Domingo, 13 Xullo de 2025

O PSOE de Ponteareas destaca o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coa seguridade viaria da N-120

A Subdelegación do Goberno recibiu onte en Pontevedra a representantes do Concello de Ponteareas e da Plataforma da Nacional 120 para mostrarlles e informarlles acerca da aprobación definitiva do proxecto de trazado para a mellora da seguridade viaria na N-120 ao seu paso polo municipio.

Así, o Delegado do Goberno cumpre o compromiso adquirido coa Plataforma, de informar periodicamente os avances do proxecto. Este compromiso foi adquirido o pasado mes de decembro, cando, a iniciativa do Secretario Xeral do PSOE de Ponteareas, Delfín Domínguez, a Plataforma da Nacional 120 tivo ocasión de explicarlle de primeira man ao Delegado do Goberno a importancia deste proxecto para Ponteareas.

Tal e como se recolle hoxe no Boletín Oficial do Estado, o proxecto de mellora da seguridade viaria contará con dúas glorietas máis das previstas incialmente; unha próxima á Capela dos Remedios, que permitirá conectar cun novo vial que vai realizar a Deputación de Pontevedra, e outra á altura de Ou Picoto en Areas.

Desde o PSOE de Ponteareas, o Secretario Xeral e candidato á Alcaldía valora positivamente “a continuidade do procedemento administrativo que permitirá reducir a sinestralidad e favorecer a convivencia entre o tráfico rodado e as persoas que viven nas tres parroquias que atravesa a Nacional”.

“A publicación no BOE de hoxe da aprobación definitiva do expediente é a proba fidedigna de que o Goberno socialista cumpre con Ponteareas e nuncá deixou de traballar no proxecto de mellora da seguridade viaria. Hoxe damos un paso máis para que os nosos veciños, maiores e nenos, teñan unha zona segura para transitar”, afirma Delfín Domínguez, secretario xeral do PSOE de Ponteareas.

O alcalde da Cañiza reúnese en Madrid co director xeral de Estradas para desatascar a mellora da N-120 ao seu paso pola vila

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, reuniuse en Madrid, na sede do MITMA (Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana), co director xeral de Estradas do Estado, Juan Pedro Fernández Palomino, para tratar de desbloquear os traballos de acondicionamento da N-120 ao seu palo pola vila. Na xuntanza tamén estivo presente, vía telemática, o xefe provincial de Estradas do Estado na provincia de Pontevedra, Pablo Domínguez.

Cómpre lembrar que as obras contan cun proxecto aprobado en 2018 baixo o título de “Acondicionamento de beirarrúas e rede de pluviais en dous tramos da N-120 entre os PP613+970 E 614+910 en ambas as marxes”, pero que se quedou obsoleto polo aumento dos prezos do mercado.

Na reunión celebrada onte, o Director Xeral comprometeuse co Alcalde para acelerar os trámites para revisar de novo o proxecto, adaptar os prezos e dar comezo o procedemento de contratación e adxudicación o máis axiña posible.

O Alcalde da Cañiza expuxo a necesidade urxente de acometer esta obra polo avanzado estado de deterioración que presentan as beirarrúas desta travesía así como os servizos de pluviais, abastecemento de augas e saneamentos.

O proxecto inicial, aprobado cun orzamento de 238.000,00 euros e que terá que ser actualizado, contempla o arranxo de dous tramos da Nacional 120 e tamén da rede de pluviais. Aproveitando a apertura das gabias, Luis Piña comprometeuse a financiar e executar, con cargo aos fondos do Concello, as obras de mellora da rede de rede de sumidoiros, abastecemento de augas e comunicacións, actualmente moi deterioradas e que non entran no proxecto.

As actuacións están localizadas en dous tramos da rúa Progreso. Á altura da Igrexa Parroquial e nos accesos das Augas Férreas, concretamente entre os puntos quilométricos PP613+970 E 614+910, en ámbalas dúas marxes.

Belén Carballo, candidata do BNG á alcaldía de Covelo

0

Belén Carballo, actual concelleira do BNG no Concello de Covelo, vén de facer pública a súa candidatura á Alcaldía. Os nacionalistas veñen de depositar a súa confianza e apoio no bo facer da edil nos últimos anos. Natural de Godóns e licenciada en Socioloxía e Antropoloxía, colaborou como socióloga no proxecto Vidas con historia da Deputación de Ourense, na Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerés–Xurés. Nai de dous fillos, é quen de compatibilizar traballo con vida privada, pois é mestra de FP que da clases a un Ciclo Superior de Técnicas de Educación Infantil e a un Ciclo Medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia.

Malia todo, Belén aínda é quen de plasmar o seu compromiso co País exercendo como concelleira en Covelo dende o pasado ano 2020 e, xa na actualidade, dando o paso de liderar ao BNG de Covelo de cara a unhas eleccións municipais que terán lugar o vindeiro mes de maio.

A súa candidatura deuse a coñecer nun acto de presentación que tivo lugar o pasado domingo 12 de marzo na Reitoral de Santa Mariña, e que contou coas palabras da súa compañeira homóloga, Laura Santiso, e co Deputado no Parlamento Galego polo BNG, Luís Bará. Acompañados pola veciñanza e alcaldes do resto da Comarca polo BNG, a agrupación de Covelo da un paso ao frente e mostra que afronta o que se prevé sexa unha campaña pragada de esforzos, mais tamén de ilusión e gañas de converter a Covelo nun dos Concellos BNG da Comarca.

Quince persoas desempregadas de Baiona adquiren competencias en manexo de carretillas elevadoras

0

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e o concelleiro de Emprego, Óscar Carreño Miniño, fixeron entrega dos diplomas acreditativos as persoas participantes no curso de “Carretilla Elavadora” ofertado de forma gratuíta polo Concello de Baiona, unha iniciativa que responde á necesidade detectada polo Cocello de realizar este tipo de iniciativa de cara a mellorar as posibilidades de inserción laboral das e dos participantes. Compre lembrar que este curso ten unha ampla demanda no sector industrial, comercio e nas actividades relacionadas coa loxística e os sistemas de produción

A actividade formativa contou con 15 prazas e nela participaron persoas desempregadas maiores de idade inscritas no servizo público de emprego do municipio de Baiona. O curso, cunha duración de 3 días, un de formación teórica e dous de formación práctica. Ao fin do mesmo, as persoas participantes adquiron as competencias necesarias para acreditar o manexo da maquinaria, un dos perfís máis demandados na comarca.

Este curso gratuíto esta encadrado no plan formativo municipal que ten como obxectivo facilitar a inserción laboral e incrementar as oportunidades para acceder ao mercado laboral dos veciños e veciñas do municipio. Nos próximos meses poránse en marcha novas accións formativas.

Fegatea e Concello danse a man para levar ao Porriño o mellor teatro amador

O Concello do Porriño une forzas coa Federación Galega de Teatro Afeccionado para traer á vila cinco obras de compañías de teatro amador. A presidenta da FEGATEA, Chelo Pampillón, e a vicepresidenta da federación, Ana Rodríguez, formalizaron a súa colaboración coa administración local que incluirá na programación cultural deste ano a posta en escena de cinco representacións teatrais no Centro Cultural Municipal e en centros culturais das parroquias para disfrute da veciñanza. O concello aportará a tal fin 3.000 euros.

“A nosa proposta cultural inclúe sempre o teatro nun lugar destacado, xa que o entendemos como unha expresión cultural e artística que enriquece tanto aos que están nas butacas como aos que pisan o escenario”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “E nesta liña o teatro amador ten moito que aportar ademais de ter sempre unha gran acollida do público no Porriño. A Fegatea é un gran aliado para nós e garante de calidade “.

A Federación Galega de Teatro Afeccionado está formada hoxe en día por 50 compañías que suman máis de 600 actores, afianzándose como axente cultural indispensable para a promoción da cultura e das artes escénicas en Galicia. A través de actividades como o Circuíto Galego de Teatro Amador, a Mostra Fegatea Móvete, o Festival Agustín Magán ou os festivais organizados ao abeiro da Plataforma Transfronteiriza PLATTA conseguiron congregar a máis de 8.000 espectadores ao ano. Unha cifra que da fe do seu valor como axente de desenvolvemento da cultura teatral.

Recta final das obras do ReacPon en Ponteareas

Ponteareas vive a transformación integral do seu centro urbano coas novas actuacións implementadas pola Deputación de Pontevedra. Por un lado, a vila está a piques de contar co seu primeiro camiño escolar seguro a través dos recursos do plan extraordinario ReacPon, que encara a súa recta final e suporá transformar por completo o núcleo central  triplicando o espazo público para as persoas e dando seguridade ao tránsito peonil cara ao CEIP Ramiro Sabell. A presidenta Carmela Silva, que supervisou hoxe os traballos xunto á alcaldesa Cristina Fernández, remarcou que se trata “dun cambio épico, en consonancia cunha clara aposta por facer de Ponteareas unha vila amable onde as persoas están no centro e o espazo público se recupera para o pracer da xente”. As obras, cun orzamento de preto dun millón de euros e totalmente sufragadas pola Deputación, con 723.000 € do ReacPon e máis de 240.000 euros a través do Plan Concellos, complétanse coa transformación da avenida Sarmiento Rivera na que se invisten 630.000 € e cuxo convenio foi asinado esta mañá.

