“Logo do deterioro progresivo dos servizos sanitarios de atención primaria no municipio”, o Concello do Rosal vén de a todo o asociacionismo, partidos políticos, sindicatos, persoal sanitario, Comunidades de Montes, Comunidades de Augas e veciñanza en xeral a participar este venres 6 de marzo na creación dunha Plataforma en Defensa da Sanidade Pública que teña como obxectivos “denunciar as carencias de atención primaria e reivindicar os servizos sanitarios que nos corresponden”. O acto de constitución, que estará aberto a todo o público, terá lugar ás 20:00 h nos baixos do Concello.
A constitución desta plataforma foi aprobada en Pleno, por unanimidade, o pasado mes de outubro. Con ela búscase “facerlle fronte á situación na que se atopa a sanidade pública no Concello do Rosal que, se ben non é o único concello da comarca afectado, si é un dos municipios no que os problemas teñen unha incidencia maior, coa peor ratio en termos de usuarios e usuarias por persoal sanitario e cunha precarización xeralizada que se acentúa canto máis nos achegamos a zonas rurais”, como salienta a alcaldesa Ánxela Fernández.
Esta plataforma en Defensa da Sanidade Pública, que xa ven funcionando noutras comarcas, busca integrar a toda a sociedade na procura de poñer freo aos recortes nos servizos da sanidade pública, algo que “está poñendo en perigo a vida das persoas. A sanidade, igual que a educación ou o transporte público, deben ser cuestións transversais”.