Mércores, 12 Febreiro de 2025

A Guarda celebra, o 23 de setembro, a Romaría de Santa Trega

O vindeiro luns día 23 de setembro (festivo local), A Guarda acolle un ano máis a Romaría de Santa Trega, un evento de carácter relixioso e tamén festivo que congrega no Monte de Santa Trega a multitude de fieis e devotos da Virxe de Santa Trega.

Dende primeira hora da mañá a Capela de Santa Trega acolle varias misas ás 8, 9 e 10 da mañá e ás 11:00 h Sermón e Solemne Procesión.

Tralo remate dos actos relixiosos celébranse as tradicionais poxas de produtos típicos, cunha monumental tarta que sempre agocha algún gran premio no seu interior.

A tradición manda realizar un xantar popular, onde as familias se reúnen para almorzar, cantar e bailar ata a tardiña, onde o son das gaitas, acordeóns, pandeiretas e tamboriles acompañan a sobremesa.

Dende o Concello da Guarda recórdase á poboación o deber de respectar “o noso patrimonio, sinal de identidade do noso pobo, evitando maltratar ou acceder a zonas patrimoniais coma a Citania de Santa Trega”. Lembra o Concello guardés que unha ocupación da zona delimitada “pode provocar agresións que resulten en danos nas estruturas deste espazo protexido, un dos lugares máis visitados de Galicia e cun valor patrimonial e arqueolóxico único”.

A maioría da poboación é consciente de que o xacemento castrexo do monte Santa Trega é un tesouro para A Guarda e para Galicia, “e de que debemos dar unha imaxe acorde coa súa importancia e valor”, sinala o executivo que preside Antonio Lomba.

Concello e do Padroado do monte Santa Trega adiantan a súa intención de seguir traballando para concienciar a poboación no respecto polo patrimonio, “lembrando que é tarefa de todos mantelo en boas condicións”.