15.8 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaA Guarda presenta un plan de crecemento dun 10 % anual no...

    A Guarda presenta un plan de crecemento dun 10 % anual no sector da flor cortada

    O Consorcio da Zona Franca analiza as posibilidades de apoio ao sector da flor cortada e planta ornamental, que conta cunha produción relevante na área de Vigo. Con este obxectivo realizará un estudo específico deste sector na zona do Baixo Miño, dentro do plan estratéxico que ten en marcha para a provincia. Ademais, o delegado do Estado, David Regades, acompañado polo alcalde da Guarda, Antonio Lomba, recibiu aos directivos da primeira empresa galega do sector, Flores Toxal, que lle presentaron o seu plan de investimento para crecer un 10% anual ata 2030.

    O delegado do Estado, David Regades, explicou que “o sector da flor cortada e a planta ornamental ten un potencial de crecemento importante polas condicións climatolóxicas idóneas do sur de Galicia, por iso desde a empresa de capital risco Vigo Activo estamos a estudar as posibilidades de acompañar o proceso de crecemento”.

    O alcalde da Guarda, Antonio Lomba, entende que “é moi importante para A Guarda a implicación de Zona Franca apoiando ao sector empresarial, temos moito potencial para levar adiante proxectos que reactiven a comarca e actúen como dinamizadores da economía e o emprego”, por iso agradece a recepción por parte do delegado do Estado.

    A empresa Flores Toxal, con sede na Guarda, ten máis de trinta anos de actividade e, ademais da produción propia, comercializa flores cortadas de agricultores da zona e do resto de España e importa flores. A compañía prevé un crecemento este ano que rolda o 38%, a pesar de que as vendas se han visto afectadas polas restricións da pandemia, xa que o mercado da flor cortada está ligado co lecer e as celebracións. Só a produción de Lilium creceu un 90%.

    Os empresarios Serafín Domínguez Santomé e Alfonso Álvarez Cobián fixéronse coa dirección tras a xubilación dos anteriores socios e puxeron en marcha un plan de investimento que prevé alcanzar un crecemento medio anual en vendas do 10% ata 2030.

    Entre as súas fortalezas, está unha carteira de máis 400 clientes en toda España e que en 2021 empezaron as exportacións a Holanda, como socios de Royal Flora Holland.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.