Carmela Silva sinalou que “Ponteareas estase a converter nunha referencia, porque non hai moitos concellos que aposten por crear grandes proxectos como o camiño escolar en ámbitos con moito tránsito”. A través do ReacPon, o cambio épico está a converter “un espazo que non era amable, tiña moita inseguridade e non permitía que nin a infancia, nin as persoas maiores, nin as persoas con dificultades de mobilidade puideran desenvolverse con liberdade” nunha nova contorna onde as persoas “poderán transitar gozando dese espazo” co que “cambiará a vida da xente e se darán relacións sociais”. En definitiva, “unha obra integral, cunha mirada transformadora e que embelece Ponteareas”, asegurou a presidenta. Carmela Silva lembrou tamén que os proxectos de transformación do espazo público liderados pola Deputación e compartidos polo Concello de Ponteareas son, fundamentalmente, “unha aposta pola sostibilidade”. “O espazo público –remarcou a presidenta– é noso, forma parte da comunidade, e por iso as sociedades máis avanzadas son as que están formulando novos valores e novos modelos que dan unha calidade de vida incomparable”.

A alcaldesa Cristina Fernández asegurou que coas obras “o alumnado achegarase aos seus centros con seguridade, pero ademais esta é unha zona moi utilizada para pasear e achegarse a servizos como o cemiterio ou o centro sanitario”. Con este proxecto “uniremos a zona peonil do centro, que tamén recibiu achegas do plan Ágora da Deputación, cunha das saídas á parroquia de Fontenla, unha das máis achegadas ao núcleo urbano”. Ademais, a alcaldesa de Ponteareas puxo en valor que, en paralelo á recuperación de espazos públicos, “queremos converter a vila nunha especie de xardín, coa plantación de distintas especies de arborado de grandes dimensións para que dean sombra ás persoas camiñantes”, e subliñou “a dotación de bancos para que a xente que sae pasear por Ponteareas”, sobre todo a maior, “poida descansar cada pouco”.

A actuación financiada co ReacPon, e que foi percorrida hoxe pola presidenta e a alcaldesa, está a configurar un camiño escolar seguro nun tramo de 1100 metros de rúas e estradas de Ponteareas, co que se triplica o espazo para as persoas apostando pola mobilidade sostible e segura e dando prioridade ao dereito das nenas e nenos en idade escolar a moverse con liberdade, sexa a pé ou en bicicleta. Este percorrido ten un grande uso social, pois é empregado para desprazarse aos centros educativos, ao parque Ferro Ucha, á futura Escola Infantil e ao cemiterio; e tamén para desprazarse camiñando ao centro desde O Barral, Fontenla ou Arcos.

A través desta actuación estase transformando un espazo anteriormente degradado, con beirarrúas estreitas, sen arborado e inhóspito, dotándoo dunha senda peonil e ciclable que creará un camiño escolar seguro ao CEIP Ramiro Sabell, pero tamén ao IES Val do Tea, o IES Pedra da Auga e o IES do Barral (máis de 1500 escolares). Deste xeito foméntase a autonomía infantil maila redución do tráfico e da contaminación, ao xerar un hábitat saudable, amable, inclusivo e de calidade. Para conseguilo, estanse executando zonas de plataforma única e peonalizando por completo as rúas Forno Telleiro e dos Nardos, entre o Paseo Matutino e a contorna do parque. Ademais, refórmase a sección viaria entre a rúa dos Nardos e o acceso ao CEIP Ramiro Sabell para mellorar a seguridade. Neste tramo, cun único carril dun sentido, plantaranse preto de 200 árbores, crearanse beirarrúas de 4,5 metros e disporanse prazas de aparcadoiro. Amais, na rúa de acceso ao CEIP Ramiro Sabell modificarase a sección para dotala de maior seguridade.

Convenio para recuperar espazo público no tramo urbano da EP-4006 en Sarmiento Rivera

A transformación urbana de Ponteareas completarase con novos investimentos da Deputación. Carmela Silva e Cristina Fernández asinaron o convenio para facer fronte á recuperación do espazo público para as persoas na Avenida Sarmiento Rivera, un treito urbano da EP-4006 que dará continuidade ás obras do ReacPon e contará con 630.000 € de investimento, dos cales a Deputación achega o 70% (411.300 €) e o 30% restante o Concello (189.000 €). A intención é que, unha vez finalizadas as obras, se transfira este tramo ao Concello de Ponteareas.

A presidenta da Deputación sinalou que, grazas ao convenio, “esta estrada provincial converterase nun espazo amable”. “Inmediatamente aprobaremos o proxecto e a continuación licitarémolo”, asegurou a presidenta provincial, que afirmou que, entre o ReacPon “que está a piques de rematar” e este novo proxecto, “estamos permitindo que haxa unha gran transformación para mellorar a vida da xente: un cambio sen precedentes en Ponteareas”.

Pola súa banda, a alcaldesa sinalou o carácter “estratéxico” da rúa, de entrada e saída desde outros municipios da zona como As Neves ou Arbo. “Queremos dotala de maior estética e maior utilidade, e sabemos que a veciñanza da parroquia de Fontenla, unha vez remate, quedará moi contenta”. Fernández, ademais, asegurou que “a Deputación é unha administración coa que a colaboración é máxima”, e sinalou como grazas aos proxectos apoiados pola institución provincial “Ponteareas estase convertendo nunha ‘vila 10 minutos’”.

As obras acometeranse entre a avenida de Rosalía de Castro e a rúa Redondela, a carón da Casa do Concello. Con elas, melloraranse as condicións de seguridade e mobilidade para as persoas creando un itinerario peonil que dará solución á actual carencia de beirarrúas. Tamén se dotará de pasos peonís sobreelevados, adecuarase a iluminación, renovarase a sinalización horizontal e vertical e reporanse os servizos afectados pola execución das obras.

Os conservatorios de música de Ponteareas e Cambados intercambian escenarios por un día

O Conservatorio e Escola de Música de Ponteareas Reveriano Soutullo prepárase para unha tarde de intercambio no que compartir música, experiencias e escenario cos integrantes da banda de música do conservatorio de Cambados. Este xoves 16 de marzo a Banda de Música Xuvenil de Cambados visitará a sala multiúsos do auditorio municipal para deleitar ao público coas súas interpretacións.

Durante esa tarde, as bandas de música do conservatorio ponteareán e cambadés uniranse para ofrecer un amplo repertorio no que poderán escoitarse pezas como ‘Juventus’, ‘Cabaret’, ‘Mamma Mia’ de Abba, ‘Hey Jude’ dos Beatles, ‘Livin’on a prayer’ de Bon Jovi, ‘Non chores por min Arxentina’, ‘Mi gran noche’ de Rafael, ‘A Fermosa e a Besta’, ‘Take on me’ de A-Ha ou ‘Thriller’, de Michael Jackson.

“É unha oportunidade única para fomentar o intercambio de experiencias, de diferentes xeitos de ver, sentir e vivir a música traballando con mozos e mozas doutro conservatorio e enriquecerse de forma mutua”, explica a concelleira de Ensino e alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández.

O encontro será ás 19.30 horas con entrada libre ata completar aforo.

Unidas Podemos leva ao Congreso dos Deputados a situación do grupo Ganomagoga

A iniciativa de Ponteareas en Común (Esquerda Unida e Podemos), o Grupo Parlamentario de Unidas Podemos-En ComúPodem-Galicia En Común, rexistrou o pasado venres 10 de marzona Mesa do Congreso dos Deputados unha serie de preguntas ao respecto da situación de Talleres Ganomagoga e do Grupo Ganomagoga.

No documento rexistrado, ademais de expoñer a situación na que se atopa na actualidade o persoal de Ganomagoga, fanse unha serie de preguntas sobre a situación económica e financeira de dita empresa, sobre as subvencións ou axudas públicas que recibiu do Goberno o Grupo Ganomagoga e sobre que medidas ten previsto levar a cabo o Goberno para manter os postos de traballo.

