Mércores, 11 Decembro de 2024

O conselleiro de Sanidade avanza ao alcalde de Covelo as medidas para mellorar a situación asistencial do concello

A Xunta estudará a reorganización de espazos no centro tralo investimento en 2020 de 60 000 euros para instalar nel un novo ascensor. Así mesmo a área sanitaria de Vigo implantará medidas de apoio para o médico de familia de Covelo, facilitando que dispoña de máis tempo para a atención á veciñanza

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantivo onte unha reunión co alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo Amigo co obxectivo de dar a coñecer as medidas que a Consellería poñerá en marcha no municipio de cara a mellorar a situación asistencial. Na reunión, o conselleiro e o alcalde estiveron acompañados polo delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López Diéguez, e polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto.

No transcurso da xuntanza tratáronse distintos aspectos tanto asistenciais como da posible reordenación de espazos que é posible efectuar no centro de saúde como consecuencia da obra que se realizou no ano 2020 e que consistiu na instalación dun ascensor e na obra civil necesaria para a súa colocación, unha actuación financiada a través dun convenio ao 50 % entre Xunta e Concello e na que se investiu a cantidade de 60 000 €.

Nese eido, o conselleiro comprometeuse co alcalde de Covelo a que desde a área sanitaria de Vigo se realice unha visita para avaliar as necesidades do centro de saúde como consecuencia da perda de espazos motivada pola instalación do ascensor.

10,30 h.- O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recibirá no seu despacho ao alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo Amigo. foto xoán crespo 01/03/2022

No que se refire aos aspectos asistenciais, o conselleiro de Sanidade amosou a aposta clara pola mellora asistencial no concello a través de distintas medidas que posibiliten que o médico de familia, que conta cun rango de tarxetas sanitarias dentro das recomendadas polo Ministerio de Sanidade (1500 TIS), poida dispoñer de mais tempo para atender á veciñanza do concello. Medidas entre as que estarían o apoio para a xestión de pacientes crónicos así como a habilitación dos mecanismos necesarios para descargar a atención primaria das tarefas sanitarias de carácter mais burocrático.

En resposta á preocupación do alcalde pola atención pediátrica, o conselleiro expresou que a falta de pediatra neste concello pon unha vez máis de manifesto a escaseza de profesionais de atención primaria que se está a producir en toda España. Nese sentido, García Comesaña explicoulle ao alcalde que desde a Consellería de Sanidade se ten reiterado a petición ao Ministerio de Sanidade para que amplíe as convocatoria de formación MIR para poder paliar a falta de facultativos que hai en atención primaria. Lembrou que Galicia leva anos cubrindo o 100% das prazas de formación de medicina de familia e de pediatría que nos autoriza o Ministerio e que ten solicitado o incremento das mesmas e unha revisión dos requisitos e do procedemento de tramitación da autorización destas prazas formativas.