A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural pon en marcha o proxecto ‘Música e Viño no Teu Camiño’, unha iniciativa que forma parte do programa O teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia, e que busca crear puntos de encontro entre as persoas que peregrinan polo Camiño de Santiago e a poboación local dun xeito diferente e orixinal: a través de tres eventos musicais que se desenvolverán nos concellos de A Guarda, Redondela e Tui.
“Trátase de dinamizar e ofrecer a poboación e peregrinos experiencias positivas e desestacionalizadas naqueles concellos do noso territorio polos que pasa o Camiño de Santiago.
Ao abeiro do programa ‘Música e Viño no Teu Camiño’, o vindeiro mes de outubro A Guarda, Redondela e Tui acollerán un concerto musical ao aire libre e totalmente gratuíto que será o eixo central dun espazo creado para fomentar as experiencias positivas arredor dos produtos do territorio, poñéndoos en valor e promocionándoos.
Así, o público asistente poderá degustar viños con D.O. Rías Baixas subárea do Rosal e desfrutar da gastronomía local a prezos populares. Os eventos celebraranse nas seguintes datas:
- 4 de outubro de 2019. Concerto de The Soul Jacket na Praza da Torre de Redondela.
- 12 de outubro de 2019. Concerto de The Pretty Shirts Rock&Roll Band na Praza do Reló de A Guarda.
- 19 de outubro de 2019. Concerto de Best Boy na Praza de San Fernando de Tui.
Todos os eventos comezarán a partir das 20:30 horas e contarán coa presencia e participación confirmada das adegas Quinta de Couselo e Terras Gauda.
Que é Eurural?
A Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural é a entidade sen ánimo de lucro responsable da execución da Medida Leader 2014-2020 no territorio recoñecido pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia como Grupo de Desenvolvemento Rural 14 (GDR14), que abarca 13 concellos do sur da provincia de Pontevedra: Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño e Tui.