A principal actividade do Grupo Ganomagoga está dedicada á fabricación de tubos para aeroxeneradores. Por iso a confluencia de esquerdas entende que esta situación, ademais de ser tremenda para a situación de centos de traballadoras e traballadores é contraditoria coa necesidade actual de aumentar a capacidade produtiva en materia de enerxías renovables.

no A este respecto, Manoel Ucha, candidato ás Eleccións Municipais de 2023 por Ponteareas en Común, manifestaba que, “Non ten sentido perder a capacidade produtiva nun sector estratéxico coma este ao mesmo tempo que se pretende aumentar a produción de enerxía eólica. Mellor ou peor planificados, esa é outra cuestión, o certo é que a previsión é a de crear decenas de parques eólicos en Galicia. O lóxico sería acercar a produción ao seu destino final,  non ter que traer de fora os tubos co conseguinte aumento do gasto enerxético, de emisión de gases e perda de creación de valor no propio territorio.”

Ponteareas En Común agarda que o feito de levar estas preguntas ao Goberno de España sirva para que este  tome en consideración o problema e de xeito inmediato inicien actuacións para garantir os postos de traballo e a capacidade produtiva.

O cinema volve a Tui este venres coa proxección de ‘Canta 2’

0

Este venres, 17 de marzo, ás 19.30 h, no Teatro Municipal de Tui haberá cita cinematográfica para público familiar da man do filme ‘Canta 2’, a secuela da película xa proxectada na cidade, ‘Canta’.

Esta será a última cita da programación teatral de febreiro e marzo en Tui. ‘Canta 2’ conta a historia de Bluster Moon e o seu elenco de estrelas, que se están preparando para estrear a súa actuación máis impresionante ata a data. Pero antes teñen que persuadir ó rockeiro máis solitario e huraño do mundo: unha vella gloria interpretada polo lexendario icono musical Bono.

Cunha duración de 110 minutos, ‘Canta 2’ vai dirixida para todos os públicos. As entradas teñen un prezo de 4 euros, sendo de 3 euros cos descontos para os posuidores do carné xove, carné de estudante, da Biblioteca de Tui, familia numerosa, carné de discapacidade, desemprego ou xubilación e menores de 12 anos. Poden mercarse en tui.gal até media hora antes do inicio da función.

Toda a información pódese consultar na web tui.gal e nas redes sociais do Concello.

O xeodestino Condado Paradanta acada as 50 empresas turísticas concertificado de calidade SICTED

O xeodestino Condado Paradanta xa conta con 50 empresas de servizos turísticos con certificado de calidade SICTED. Así se evidenciou na III Gala de Calidade Turística que tivo lugar este luns, 13 de marzo no Balneario Mondariz, e na que se entregou o selo de calidade a 29 das empresas.

Ao acto, organizado polo GDR Condado Paradanta,acudiron representantes de diversas administracións públicas como a Directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, o presidente do Clúster Turismo deGalicia, Cesáreo Pardal e as alcaldesas e alcaldes dos dez concellos que constitúen este xeodestino: Arbo, A Cañiza, As Neves, Crecente, Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño. Asícomo representantes do tecido socieconómico do territorio.

Con este distintivo, recoñécese o esforzo e o compromiso coa calidade dos servizos turísticos do xeodestino CondadoParadanta. Algo que, segundo o presidente do GDR, JuanPablo Castillo “supón unha oportunidade de colaboración entre as entidades públicas e privadas para traballar en conxunto nun xeodestino de calidade e diferenciador.” Castillo apunta ademais ao turismo como gran catalizador deunión territorial e desenvolvemento rural.

Polo seu lado a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Catro destacou a natureza, o enoturísmo, a enogastronomía e o termalismo como elementos esenciais para posicionar ao Condado Paradanta como xeodestino ideal para visitar en calquera época do ano.

O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal convidou ás empresas distinguidas a seguir traballando pola excelencia turística; e o alcalde de Mondariz Balneario, José Antonio Lorenzo, salientou a importancia e tradición doBalneario de Mondariz para o desenvolvemento do territorio eanimou a seguir traballando pola calidade turística da zona.

Novas distincións

Durante a III Gala de Calidade Turística do Condado Paradanta certificáronse por vez primeira 7 empresas de servizos, entre as que se atopan 4 establecementos de aloxamento (Hostal–Bar “O Cendal”, Vinosobroso, Balneario de Mondariz e o Hotel Cemar ), 2 centros deinterpretación (Castelo de Sobroso e Centro de Interpretacióndo Patrimonio e Local Sociocultural de Taboexa) e 1 guía deturismo (Julio Eiroa).

Renovación

Ao ser un programa bienal, 22 entidades do sector renovaron o seu certificado de calidade, entre as que se atopan 5 adegas (Eido da Fonte, Bodega Torgo, Bodegas Marqués de Vizhoja, Adega Rubén e Corisca SL) e 5 establecementos de aloxamento (A Pampla, Casa Vilamide,Hotel da Natureza Nande, Lugar dos Devas e A Cantaruxa Maruxa).

Tamén se renovou o certificado a 4 restaurantes (Casa Calviño, Restaurante Casa O FrenazoSimone tá & Co), 2 oficinas de turismo (As Neves e Ponteareas), 2 empresas de produtos locais (Sociedad Cooperativa Agraria Condado Paradanta e Confitería Ancla) e unha axencia de viaxes (BThe Travel Brand).

Teatro amador ofrecerá 5 obras grazas a Fegatea e O Porriño

O Concello do Porriño une forzas coa Federación Galega de Teatro Afeccionado para traer á vila cinco obras de compañías de teatro amador.

A presidenta da FEGATEA, Chelo Pampillón, e a vicepresidenta da federación, Ana Rodríguez, formalizaron a súa colaboración coa administración local que incluirá na programación cultural deste ano a posta en escena de cinco representacións teatrais no Centro Cultural Municipal e en centros culturais das parroquias para disfrute da veciñanza.  O concello aportará a tal fin 3.000 euros.

“A nosa proposta cultural inclúe sempre o teatro nun lugar destacado, xa que o entendemos como unha expresión cultural e artística que enriquece tanto aos que están nas butacas como aos que pisan o escenario”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “E nesta liña o teatro amador ten moito que aportar ademais de ter sempre unha gran acollida do público no Porriño. A Fegatea é un gran aliado para nós e garante de calidade “.  A Federación Galega de Teatro Afeccionado está formada hoxe en día por 50 compañías que suman máis de 600 actores, afianzándose como axente cultural indispensable para a promoción da cultura e das artes escénicas en Galicia.  A través de actividades  como o Circuíto Galego de Teatro Amador, a Mostra Fegatea Móvete, o Festival Agustín Magán ou os festivais organizados ao abeiro da Plataforma Transfronteiriza PLATTA conseguiron congregar a máis de 8.000 espectadores ao ano. Unha cifra que da fe do seu valor como axente de desenvolvemento da cultura teatral.

O ‘II Trofeo Concello de Nigrán’ celebrarase mañá mércores

0

Finalmente, o Valinox Novás de O Rosal (División de Honra Prata) e Cisne de Pontevedra (Asobal) disputarán este mércores, 15 de marzo, no Pavillón Municipal de Panxón ás 20:30 horas o ‘II Trofeo Concello de Nigrán’, sendo a entrada de balde. O evento tivo que ser suspendido o pasado venres para evitar lesións ante os por problemas de condensación que afectaban á pista provocando que, ante a humidade, os xogadores esbarasen. O obxectivo deste evento é promover este deporte nunha comarca onde actualmente non existe ningún clube de balonmán e, por outra banda, funcionará como preparatorio para a 2ª Fase de Ascenso na que está inmerso o Valinox Novás.

Na década dos 70-80 existían equipos nos tres concellos que conforman o Val Miñor, mentras que na actualidade non sobrevive ningún. De feito, O Novás Valinox naceu no 1974, no mesmo ano que o ‘Club Dunas’ desaparecido na década dos 80. Sen embargo, mentras os clubes do Miñor, Oia e Tomiño foron desaparecendo por completo, o Valiñox Novás foi acadando éxitos e medrando no Rosal ata conquerir equipos en categorías de pre-benxamín a senior con máis de 100 licencias federativas. 

A Xunta convocará prazas de médicos e pediatras en Covelo, Ponteareas, Mondariz, Arbo, Tomiño e Tui

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, realizaron hoxe unha visita ao centro de saúde de Covelo, na que estiveron acompañados polo alcalde, Pablo Castillo, para informar de que o Goberno galego vai incluir 8 prazas de médicos e pediatras, que darán servizo aos concellos de Covelo, Ponteareas, Arbo, Mondariz, Tui e Tomiño, na convocatoria de prazas de difícil cobertura mediante concurso de méritos que aprobará nas vindeiras semanas.

En concreto, vanse incorporar tres médicos de familia para reforzar a Atención Primaria nos centros sanitarios de Covelo, Arbo e Ponteareas e cinco pediatras para os de Tui, que terá dous novos especialistas no ámbito infantil, Tomiño, Ponteareas e un compartido para os centros de saúde de Covelo e Mondariz.

