10.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaO Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE presenta unha proposición non de lei en...

    O Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE presenta unha proposición non de lei en defensa do Centro de Saúde da Guarda

    A situación sanitaria vese agravada porque no servizo de urxencias (PAC), que atende ademais as localidades de Oia é o Rosal, so hai un equipo médico a maioría do tempo

    O deputado Socialista Julio Torrado desprazouse ata a Guarda para dar a coñecer, diante dos medios de comunicación e do Grupo Municipal Socialista, a proposición non de lei en defensa do servizo de saúde pública de Galicia e do Centro de Saúde da Guarda, presentada á mesa do Parlamento.

    Representantes do Grupo Municipal Socialista informaron ao deputado e fixeron pública a problemática concreta que está a sufrir a sanidade pública na Guarda.

    Respecto a situación do Centro de Saúde da Guarda dende Grupo Municipal Socialista manifestouse o “absoluto apoio aos traballadores e traballadoras e, por suposto a todos os veciños e veciñas que están padecendo unha mala xestión da cobertura de prazas vacantes motivadas por baixas, vacacións e permisos”.

    “Esta situación de falta de persoal sanitario no Centro de Saúde que vimos arrastrando na Guarda dende fai anos – explican as e os socialistas guardeses– ten como consecuencia unha deficiente atención pola sobrecarga das consultas. Ademais está provocando que as citas se estean dando con moito tempo de demora e incluso anulando moitas delas”.

    O alcalde da Guarda, Antonio Lomba e o deputado socialista Julio Torrado

    A situación preocupante da atención sanitaria na Guarda vese agravada, explican, “porque no servizo de urxencias (PAC), que atende ademais as localidades de Oia é o Rosal, so hai un equipo médico a maioría do tempo”.

    Chaman a atención dende o PSdeG-PSOE guardés sobre “o illamento do municipio” debido ás malas comunicacións o que fai, explican, “que chegar ao hospital de referencia leve case unha hora”, feito que é considerado polo PSOE como “un anacronismo en pleno século XXI”.

    Por se a situación non fora xa problemática, ao sinalado anteriormente engádense outras cuestións concretas que están acontecendo no Centro de Saúde da Guarda que contribúen a facer aínda máis deficiente a atención sanitaria aos veciños e veciñas. Entre esas cuestións, o PSOE guardés sinala o feito de que “hai dous médicos que levan moito tempo de baixa e as súas prazas están sen cubrir. A atención ás consultas destes facultativos estase a facer de forma inadecuada, quedando moitos días sen atender e con cambios constantes de médico”.

    O Centro de Saúde guardés conta con aproximadamente 10.000 tarxetas sanitarias, un número considerable de pacientes potenciais que, cando hai falta de cobertura das consultas, provoca unha distorsión moi importante no servizo. “Durante estas datas de Nadal, se o SERGAS non lle pon remedio, so se poderá cubrir, de media, o 50 % do servizo. Situación que se agrava polo incremento de poboación debido ao período de vacacións nos colexios e ao retorno, pola significación das celebracións, de moitos traballadores e estudantes”, puntualiza o PSdeG-PSOE.

    A todo o anterior hai que engadir que 23 xefes de servizo de Centros de Saúde, incluída a xefa do Centro de Saúde da Guarda, levan dimitidas dende fai máis dun ano. Isto provoca que a coordinación das axendas sexa moi deficiente, ao ser elaborada dende a xerencia comarcal, sen ter en conta as necesidades específicas da atención primaria na Guarda.

    “A situación que estamos a sufrir na Guarda e comarca levou a que cada xoves, moitos usuarios do Centro de Saúde, acudan ás concentración convocadas en defensa da sanidade pública”, sinalan as e os socialistas.

    Por outra banda, dende o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa do seu deputado e a súa deputada, Julio Torrado e Noela Blanco, presentouse a proposición non de lei para o seu debate en Pleno na que se propón, por unha banda, “garantir a correcta e plena asistencia sanitaria en atención primaria para o concello da Guarda no seu centro de saúde e a dotación dun novo equipo de profesionais para o PAC da localidade, que da servizo a outros concellos lindantes”, así mesmo, pídese que o conselleiro de Sanidade “atenda á solicitude de xuntanza dos representantes municipais dos concellos afectados no Baixo Miño, para aclarar a situación e ofrecer información sobre as medidas que a Consellería considere necesarias neste escenario”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.