Martes, 10 Decembro de 2024

Concello do Rosal e UD Ribera falan de proxectos de presente e futuro ao abeiro do programa ‘A veciñanza conta’

A alcaldesa reuniuse coa directiva do club, coa que abordou a reforma do campo de fútbol para crear unhas instalacións plenamente inclusivas

O Concello continúa construíndo O Rosal do futuro coa colaboración do tecido asociativo do municipio. Ao abeiro do programa ‘A veciñanza conta’, alcaldesa e directiva da UD Ribera mantiveron estes días un encontro no que abordaron proxectos de presente e de futuro do club, como a reforma do campo de fútbol da Mata “para convertelo nunhas instalacións plenamente inclusivas a medio prazo. Somos un concello comprometido que busca facer do municipio un lugar accesible para todos e todas, tamén no eido deportivo”, salienta a rexedora, Ánxela Fernández Callís.

Durante a reunión alcaldesa e UD Ribera trataron principalmente a primeira fase do proxecto para crear un campo de fútbol accesible, que comezará nos vindeiros días coa licitación das obras de reforma integral dos vestiarios. Concello e club tamén comezarán a traballar no proxecto de cambio do céspede do campo, unha necesidade detectada pola entidade deportiva e para a que “buscaremos non soamente financiamento, senón tamén levalo adiante de xeito planificado para minimizar o efecto na actividade deportiva que se leva a cabo nel”.

A reforma dos vestiario incluirá a mellora da accesibilidade aos sete vestiarios independentes cunha nova distribución e xerando novos espazos accesibles tanto para o persoal técnico como para as e os xogadores. Así, aumentarase o número de duchas dispoñibles con cabinas accesibles, ampliarase a porta de acceso a estas instalacións ou instalaranse portas corredoiras para comunicar os vestiarios 1 e 2 e 3 e 4 e poder dispoñer así dun espazo único con dobre capacidade.

Durante o encontro a alcaldesa quixo poñer en valor o gran traballo que está a desenvolver a UD Ribera, “cunha clara aposta pola canteira e cunha reactivación exemplar tras a crise sanitaria. É un orgullo contar con entidades como este club, un dos poucos que durante a pandemia soubo adaptarse para manter a actividade deportiva entre nenos e nenas, algo tan importante para a saúde xeral, especialmente nun momento tan delicado”.

Por outra banda, en setembro a UD Ribera tamén colaborará no proceso participativo que porá en marcha o Concello ao abeiro da Axenda 2030, coa que abordar os retos sociais, ambientais, económicos, culturais ou educativos para un desenvolvemento urbano sostible.