“Dende Galicia estamos a actuar co máximo inxenio e esforzo, tanto normativo como económico, para ser a primeira comunidade que adopta e consegue solucións fronte a falla de médicos de Atención Primeira e de pediatras que afecta a toda España. E dende o Sergas estamos a conseguilo paseniñamente con diversas medidas, entre as que figuran os novidosos concursos de méritos e outras que estamos a negociar cos profesionais, porque para a Xunta o máis importante é darlle a cobertura sanitaria axeitada aos galegos”, manifestou o delegado territorial, que destacou que cada vez hai máis prazas de médicos e pediatras cubertas, en contraposición co que pasa no resto de comunidades, “e non imos parar ata fortalecer ao máximo a Atención Primaria para ser a primeira rexión de España que supera esta difícil situación”.

Esta convocatoria de máis de 400 prazas, avanzada a finais de febreiro polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, realizarase ao abeiro da Lei 2/2022 de medidas extraordinarias para a provisión de postos de difícil cobertura, aprobada o pasado outubro polo Parlamento de Galicia e que permite a convocatoria mediante concurso de méritos (é dicir, sen oposición) de prazas en propiedade en categorías como facultativo especialista de atención primaria, pediatría de atención primaria, as especialidades médicas nos hospitais comarcais ou as prazas sanitarias vinculadas ao Plan de Saúde Mental de Galicia.

Dita lei ampliou a experiencia exitosa do primeiro concurso de méritos convocado pola Xunta de Galicia en 2022, que logrou que máis dun cento de especialistas en medicina de familia tomasen posesión dunha praza fixa en centros de saúde que levaban tempo sen médico estable. Deles, 21 incorporáronse en centros da área sanitaria de Pontevedra e Salnés.

Iniciativa da Xunta ante a falta de reformas no eido estatal

A necesidade de dotarse de máis recursos humanos e cubrir prazas vacantes en zonas de difícil cobertura da comunidade motivou que a Xunta de Galicia impulsara esta medida lexislativa, que incentiva a provisión destas prazas ao ofrecer a maior estabilidade (praza fixa en propiedade) co sistema de acceso máis sinxelo.

Ademais, os residentes MIR destas especialidades que terminen a especialidade en maio poderán optar a estas prazas e ser persoal fixo neste mesmo ano, ao permitírselles inscribirse con carácter previo e acreditar o título da especialidade unha vez a rematen. A Xunta prevé resolver o concurso á volta do verán e as condicións para os adxudicatarios serán a de permanecer en activo nelas durante un mínimo de 2 anos.

Esta necesidade de incentivar as prazas de difícil cobertura fora xa obxecto dun acordo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde aprobado por unanimidade en abril de 2018 no que se establecía a necesidade de reformar a lexislación do Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde a tal efecto, un acordo que permanece incumprido desde entón.

Do mesmo xeito, o impulso do sistema de concurso para a selección de persoal sanitario especialista é unha recomendación incluída no ditame da Comisión para a reconstrución social e económica creada no Congreso dos Deputados, que continúa  sen cumprirse por parte do Goberno de España dous anos despois da aprobación dese ditame.

Deste xeito, a Xunta aborda con medidas innovadoras o déficit de médicos e profesionais sanitarios, unha situación que afecta a todas as comunidades autónomas nestes intres mentres continúa o incumprimento dos compromisos de reforma da lexislación estatal.

A Banda de Música Xuvenil de Xinzo ofrece un concerto de primavera

Este sábado, 18 de marzo, a Banda de Música Xuvenil de Xinzo celebra o Concerto de Primavera, unha cita da agrupación musical que xa se converteu en habitual. O concerto terá lugar no auditorio do Centro Cultural da parroquia ás 19:00 h e de novo este ano será un encontro moi especial.

O ano pasado, a singularidade deste concerto marcouna a participación do cuarteto de saxofones Dextrum Ensemble, mentres que nesta ocasión farao a intervención de dous directores diferentes á fronte da banda. Así pois, o deste sábado será un concerto de despedida ao que ata hai uns meses era o director da agrupación, Javier Blanco, ao mesmo tempo que unha benvida oficial ao actual, Rodrigo Iglesias.

O Concerto de Primavera da Banda de Xinzo dividirase en dúas partes. Baixo a dirección de Javier Blanco, os músicos interpretarán obras da embergadura de Suspiros de España, de Antonio Álvarez, ou The Hounds of Spring, de Alfred Reed. E a parte dirixida por Rodrigo Iglesias compoñerase de pasodobres como Rapsodia Galega nº1, de Enrique García, e Caballería Ligera, de Franz von Suppé.

Oia organiza clases gratuítas de gaita, pandeireta, bombo e tambor en Torroña

0

O Concello de Oia organiza unha actividade gratuíta de clases de música para gaita, pandeireta, bombo e tambor. As sesións desenvolveranse os luns pola tarde en Torroña e o prazo de inscrición xa está aberto.

As clases terán lugar nas Escolas de Torroña os luns de 19:30 a 21:30 horas e non é preciso ter ningún tipo de coñecemento musical previo para asistir.

As prazas para esta actividade son limitadas, polo que as persoas interesadas deberán inscribirse no rexistro municipal desde hoxe luns ata o venres 17. Para máis información pódese chamar ao Concello ao número 986 36 21 25.

A Eurocidade Monçao-Salvaterra prepara a súa candidatura a fondos europeos

O alcalde de Monçao e a alcaldesa de Salvaterra de Miño preparan a candidatura da   Eurocidade Monçao-Salvaterra para concorrer a fondos europeos para a cooperación e o desenvolvemento.

O obxecto prioritario deste proxecto é consolidar un marco de cooperación transfronteirizo que facilite a integración dos territorios raianos mediante un conxunto de accións destinadas a rexeneración de sinerxias na xestión local de espazos transfronteirizos a través da cooperación.

Os obxectivos específicos serán fomentar un crecemento sostible que mellore a calidade de vida e a cohesión social da cidadanía, impulsar unha axenda cultural e deportiva común, crear instrumentos de centralización da información do territorio cun espazo web de referencia para a cidadanía da Eurocidade, optimizar os equipamentos e servizos públicos mediante a xestión compartida, crear unha tarxeta intelixente do Eurocidadano Transfronteirizo e a posta en valor e promoción da Eurocidade Termal.

Susana Villaverde García, veciña de Redondela, gañadora do premio Microteatro da Memoria

0

A estudante de Dirección e Dramaturxia da Escola Galega de Arte Dramática de Galicia (ESADg) Susana Villaverde García vén de gañar a terceira edición do ‘Certame de Microteatro da Memoria’ convocado polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e a ESAD coa peza ‘Espigas negras’. O xurado destacou a obra entre os 20 traballos presentados pola calidade da documentación utilizada, pola orixinalidade de salientar os trazos emocionais no teatro documental e tamén pola capacidade interxeneracional da recuperación da memoria histórica.

O galardón foi comunicado onte á autora pola deputada provincial de Memoria Histórica, María Ortega, quen  subliñou que o texto “cumpre á perfección” coa petición ás persoas aspirantes de enfocar a memoria dende unha perspectiva de xénero, país e clase, xa que fala dun feito real, unha revolta de mulleres no Saviñao en 1946 na defensa do gran de centeo que precisaban para comer e dar de comer ás súas familias, así como a súa relación coa loita guerrilleira e a resistencia ante o réxime e os abusos da Garda Civil.

O premio, dotado con 500 euros, foi concedido por un xurado formado pola escritora Eva Mejuto como persoa designada pola Deputación, Cristina Domínguez Dapena, do Servizo de Dinamización da  Lingua Galega da ESAD; e Roberto Pascual, persoa do equipo docente da ESAD, xunto con Inma López Silva (coordinadora do SDL da escola) que actuou como secretaria.

A acta  recolle a “calidade da documentación para a descuberta escénica dun feito real dos anos máis duros da represión na posguerra, unha revolta de mulleres” e salienta “a capacidade de poñer de relevo as posibilidades da resistencia, coa orixinalidade de salientar os trazos emocionais no xénero do teatro documental. Alén diso, o xurado salienta a capacidade interxeneracional da recuperación da memoria histórica”.

Susana Villaverde García é unha viguesa afincada en Redondela que estuda terceiro curso de Dirección e Dramaturxia na ESAD na especialidade de Dirección. Recibirá o galardón na primeira vez que se presenta ao certame, e subliña que a súa escritura sobre a temática da memoria está inspirada na súa familia (a súa avoa tiña unha panadería), a escaseza do pan, e a fame no país durante a ditadura, así como do estraperlo e os maquis. “Escribín sobre o que a min me remove, sobre o que resoa en min porque é o que coñezo, dando voz a unhas mulleres que tiñan que defender o seu”, asegurou ao ter coñecemento do premio.

Até o de agora no seu currículo inclúese a dirección de varios proxectos e instalacións artísticas, a escrita de tres obras, a súa axuda na dirección da compañía ‘Olivas negras’, e tamén no proxecto sen ánimo de lucro ‘Pon o teu propio título’ en colaboración coa ESAD, a asociación Xaruma e o ciclo APSD do IES Chapela, entre outros traballos.

