Luns, 9 Decembro de 2024

A Guarda reforza a súa aposta pola reciclaxe e a compostaxe

O concelleiro de Servizos do Concello da Guarda, Miguel A. Español, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, reuníronse no mes de setembro na sede desta empresa pública en Cerceda, onde puideron comprobar o funcionamento da nova planta de recuperación de materiais. A reunión tiña como obxectivo estreitar a colaboración para avanzar cara a unha xestión máis sustentable dos residuos.

Segundo Miguel Español, que estivo acompañado na súa visita por membros do equipo de recollida municipal de residuos e voluminosos, as taxas locais de reciclaxe “están sendo boas, o certo é que o Concello da Guarda aspira a melloralas, toda vez que isto redundará nun maior beneficio ambiental e económico”.

Neste sentido, o concelleiro trasladou o “éxito e a boa acollida do programa de compostaxe doméstica” que se está desenvolvendo no municipio da man de Sogama e no marco do cal posibilitouse que 263 familias xa estean convertendo en abono a fracción orgánica dos refugallos domésticos.

Desta forma, conseguen pechar o ciclo de reciclaxe da mesma e evitan o seu depósito nos contedores verdes xenéricos, minimizando gastos.

O edil guardés trasladou a petición para a subministración dunha nova partida de composteiros “a fin de estender as prácticas de autocompostaxe a novas vivendas unifamiliares do municipio que dispoñan de horta ou xardín no que aplicar o compost resultante”, prevendo levar a cabo campañas de concienciación social en materia de medio ambiente.

Así mesmo, dou conta das limitacións coas que concellos coma o da Guarda se atopan nos meses de verán para organizar a loxística de recollida e xestión dos residuos, “xa que a poboación turística increméntase substancialmente e deben dobrarse esforzos para manter o municipio en boas condicións ambientais e de salubridade”, apuntou.

O obxectivo de Miguel A. Español é reforzar o número de contedores de recollida selectiva nas rúas de A Guarda, seguir impulsando a compostaxe doméstica e optimizar a recollida de vidro no ámbito da hostalaría con novos recipientes adaptados.

Trala reunión, Javier Domínguez convidou ao concelleiro e acompañantes a facer un percorrido polas instalacións do Complexo Medioambiental de Sogama, onde puideron ver, guiados polo xefe de Produción da entidade, o itinerario que seguen os residuos, tendo a oportunidade de constatar o bo funcionamento da nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa e que permitirá a Sogama incrementar a súa achega á reciclaxe e alcanzar no ano 2020 o vertido técnico cero.