Mércores, 11 Decembro de 2024

O Rosal, A Guarda e Tomiño solicitarán ao Goberno o recoñecemento das propiedades veciñais da liña de costa

As comunidades de montes denuncian que o Estado está a realizar unha “confiscación encuberta das terras comunitarias”

A alcaldesa de O Rosal, Ánxela Fernández; a tenente de alcalde da Guarda, Montserrat Magallanes, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, acordaron, tras unha reunión coas comunidades de montes dos tres municipios, esixir ao Goberno de España as modificacións lexislativas necesarias para o recoñecemento das propiedades veciñais da liña de costa por parte do Estado.

O Concello do Rosal levará a pleno este xoves 29 de xullo (20.00 h, no Centro Social Polivalente) unha moción conxunta para poñer de manifesto que os montes veciñais en man común son lexítimas titularidades da veciñanza comuneira e solicitar ao goberno os cambios na regulación.

Esta solicitude é produto das denuncias dos comuneiros após que o Catastro remitiralles varias cartas para advertir que a titularidade desas propiedades corresponde á Administración do Estado. As comunidades de montes avisan que se está a realizar unha “confiscación encuberta das terras comunitarias”.

O Estado ampara esta actuación ao amparo do artigo 9 da lei de Costas que di “que dentro da demarcación marítimo-terrestre, non poderán existir territorios de propiedade distinta da demanial do Estado”, pero para os comuneiros esta interpretación non é correcta. Consideran que a natureza colectiva das terras comunitarias está protexida pola lei de Montes Veciñais, e non deben ser tratadas como as propiedades privadas.

Recollidas estas denuncias, esta moción conxunta recolle solicitar ao Estado a modificación do artigo 9 da lei de Costas, no que se inclúa que as titularidades comunitarias poidas existir nas demarcacións marítimo-costeiras, e a modificación do artigo 388 do Código Civil para que se recoñeza aos montes veciñais á par dos bens de dominio público e privado.