O ‘Premio de Microteatro da Memoria’ da Deputación e a ESAD naceu co obxectivo de que a xente moza se achegue á Memoria Histórica a través de novos formatos e novas linguaxes máis eficaces na comunicación interxeneracional. Unha vez fallada a terceira edición do certame, a Deputación e a Esad teñen previsto facer a entrega do galardón en breve.

Nigrán transformará o CEIP da Cruz en Camos

0

O Concello de Nigrán será no vindeiro curso un referente pedagóxico en toda Galicia grazas á transformación dos patios do CEIP da Cruz (Camos) e CEIP Carlos Casares (Vilariño) en auténticos bosques-escola. Co fin de poder licitar ambas obras nas próximas semanas, o goberno local consignará no pleno do 27 de Marzo un total de 124.000 € para o CEIP da Cruz e 117.932 € para o CEIP Carlos Casares. O arquitecto Fermín González, ideólogo do sistema pedagóxico Lupo e do programa ‘Mestre de Obra’, de referencia en toda Galicia ao defender a natureza e o xogo como o mellor método de aprendizaxe, presentou a pasada semana o proxecto á dirección do CEIP da Cruz e ao alcalde, Juan González. A realidade é que grazas a estas dúas actuacións, Nigrán pasará a ser unha localidade de referencia en España ao poder mesturar nestes dous colexios públicos a ensinanza convencional e os métodos educativos alternativos das ‘escolas-bosque’.

A intervención en Camos consistirá en gañar para o recinto 1.200 m2 colindantes da zona Sur que cede altruistamente a Comunidad de Montes da parroquia e ao que se accederá a través dunha gran porta de transición con forma de ‘casiña’ que estará situada xusto nun punto con vistas espectaculares cara o Val Miñor e a súa costa, polo que funcionará tamén como miradoiro. Nesta nova parcela de forma irregular e de gran pendente habilitaranse ramplas accesibles cun percorrido circular e atallos directos entre elas aproveitando a gran presenza de carballos reforestados nos pasados anos e doutras especies autóctonas como silvas e fentos. Este auténtico bosque-patio aberto á experimentación educativa sumará en sucesivas fases equipamentos como poderían ser ‘tipis’, asambleas de troncos, invernadoiros…

“É un proxecto único polo propio enclave do colexio. Ata hai pouco, que estivese situado no medio do monte víase como algo negativo, agora esa circunstancia descubrirase como unha oportunidade marabillosa”, considera o rexedor, quen subliña como o colexio quedou pechado ao bosque mentras que agora regresará “ao estado que naturalmente lle corresponde”. Neste sentido, avanza que as obras de acondicionamento durarán 2 meses e se realizarán preferentemente durante o verán.

“Este colexio situarase na vangarda da educación, van a vir de toda España a coñecelo in-situ e os propios profesores serán formadores i exemplo para os seus compañeiros”, explicou hoxe á dirección do centro o arquitecto Fermín González, ideólogo do proxecto pedagóxico ‘Sistema Lupo’, quen louba a unión para conquerir isto do Concello, Comunidade de Montes, dirección e familias do CEIP da Cruz. Neste sentido, aínda que o gran proxecto actual é gañar estes 1.200 m2 (o patio brando ten similares dimensións) en sucesivas fases plantéxase gañar franxas de terreo en lugares como a pista de deportes. “O punto positivo que facilita todo é que en Camos xa hai un bosque real, o difícil é a propia orografía do terreo”, resume Fermín.

“Isto é cumplir un soño. Será un paso de xigante nesta liña pedagóxica que defendemos neste colexio, o profesorado está moi motivado e implicado neste sentido, de feito participamos desde hai anos nun programa contínuo de formación relativo aos patios inclusivos”, explica a directora, quen recorda que o periodo de admisión de novo alumnado está aberto ata o 20 de Marzo.

CEIP Carlos Casares de Vilariño

Tal e como xa anunciara o Concello, o programa #MestredeObra de Sistema Lupo tamén deseñará un bosque-escola para o CEIP Carlos Casares de Vilariño, tal e como demanda desde hai anos a comunidade educativa. Neste caso, trátase de integrar unha parcela municipal lindeira de 2.000 metros cadrados (separada físicamente por un muro e alambrada) e que no 2018 o Concello bautizou como ‘Souto Casares’ tras realizar unha plantación na que participou todo o colexio e os dous fillos do escritor. O proxecto busca crear un bosque totalmente natural sen que se note que hai un traballo de deseño previo detrás para que dé a sensación de que estás nun lugar que sempre foi así. A intención é aproveitar a gran cota de diferencia entre o patio e o cumio da parcela para crear diferentes sendeiros peonís entre árbores de especies autóctonas que desemboquen nun claro no bosque, que será onde permaneza o actual xogo de bolos celta. Non existirán as actuais escaleiras, nen muros, nen ningún elemento de separación, seguiránse as propias regras da natureza.

Escolas-Bosque

O movemento ‘Escolas Bosque’ é moi recente en España pero ten décadas de historia en países nórdicos ou o Reino Unido e se basea nas teorías de grandes pedagogos e filósofos, desde Pestalozzi a Fröbel, pasando por Rudolf Steiner ou María Montessori. Moitos sitúan a súa orixe no concepto Friluftsliv dos países Escandinavos, isto tradúcese literalmente como liberdade-aire-vida e fai referencia a unha filosofía de vida baseada na conexión profunda coa natureza e a vida ao aire libre. Trátase dun modelo de educación ao aire libre no que os estudantes visitan espazos naturais para aprender habilidades persoais, sociais e técnicas. “Sería un gran salto de calidade para o sistema educativo de toda a comarca poder mesturar nestes dous centros, Camos e Vilariño, a ensinanza convencional cos métodos alternativos do Bosque-Escola, por iso desde o Concello defendemos estes proxectos”, resume González.

Comeza o reparto de trampas para velutinas da Cañiza

0

O alcalde da Cañiza, Luis Piña, reuniuse este sábado, 11 de marzo, no apiario do Couto cunha veintena de apicultores locais para entregarlle os 116 botes que permitirán iniciar nesta primaveira os traballos de neutralización dos niños. Xusto nesta época que é cando comezan as primeiras floracións.

Esta iniciativa que reúne aos propietarios de máis de 3.000 colmeas na Cañiza,  todos inscritos no Censo apícola da Consellería de Medio Ambiente, ten como obxectivo capturar ás raíñas velutinas para evitar que aniden e deste xeito se poida reducir o impacto e a merma na nosa abella autóctona.

Segundo informaron ao Alcalde na xuntanza, os apicultores extenderán o produto máis alá das súas propias colmeas, abarcando máis terreo para que a campaña sexa máis eficiente.

Esta campaña da continuidade á iniciativa do Goberno Local, de marzo de 2021, de axuda a esta rama productiva do noso sector primario, que fabrica unha mel moi valorada xa pola calidade da flora de media montaña do noso municipio.

Ademáis o pasado 22 de febreiro o Alcalde Luis Piña asinou a adhesión do Concello a un novo Convenio e protocolo coa Vicepresidencia 2ª e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a FEGAMP para a «coordinación de actuacións no desenvolvemento do programa galego de vixiancia e control fronte a vespa asiátiva velutina».

Este «Programa de Vixiancia» recolle as actuacións necesarias para a contención e seguimento da Velutina, tendo en conta que este insecto afecta principalmente á produción apícola e tamén ten repercusións sobre a biodiversidade e a seguridade cidadá.

Inclúe actividades relacionadas coa detección precoz de niños mediante avisos a través do 012 e o control e eliminación/neutralización de niños sempre que sexa posible.

Máis de 70 expositores e 1.700 asistentes no II FormaMOS

0

Onte presentouse na Axencia de Colocación de Mos a II Edición da Mostra de Educación e Formación, FormaMOS, que este ano contará coa novidade da presenza e participación de Pedro García Aguado, medallista olímpico coa Selección Española de Waterpolo e que se fixo popular polo seu programa televisivo “Hermano Mayor”.

Na presentación estiveron presentes, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Julia Loureiro, concelleira de Educación, Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego; Xurxo Collazo Saavedra, director do IES de Mos; Rodrigo Salgado Pombo, director do Colegio Lar de Mos; e representantes do equipo directivo e docente do Obradoiro Municipal de Emprego, encargado do Marketing (Especialidade de Marketing Dixital) da Mostra e do deseño e elaboración dos stands de madeira da mesma (Especialidade de Carpintería). O director do Obradoiro é Víctor Ángel Varela Caride, o docente da Especialidade de Carpintería, é Pablo Maceda González e os docentes da Especialidade de Marketing Dixital son Antonio Riveiro Prego e Saúl Ferreira Rivera. Tamén asistiron os 20 alumnos/as traballadores/as do Obradoiro Muncipal de Emprego: 10 da Especialidade de Marketing Dixital e 10 da Especialidade de Carpintería.

