Domingo, 26 Xaneiro de 2025

O Rosal acollerá un curso sobre a comercialización de produtos de horta ecolóxica

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), celebrará o vindeiro xoves, 7 de outubro, no concello do Rosal un curso sobre a comercialización de produtos de horta ecolóxica. Esta formación terá lugar no espazo de autoarranxo (ao carón do Centro Público Integrado Manuel Suárez Marquier) en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 18:00 horas.

O obxectivo principal da xornada é dar a coñecer as novas tendencias e demandas deste mercado, ademais de axudar a comprender as posibilidades de comercialización dos produtos ecolóxicos de horta a través de novas canles. Tamén se abordará o novo regulamento de produción ecolóxica, así como aspectos relativos á comunicación ambiental destes alimentos en relación cos novos desafíos produtivos, como son o cambio climático e o quecemento global. A acción formativa finalizará cunha visita a unha cooperativa agraria da zona.

A xornada está dirixida en xeral a persoas vinculadas profesionalmente coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar a solicitude de asistencia correspondente, que debe remitirse cuberta ao enderezo electrónico   [email protected]. Os interesados en obter información adicional poden chamar ao teléfono 981 540 282.