18.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalA segunda fase das obras EP-3303 entre Tabagón e Goián

    A segunda fase das obras EP-3303 entre Tabagón e Goián

    As obras para mellorar a mobilidade peonil da EP-3303 entre Tabagón e Goián, no concello do Rosal, avanzan ao ritmo esperado e está a piques de rematar. Así o anunciou a presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, nunha vista realizada para coñecer o estado da intervención xunto á alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, na que, ademais, informou da posta en marcha da segunda fase da mesma, que chegará ata o P.Q. 3+600 cun orzamento de 795.872 €. Crear un espazo no que peóns e vehículos poidan convivir en harmonía é o obxectivo destas obras. Trátase, en palabras de Carmela Silva, dunha infraestrutura “que vai dar resposta ás demandas da veciñanza de ter espazos seguros polos que camiñar, así como a unión de dous concellos cunha profunda relación histórica”. Nesta liña tamén falou a alcaldesa do Rosal, que destacou que esta obra camiña cara á construción “dun concello na que as persoas sexan o centro”, para o que é vital a colaboración da Deputación.

    Ademais, esta actuación vén de recibir para a súa primeira fase unha importante subvención de 472.623 €, o 73 % do custe total, que ascende aos 650.444 €, do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. Como explicou Carmela Silva, recibir esta subvención do IDAE  é un recoñecemento de que “estamos facendo as cousas ben, é dicir, aquelo que demanda a Unión Europea”, pois tras recibir os fondos europeos refinánciase a parte restante (177.822 euros) que asumen Deputación e Concello cos mesmos criterios de reparto do convenio orixinal.

    Desta maneira, o organismo provincial asumirá o 80%, é dicir, 142.257 euros, mentres que o 20% restante, 35.564 euros, correrá a cargo do Concello.  Con este novo reparto sobre a mesa, o Concello do Rosal aforra 94.525 euros dos 130.088 que aportara nun inicio. Destes máis de 90.000 euros aforrados, a Deputación devolveralle ao Concello 53.598 euros. O resto (40.927 €) son os fondos pertencentes ao Plan Concellos 2020, que a entidade local poderá dedicar a outros investimentos.

    As obras desta primeira fase abranguen os primeiros 1,8 km dos 4,5 que ten a estrada. Como parte das actuacións, estase a ampliar a plataforma de circulación ata un ancho de 9,10 metros e situando unha senda peonil na marxe dereita, ou unha zona de convivencia peonil naquelas zonas nas que no hai espazo suficiente, como a contorna do Centro Rural Agrupado (CRA) María Zambrano. Ademais, están a instalarse redutores de velocidade, renóvase a rede de drenaxe e se fai a canalización subterránea para a futura renovación do alumeado público. Por outro lado, reducirase a velocidade máxima a 30 km/h, se ben baixará a 20 km/h na zona da escola unitaria. Todas estas actuacións levarán parella unha redución do consumo de enerxía final do 9,2%, así como do 9,6% en canto a emisións.

    Con este proxecto o que se busca é recuperar espazos para as persoas e fomentar a mobilidade sostible, nunha zona na que o tráfico rodado é intenso mais tamén hai unha importante mobilidade peonil de veciños que van a Tomiño, así como peregrinos que fan o Camiño Portugués pola Costa. Carmela Silva destacou, ademais, “o compromiso que están tendo os concellos da provincia con este cambio de modelo para construír unha axenda urbana e rural na que a xente sexa dona dos espazos”.

    Segunda fase

    A segunda fase das obras, para a que xa está redactada o convenio e sacarase a licitación en canto estea aprobado, actuarase no seguinte tramo, ata o punto quilométrico 3+600 para crear itinerarios peonís continuos na totalidade da zona. Neste días enviarase o convenio ao Concello, para aprobar un orzamento de 795.872 euros que estará cofinanciado ao 80% – 20% entre Deputación e o Concello.

    O prazo de execución desta obra é de dez meses e contempla varias actuacións. Por unha banda, no tramo da Igrexa de San Bartolomeu de Eiras executarase unha zona de convivencia sobreelevada con prioridade peonil, mentres que no resto deseñaranse sendas peonís desagregadas dos vehículos. Tamén se renovará a capa de rodaxe e de pavimento de formigón con bandas de pedra na zona de convivencia con redutores de velocidade e pasos sobreelevados. Ademais de mellorar a mobilidade peonil, na segunda fase das obras da EP-3303 executaranse redes soterradas de recollida de augas pluviais con cunetas transitables e de alumeado con arquetas para a futura colocación de farois.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.