Na súa intervención Arévalo, rexedora local mosense, adicou un especial agradecemento á consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades polo gran apoio a esta 2ª Edición.

A Mostra FormaMOS é unha gran oportunidade para coñecer de primeira man as posibilidades educativas máis actuais. Un escaparate formativo con demostracións en vivo e encontros con profesionais especializados en diferentes sectores.

Terá lugar os vindeiros 30 e 31 de marzo (xoves e venres) en horario de 9.30 a 19.00h no Pavillón Óscar Pereiro. Irase actualizando información sobre a feira na páxina web e nas redes sociais: http://formamos.mos.es/ e Instagram @formamos_  e en Twitter @formamos_

Xa se conta con máis de 1.700 asistentes confirmados e a participación de máis de 70 expositores de relevancia no sector da educación e formación.

Desembarca en Tomiño unha das mellores compañías teatrais de España

0

Tomiño prepárase para gozar esta fin de semana da arte de Xirriquiteula Teatre, unha das mellores compañías do panorama teatral español e pioneira das artes en vivo para nenos, nenas e mocidade. O vindeiro sábado 18 de marzo o auditorio municipal de Goián acollerá a representación de ‘Laika’, un espectáculo con numerosos premios ás súas costas que falará ao público das marabillas do ceo pero tamén das inxustizas da Terra.

“Queremos convidar a toda a veciñanza a vir ao auditorio de Goián este sábado a gozar dun espectáculo novidoso, moi diferente á programación que podemos ter habitualmente e que estrea en Tomiño unha pequena xira pola provincia. Unha programación teatral de gran calidade que seguro que namorará a todo o público asistente”, explica a alcaldesa, Sandra González.

Da man da compañía catalá o público trasladarase a 1957 en Moscova, durante a Guerra Fría e a carreira espacial. Laika é unha cadeliña que sobrevive nas rúas da xeada cidade que pouco se imaxina que o seu destino a levará ao espazo na nave Spútnik II e pasará á historia da humanidade como o primeiro ser vivo en orbitar arredor da Terra. Unha historia coa que Xirriquiteula Teatre achegará ao público a aqueles que como a propia Laika se atopan inmersos sen querelo en loitas de poder doutros.

Neste espectáculo a compañía empregará técnicas diversas como as retroproxeccións en directo, monicreques e autómatas, sombras… xunto coa interpretación duns personaxes que falan un ruso moi singular acompañados dunha fermosa banda sonora creada a medida para arroupar cada escena. A obra foi gañadora do Premio Max 2021 ao Mellor espectáculo para público familiar, Premio GUINEUETA 2020 á traxectoria do espectáculo, Premio FETEN 2019 Xixón á mellor autoría e dirección, Premio BBVA 2019 ao mellor espectáculo, Premios da Crítica 2018 ao mellor espectáculo de teatro familiar, o Venus 2019 por méritos conseguidos ou dos Drac D’Or 2018 ao mellor espectáculo xurado infantil e mellor escenografía.

‘Laika’ é un espectáculo para público familiar recomendado a partir dos 6 anos. A representación será ás 17.30 horas e terá un prezo de 7 euros para persoas adultas e de 3,5 horas para menores de 12 anos.

A Festa do Choco volta a Redondela

0

O Concello de Redondela abre o prazo de inscrición para aqueles establecementos  interesados en participar na celebración da trixésimo sexta Festa do Choco, que terá lugar entre o 11 e o 14 de maio e que, unha vez levantadas todas as restricións sanitarias marcadas pola Covid, recupera a súa celebración popular e de rúa con total normalidade. As bases para participar publicáronse no BOP do venres 10 de marzo e, os interesados, poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro  ata o 27 de marzo.

A alcaldesa Digna Rivas apunta que a Festa do Choco de Redondela “está considerada Festa de Interese Turísitico de Galicia e busca promover o patrimonio cultural e gastronómico do municipio. Unha festa que representa a identidade de Redondela e que recupera a súa normalidade, esperando un aumento considerable da participación”. Rivas quixo adiantar as sorpresas que traerá esta edición, “cun programa completo, con actividades para tódalas idades e que incluir orquestas, Showcookings e concertos ao longo da fin de semana”.

As bases de participación para os postos de degustación, venda e promoción da Festa do Choco poden atoparse no seguinte enlace: http://redondela.gal/gl/anuncios.

O prazo de presentación de instancias está aberto ata o 27 de marzo.

Éxito absoluto da sétima edición de ‘AndaGuláns’

‘AndaGuláns’ conquistou aos máis aventureiros. Centos de persoas déronse cita este domingo para gozar dunha nova edición dunha das andainas máis agardadas do ano, pero tamén máis complexas, cun amplo percorrido polos penedos de diferentes desniveis da parroquia de Guláns. Deporte, música e confraternización camiñaron da man nesta proba organizada por membros da Asociación Artística e Cultural de Guláns en colaboración co Clube de Montaña Xistra e a Federación Galega de Montañismo e co apoio do Concello de Ponteareas.

Durante a xornada, as e os participantes conquistaron as dúas rutas circulares preparadas para esta cita anual, unha curta de 12 quilómetros apta para todas aquelas persoas que se están a iniciar no mundo das andainas ou que non están tan acostumados a elas, e outra máis longa de 25 quilómetros, unha ruta cronometrada deseñada para deportistas e que puntuaba para o IX Open Andainas de Regularidade 25 km.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, e o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, non quixeron perder a ocasión e participaron nesta andaina “que cada ano acolle a un maior número de xente disposta a gozar non só dunha xornada de deporte e natureza, senón tamén a coñecer un pouco máis a parroquia e a súa riqueza paisaxística e patrimonial”. O Goberno municipal quere agradecer unha vez máis o gran labor que realiza a organización para poñer en marcha unha nova edición desta andaina que cada ano conquista a máis público.

Baiona opta a Fondos Next Generation cun proxecto para “revitalizar o Casco Histórico”

0

O Concello de Baiona opta de novo a fondos Next Generation da UE para elaborar un Plan de Sostenibilidade Turística en Destino (PSTD) cun proxecto dirixido ao casco histórico da vila.

‘Preservar o pasado, protexer o futuro: Baiona, patrimonio sostible’ é o nome do proxecto, co que o concello opta a 2,1 millóns de euros “para revitalizar o casco histórico, poñer en valor o seu patrimonio, dixitalizalo e mellorar os seus servizos”, explica o alcalde, Carlos Gómez Prado.

O concello opta a esta convocatoria, aberta polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo con fondos europeos, “para darlle continuidade ao proxecto co que fumos o primeiro municipio do Val Miñor en obter fondos Next Generation, destinado a humanizar a contorna de Santa Liberata, entre outras accións”, engade Gómez Prado.

O proxecto divídise en catro áreas estratéxicas

  1. Transición verde e sostible: inclúe a reforma e reurbanización de diferentes prazas do casco histórico; a posta en valor da rúa do Conde (trazado do Camiño de Santiago), a restauración da contorna da Santísima Trinidade, e melloras na rede de saneamento e recollida de augas (Conde, Ventura Misa, Xogo da Bola, Lorenzo de la Carrera, Do Reloxo, Diego de Carmona, San Lorenzo, San Xoán, Manuel Valverde e rúa Iglesia).
  2. Eficiencia enerxética: tarefas de rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética en varios edificios do casco, unha actuación no camiño do Cochiño, e accións para impulsar a peonalización e a camiñabilidade de varias rúas.
  3. Transición dixital: despliegue da fibra óptica, introducción de sensórica (control dixital de accesos ao casco), despliegue de redes wifi municipais, e dixitalización de recursos patrimoniais e culturais.
  4. Competitividade: recuperación do comercio tradicional, artesanía e producto de proximidade; soterramento do cableado aéreo; mellora da accesibilidade coa eliminación de barreiras arquitectónicas (Porta da Villa, Barrio da Laxe, Santísima Trinidade); eliminación de grafitis, e campañas de sensibilización sobre turismo sostible para residentes e visitantes.

“Este PSTD pretende impulsar o turismo sostible e facer do noso casco histórico un espazo máis amable e seguro, con máis protagonismo para os peóns e mellorando a calidade de vida dos residentes”, asegura Gómez Prado.

“Doutra banda, búscase dotar ao centro histórico de máis servizos relacionados coa dixitalización e a eficiencia enerxética para achegarlle valor engadido; en definitiva, coas intervencións pretendemos un turismo plenamente sostible con tendencia á desestacionalización e potenciar o conxunto histórico artístico de Baiona, mellorando a peonalización, controlando os accesos a vehículos e fomentando a súa dinamización, tanto social como económica e comercial”, remata o alcalde.

