A pasada fin de semana realizouse na Guarda a primeira das actividades do proxecto ‘O Camiño Aguárdate’, coa que o concello guardés participa no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia. A finalidade deste proxecto é divulgar os valores do camiño entre a poboación local e buscar un maior achegamento entre estes e os peregrinos.
Nesta primeira actividade participaron máis de 50 persoas, tanto a veciños da Guarda, como da contorna, que fixeron un roteiro polo Camiño Portugués da Costa entre a zona da Pasaxe(Camposancos) e a ladeira do Monte Trega.
En colaboración coa Asociación A Jalleira AFEA e a Comunidade de Montes de Camposancos os participantes puideron coñecer diferentes elementos patrimoniais e naturais desta etapa do Camiño Portugués da Costa, coñecendo durante a ruta os valores ambientais deste tramo e problemática das especies invasoras ó longo do camiño e os métodos para a súa erradicación rematando a actividade cunha reforestación con especies autóctonas.
Posteriormente os participantes prantaron árbores autóctonas que convivían antigamente no Camiño como cereixeiras, nogueiras, freixos, olivos, cereixeiras ou castiñeiros. Esta prantación realizouse nos terreos cedidos para a ocasión pola Comunidade de Montes de Camposancos e ó remate da xornada serviuse unha pequena merenda coa que repór as forzas e comentar as experiencias do día, cunha valoración moi positiva por parte dos participantes.