbo Zacatecas, Cacheiras-Dakar, diarios gráficos etc.). No segundo atópanse producións vinculadas á idea de casa e ao mundo do cotián (bodegóns, interiores, retratos de familia e amizades, escenas íntimas etc.).