Esta semana ábrese o prazo de inscrición dos campamentos de Semana Santa de Salvaterra

O Concello de Salvaterra de Miño realiza, un ano máis, o Campamento de Semana Santa, dentro do seu programa de conciliación da vida laboral e familiar.

A actividade levarase a cabo os días 3, 4, 5 e 10 de abril no CEIP PLURILINGüE INFANTE FELIPE DE BORBÓN no horario de 9:00 a 14:00 horas, con posibilidade de ampliación dende as 7:30 h co aula madruga.

Os destinatarios son nenos nacidos entre os anos 2011  a 2019.

O prazo de inscrición será dende o 15 ao 20 de marzo, a cal se poderá realizar no rexistro do Concellode 9:00 ata 14:00 horas ou mediante a sede electrónica.

Xogos, manualidades, cociña e experimentos serán algunhas das actividades que os nenos e nenas realizarán para pasar unha Pascua moi divertida.

Máis información no Concello de Salvaterra ou na páxina web do Concello.

Éxito do I Congreso Internacional de Tui-Valença celebrado esta fin de semana

0

Éxito do I Congreso Internacional de Educación celebrado o pasado venres e sábado na Eurocidade Tui-Valença.

Máis de 300 persoas asistiron presencialmente ás distintas ponencias tanto no auditorio da Escola Superior de Ciencia Empresariais en Valença coma no Teatro Municipal de Tui, ás que se suman as máis de 500 visualizacións que as retransmisións en directo das dúas xornadas suman xa nestes momentos.

Destacados expertos a nivel internacional expuxeron as claves sobre as que debe xirar a educación do presente, e nestes dous días reflexionaron sobre as ideas nas que os investigadores poden centrarse neste territorio transfronteirizo, tal e coma se avanzou na presentación inicial das conclusións. Os organizadores comprometéronse a presentar as conclusións finais antes do remate do actual curso académico. Houbo coincidencia na vontade de que este primeiro foro teña continuidade, posiblemente, coa celebración do Congreso cada dous anos, para seguir afondado en todo o exposto nesta fin de semana e nos traballos de investigación que a partir de aquí se poidan iniciar.

A clausura, o sábado á tarde, correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do vereador de Educaçao de Valença, Arlindo de Sousa, da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e da vicerreitora do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Eva Lantarón.

Enrique Cabaleiro destacou que “o ensino é o piar básico para construír unha sociedade que faga fronte a eses desafíos que temos por diante nun mundo cada vez máis complexo”. Aludiu tamén á importancia de que a educación estea presente nos programas de cooperación transfronteiriza.

Mentres Arlindo de Sousa destacou que “Valença e Tui fixeron historia sendo o escenario deste primeiro congreso internacional de educación realizado entre cidades raianas da Península Ibérica”. Engadiu que os grandes especialistas relacionados coas temáticas da educación que participaron nestas xornadas “abriron novos horizontes para o ensino e a formación nos próximo anos”.

Pola súa parte Carmela Silva, presidenta da Deputación salientou que “este congreso internacional é unha extraordinaria idea e moi necesario”. Reclamou o papel que a educación ten na sociedade e afirmou que “non hai nada máis apaixonante que debater, pensar e construír educación”.  Concluía indicando que “temos que sumar a todas e todas, o mundo local ten moito que dicir en todas as demandas que queremos facer do modelo educativo do que se falou aquí”.

Eva Lantarón, vicerreitora do Campus de Pontevedra da Universidade Vigo, deu os parabéns por “unir tantas vontades para falar dun tema transcendente para o futuro da educación das nosas xeracións, e para a formación dos educadores e educadoras destas crianzas e xoves do noso futuro”. Salientaba coma “Galicia e Portugal están chamados a estreitar cada vez máis as súas relacións e moito pode contribuír a iso a Educación”.

Previamente na exposición das conclusións Florencio Luengo do Proxecto Atlántida e Rui Trindade da Universidade do Porto explicaron que tres son as ideas sobre as que investigar nesta zona: o perfil de saída e a influencia no proxecto dos centros; como se plantexa o salto da avaliación por contidos á avaliación por competencias; e que perfil docente é o que se enfronta a este modelo de traballo por situacións.

Juan Manuel Moreno Olmedilla, Maria João Horta, José Moya Otero, e Ariana Cosme, foron os poñentes do primeiro día. Mentres o sábado abría a xornada o profesor Antonio Nòvoa, cuxa conferencia rematou co público en pé aplaudindo. Tras el houbo oportunidade de coñecer as experiencias que se están a desenvolver no CEIP nº1 de Tui, que prepara un novo congreso sobre os ODS para o remate do curso, e explicaron ademais os seus proxectos competenciais de participación e colaboración do alumnado. O IES San Paio compartiu a súa experiencia na iniciativa STEMbach, en colaboración coa Universidade de Vigo, que impulsa entre o seu alumnado a elaboración de proxectos científicos e de investigación en equipo. Mentres, o Centro de Formação Vale do Minho, o Agrupamento de Escolas da Cámara de Caminha e Muralhas do Minho presentaron o seu panel de competencias presentando o programa “Leio para crescer”, para motivar a lectura e a aprendizaxe a través da literatura; “Educação patrimonial e sustentabilidade”, cuxo obxectivo é educar ensinando tradicións e fauna da contorna; e “Ponte nas Ondas”, o proxecto de radio transfronteirizo que está inscrito no Rexistro de Boas Prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.

Eusebio Machado, Javier Cortés e José Antonio Gómez abordaron a avaliación competencial e o perfil de saída; Juan de Dios Fernández, Antonio Bolívar, Luisa Ucha, centraron a súa participación na sostenibilidade e inclusión. Pero neste congreso tamén se abordou a propia profesión docente coas intervencións de Luiza Cortesão e Beatriz Álvarez.

Este congreso que abordou a educación do presente acorde coa sociedade actual, tal e coma se expuxo ao longo do mesmo, estivo organizado polo Proyecto Atlántida e os EIP, Equipos de Investigación da Universidade de Porto, co apoio do Concello de Tui, a Cámara Municipal de Valença, a Deputación de Pontevedra, Educación 3.0 e a Xunta de Galicia, entre outras entidades.

O Porriño repara a cuberta do CEIP Cruz Budiño

A Concellería de Vías e Obras, que dirixe Ramón Porto, vén de acometer os traballos de limpeza e reparación da cuberta do CEIP Cruz Budiño, ante o risco de que se produciran danos persoais pola caída de cascallos do tellado do centro.

As malas condicións meteorolóxicas dos últimos meses puxeron ao descuberto o mal estado no que se atopa parte da cuberta deste centro escolar.  “Dende a dirección do colexio trasladaron ao Concello o problema co que se atopaban, xa que se estaban a desprender tellas que caían ao patio, polo que este permanecía precintado para que os cativos non accederan á zona polo perigo que entrañaba”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Había anacos de tella soltos na cuberta que cun simple refacho de vento podían caír”.

Ante esta situación, acordouse actuar de maneira urxente e proceder á limpeza do tellado e reparación das partes danadas. Tal e como explicou o concelleiro, Ramón Porto, “estas melloras realizáronse con medios propios. A seguridade dos nenos e nenas é unha cuestión prioritaria e  hai que facer o preciso, non se pode dilatar no tempo”.

A rúa Picota de Redondela transformarase por completo

0

A rúa Picota de Redondela atópase na recta final da actuación que está a transformar de xeito radical este espazo e a integrar no seu trazado as prazas de Fonte do Mouro e da Capela de Santa Mariña, co fin de crear unha zona continua, segura, accesible e onde o tránsito peonil vai ser protagonista. A presidenta provincial, Carmela Silva, puxo en valor “o cambio transcendental” que está a experimentar esta contorna e o municipio de Redondela durante a visita realizada a estas obras, financiadas ao abeiro do Plan ReacPon, xunto á alcaldesa Digna Rivas. Con estes traballos, Redondela recupera un espazo que pronto se converterá nun punto de convivencia para as persoas.

A actuación conta cun orzamento de 850.000 euros, dos que a Deputación achega 636.940 € e o Concello 212.313 €. “A pesar de que esta é unha das rúas máis importantes da vila pola que amais transcorre o Camiño de Santiago, era unha zona que realmente estaba en moi malas condicións –lembrou a presidenta provincial, Carmela Silva-. Durante os gobernos do PP non se fixo nada en todo este espazo. Agora, co plan extraordinario ReacPon estamos a impulsar un cambio transcendental cunha obra de enorme calidade urbana e cun aspecto respectuoso ca contorna, de xeito que a zona vai converterse nun núcleo moi fermoso desta vila, tal e como se merece a veciñanza”.

Carmela Silva enxalzou o labor da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, “que traballa arreo, que inviste neste municipio como nunca se fixo e está a facer unha transformación tremenda, un cambio total no concello”. “Redondela é hoxe, con Digna Rivas –afirmou-, unha das vilas máis importantes da provincia. Ten recuperado o seu pulo e está pensada para as veciñas e os veciños con actuacións no espazo público cunha mobilidade segura, amable, onde as persoas son o centro, pero tamén noutros eidos como a cultura. Agora actúase en todo o municipio e hai un compromiso total cunha Redondela humana que avanza cunha alcaldesa que pensa na xente, viva onde viva”.

