Martes, 12 Novembro de 2024

O programa ‘Vacacións en paz’ busca familias de acollida no Rosal

O Concello súmase a esta iniciativa de Sogaps a través da que nenos e nenas procedentes dos campamentos de refuxiados de Tindouf pasan dous meses de verán en Galicia

O programa ‘Vacacións en paz’ busca familias de acollidas no Rosal. O Concello achega a súa colaboración a esta iniciativa da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) a través da que cada ano nenas e nenos procedentes dos campamentos de refuxiados saharauís de Tindouf pasan os dous meses de verán en Galicia.

As familias interesadas en participar deberán acoller a unha nena ou un neno durante os meses de xullo e agosto, nos que as temperaturas no Sáhara superan os 50 graos. Deste xeito, con ‘Vacacións en paz’, familia e asociación facilitan ás e aos menores asistencia médica e alimentación, ademais de favorecer a convivencia e integración, perfeccionar a aprendizaxe do castelán e do galego, promover valores de tolerancia e solidariedade e ofertar unha alternativa de lecer á rapazada.

A concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Beatriz Rodríguez, anima ás familias rosaleiras a sumarse a esta iniciativa que “ofrece a infancia nada nun clima de guerra unha estancia agradable na que coñecer formas distintas de vida, contribuíndo á súa formación e tamén a mellorar e potenciar o entendemento entre os pobos galego e saharauí”.

Rodríguez visitou o pasado mes de decembro os campamentos saharauís de Tindouf nun encontro organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e de Sogaps co fin de coñecer de primeira man a realidade das persoas refuxiadas e os proxectos de axuda humanitaria impulsados dende Galicia, así como visibilizar o apoio institucional de diferentes administracións locais galegas á causa saharauí.

As persoas interesadas en participar poden solicitar máis información chamando ao teléfono de Sogaps 678 727 382.