9.9 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaA produción de sal entre a Protohistoria e a Antigüidade na costa...

    A produción de sal entre a Protohistoria e a Antigüidade na costa da Guarda

    A Casa dos Alonsos da Guarda acolle o vindeiro venres, 29 de marzo, un encontro sobre a produción de sal entre a Protohistoria e a Antigüidade na Costa da Guarda e Viana do Castelo. O sal desempeñou un papel de grande importancia na economía da Antigüidade. Con usos domésticos, simbólicos e médicos de todo tipo, foi sobre todo un compoñente fundamental na industria de salgadura, tanto no comercio de peixe salgado como na preparación de prebes.

    Ao longo das dúas últimas décadas, o avance da investigación arqueolóxica permitiu documentar un importante conxunto de explotación do sal ao longo da costa da antiga Gallaecia. Neste encontro falaremos dos resultados do proxecto Mar de Sal no estudo das evidencias de aproveitamento do sal durante a Protohistoria e da gran transformación que experimentou a industria salineira a partir da chegada do Imperio Romano coa implantación de grandes salinas mariñas.

    Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural son unha iniciativa levada a cabo pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que comezou en novembro de 2015. A intención destes Encontros era xerar un espazo de difusión, debate, encontro e coñecemento arredor de diferentes proxectos que afectan ao patrimonio cultural en xeral e que moitas veces non chegan a un público amplo por diferentes motivos. Os encontros acollen a calquera persoa que se queira achegar a este espazo, ben sexa un profesional da xestión do patrimonio ou da cultura, ben sexa unha investigadora / investigador ou calquera axente social que teña interese polo patrimonio. Os protagonistas dos encontros son sempre o elemento patrimonial e o debate arredor del. Os encontros focalizáronse até o de agora en proxectos de arqueoloxía, rehabilitación, arquitectura, historia da arte ou mesmo en enfoques interdisciplinarios; pero tamén na xestión patrimonial, na divulgación do patrimonio, na participación cidadá e no conflito patrimonial; en patrimonios esquecidos e vivos, materiais e inmateriais, amigables ou conflitivos; nas políticas patrimoniais, nos encontros e des-encontros. Como se pode ver, nun abano moi amplo ao longo dos 23 Encontros anteriores.

    No ano 2018 puxeron en marcha o programa IN SITU, que traslada a difusión e reflexión ao contexto xeográfico e social dos bens, analizando no mesmo lugar as realidades patrimoniais. IN SITU quere contribuír a evidenciar a necesidade desa análise, pero tamén a crear outros lugares de reflexión fóra do seu habitual espazo na sede do CCG en Santiago de Compostela. Para este ano 2019, a temática seleccionada dentro deste programa é “A produción de sal en época romana no sur de Galicia e norte de Portugal”, sobre a que realizaremos dúas xornadas: o 29 de marzo na Guarda e o 30 de abril en Vigo, e que terán como obxectivo a reflexión arredor de diferentes proxectos que, ao longo dos últimos anos, interviñeron en distintos xacementos do sur de Galicia e do norte de Portugal relacionados coa produción de sal en época romana, de xeito que poidamos obter un panorama xeral sobre esta práctica no noso contexto xeográfico.

    A inscrición é gratuíta. Cómpre formalizalas á maior brevidade xa que o número de prazas é limitado e cubriránse por rigorosa orde de inscrición.

    PROGRAMA
    17:00 horas: Presentación
    Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega
    Rebeca Blanco-Rotea, coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega

    17:15 horas
    O proxecto Mar de Sal e o estudo das paisaxes do sal da Antigüidade
    Brais X. Currás, arqueólogo, Universidade de Coimbra-CEAACP

    18:00 horas
    As intervencións nas salinas de Oia e O Seixal
    Mar Cortegoso Comesaña, arqueóloga profesional

    18:45 horas
    A exploração de sal na Proto-História. O exemplo de Viana do Castelo
    Miguel Costa, Tiago Brochado e Jorge Machado, arqueólogos, Câmara Municipal de Viana do Castelo

    19:30 horas
    Debate

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.