Mércores, 15 Xaneiro de 2025

A Xunta fixa uns investimentos iniciais por 16,5 M€ para a comarca do Baixo Miño no proxecto dos Orzamentos autonómicos 2022

A Xunta de Galicia vén de fixar uns investimentos iniciais de 16.583.762 euros para a comarca do Baixo Miño no proxecto de Orzamentos 2022, segundo informou o delegado territorial en Pontevedra, Luis López, que considera que estas achegas “serán fundamentais para o desenvolvemento e o progreso desta contorna do sur da provincia”.

“O punto de partida para o Baixo Miño por parte da Xunta xurde do noso compromiso con esta bisbarra e está fixado en máis de 16 millóns de euros, unha contía que vaise ampliar con total seguridade a través dos plans, convenios, ordes de axudas ou novos proxectos que xurden ao longo do ano”, manifestou o representante autonómico.

Luis López recalcou que a Xunta “é a institución que máis inviste, de longo, nesta comarca e ademais as actuacións deseñadas abranguen todos os ámbitos necesarios para a cidadanía, apostando polas infraestruturas viarias, as obras educativas, a conciliación, a formación e a creación de emprego, o mar, a vivenda e o turismo”.

O delegado territorial salientou que a principal actuación céntrase no avance, “que se agarda importante en 2022”, apostillou, da Vía de Altas Prestacións (VAP) entre Tui e A Guarda, que conta cunha achega para o vindeiro ano de 10.754.172 euros e que vai ser “fundamental” para a vertebración da comarca e a súa interconectividade con outras zonas da provincia.

“Os principais investimentos, por contía ou singularidade, roldan os 13,5 millóns de euros, pero as contas da Xunta tamén contemplan de xeito específico e nominal para os concellos do Baixo Miño outras actuacións de menor contía en instalacións deportivas, novas tecnoloxías, silvicultura, limpeza de montes e desbroces, obras educativas, transporte ou dixitalización no ensino ata alcanzar os citados 16,5 millóns iniciais de investimentos para o vindeiro ano”, significou o delegado territorial.