Pola súa banda a alcaldesa, Digna Rivas, quixo poñer en valor que “a transformación que está a ter este concello non é só pola nosa aposta, senón porque grazas á Deputación podemos facela; a realidade é esa e quen queira ocultala, non pode”. Lembrou que a zona obxecto da actuación “levaba máis de 20 anos abandonada” a pesar do paso do Camiño de Santiago, “tanto o da costa como o portugués, que converten a Redondela nun referente en turismo”. “O tránsito de persoas peregrinas é continuo durante todo o ano –explicou- e agora con esta transformación verán que Redondela é transitable e accesible. É a Redondela que queremos”. Rivas criticou que, porén, a Xunta de Galicia, “o que fai é absolutamente nada, mentres a Deputación segue investindo”. E nese senso apuntou que, amais da rúa Picota, con fondos provinciais están a ser posibles outras obras como o futuro aparcamento disuasorio na contorna da praza de Ponteareas, así como as obras de humanización en parroquias como Cidadelle. “A Deputación –concluíu- está a investir e sempre con criterios obxectivos, apoiando a todos os municipios da provincia por igual”.

O proxecto

Coa actuación do Plan ReacPon na Picota dáse protagonismo ao tránsito peonil, aplicando en toda a vía unha plataforma única para garantir a seguridade e a accesibilidade. Igualmente, búscase mellorar o aspecto visual e funcional da rúa (desde o cruce coa rúa Fumeiros ata a N-550), integrando as dúas prazas de Fonte do Mouro e da Capela de Santa Mariña no seu trazado. Deste xeito revalorízase ambos espazos, ao crearse zonas de estancia nas dúas prazas. Tamén se mellorarán os accesos ás vivendas, bares e aparcadoiros e axardinaranse diferentes espazos da rúa.

A obra dota a rúa dunha nova identidade relacionada co adoquinado existente na vila e tamén con novos pavimentos empregados nas prazas. Entre os materiais que se están a empregar destacan o aceiro galvanizado gris para escaleiras, límites entre pavimentos e varandas, o formigón para beirarrúas e chanzos, a lastra para franxas de beirarrúas e pavimento base na área rodada.

Mondariz acollerá o 26 de agosto o Campionato de Galicia de BTT Pumptrack

0

O circuíto asfaltado de pumptrack de Mondariz, construído en 2021 nas instalacións municipais do Campo da Minada, será a sede do Campionato de Galicia de BTT Pumptrack, que xa está incluído no calendario de competicións da Federación Galega de Ciclismo. Esta proba terá lugar o 26 de agosto e se presenta como II Pumptrack Nocturno de Mondariz, dando continuidade ao evento organizado en setembro de 2022 para inaugurar estas instalacións deportivas.

Actualmente, sobre o Campo da Minada estanse desenvolvendo unhas obras para construír unha gran área de deporte urbano de 4.500 metros cadrados de superficie que está chamada a sentar as bases do futuro crecemento urbanístico da localidade, centrado en conectar as turísticas praias fluviais co núcleo urbano de Mondariz. “Con este centro de ocio e deporte urbano, que estará rematado nas próximas semanas, buscamos dinamizar socioculturalmente a localidade e ofrecer alternativas de lecer saudable á mocidade actual, así como promover o turismo”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

O circuíto asfaltado de pumptrack, de 1.200 metros cadrados de superficie e financiado polo Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, foi o primeiro paso do Goberno municipal no seu proxecto de recuperación do Campo da Minada, un importante espazo público, estratexicamente ubicado na Avenida Grupo Escolar xunto ao CPI de Mondariz, a Casa do Concello, a Biblioteca Pública Municipal e o parque infantil do Monte da Ovella, que levaba anos en estado de abandono. “O campo de fútbol de céspede artificial que se construíra hai dúas décadas estivo en desuso por non cumprir as medidas regulamentarias para a competición. Nós tivemos en conta esa situación e adaptamos a pista ao regulamento de BTT pumptrack da Real Federación Española de Ciclismo, co obxectivo de poder acoller competicións deportivas profesionais”, sinala Barros.

A oportunidade de completar o ambicioso proxecto de centro de ocio e deporte urbano do Campo da Minada chegou co plan Reacpon da Deputación de Pontevedra, que financiou a iniciativa municipal co 90 % do importe das obras, que están valoradas en 435.644 euros. Xunto ao circuíto asfaltado de pump track estanse construíndo pistas multideportivas para a práctica de skate, escalada e calistenia, entre outras actividades con gran demanda entre a mocidade actual.

Nesta ligazón pódese consultar o calendario competitivo da Federación Galega de Ciclismo.

A Guarda vive a gran festa do deporte

0

O Centro Cultural da Guarda acolleu o pasado venres día 10 de marzo a gran festa do deporte guardés coa celebración da XIV edición da Gala do Deporte, unha edición na que se contou coma padriño do evento ao escalador Erik Noya.

Neste evento recoñecéronse os logros e méritos deportivos acadados durante o pasado ano polos deportistas, os clubs e as entidades deportivas da Guarda, poñendo así en valor o traballo, esforzo e compromiso das numerosas persoas que forman parte do ámbito deportivo local.

A gala, comezou ás 20:30 horas ante un Salón de Actos do Centro Cultural que puxo o cartel de aforo completo, e estivo presentada polo xornalista Terio Carrera e coa amenización con coreografías de deportistas de Dansá.

Nesta XIV edición outorgáronse distincións a José Manuel Fandiño, Recoñecemento dedicación ao deporte; ao Open Club Tenis Codesal, Mellor iniciativa; ao Sporting Guardés, Recoñecemento promoción e fomento do deporte; Mecalia Atl. Guardés, Mellor equipo; ao equipo Alevín Tenis Club Codesal (Marcos Pacheco, Pablo Rodríguez Martínez, Alvaro Romeu García, Pablo Fajar González, Lucas Brandón González e Leví Domínguez Olivares); á tripulación cadete féminas do Clube de Remo Robaleira (Esther, Claudia e Tania Dorado Acevedo, Nerea e Claudia Dorna, Tecla Baz Baz, Uxía Fernández Videira, Manuela Vicente Cadilla e Gabriel González Rolán).

En canto aos deportistas individuais outorgáronse distincións para Erik Noya en Escalada; Alejandro Pena Peniza e Noa González Da Csota en Judo; a Rosalía Soler Lomba e Paula Baz en Natación; a Jorge García en Skate; a Mara Romeu e Ález Sierpes en Atletismo ; a ElsaPena e Sergio Rodríguez en Atletismo e a Eva Piñel tamén en Atletismo.

Ao remate da entrega de distincións Antonio Lomba quixo adicar unhas palabras a todos os deportistas, e entidades premiadas nesta XIV edición da Gala do Deporte, destacando o “gran músculo” que temos na vila en canto ao deporte, un gran referente para as novas xeracións, con deportistas de gran nivel en multitude de modalidades e disciplinas deportivas,

Montserrat Magallanes, Concelleira de Deportes, engadíu que “esta edición da Gran Festa do Deporte Guardés recoñeceuse o traballo, esforzo e implicación dos clubs, entidades deportivas e deportistas individuais, visibilizando o enorme traballo desenvolvido, a importancia do deporte base na formación dos nosos rapaces e rapazas e os beneficios que para a saúde reporta a práctica deportiva”.

Arbo estenderá a gratuidade do P.A.I

0

O Concello de Arbo adheríase ao programa de gratuidade aplicada tanto nos centros públicos de titularidade autonómica (dependentes da  AGASS e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar), como nos privados, de iniciativa social, municipais ou de calquera outra índole que estean adheridos ao programa.

Para elo foi necesaria a aprobación en Pleno da ordenanza Fiscal para establecer a  gratuidade da prestación deste servizo da atención educativa no P.A.I. (Punto de Atención á Infancia) de Arbo a partir do curso 2022-2023, segundo o disposto na Lei 18/2021, do 27 de decembro, que modifica o título da disposición adicional novena da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

Dende setembro de 2022, todas as familias con fillos de entre 0 e 3 anos que estean inscritos no P.A.I de Arbo poderán gozar da gratuidade.

Tras a elevación a definitivo do acordo plenario de 07/09/2022 de aprobación inicial da  modificación  Ordenanza Fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo do Punto de Atención á Infancia de Arbo, tras non presentarse reclamacións contra o mesmo no período de información pública aberto coa publicación no BOP de Pontevedra  nº 175 de 13 de setembro de  2022, e coa súa entrada en vigor coa publicación do texto íntegro da modificación da ordenanza no BOP de Pontevedra nº 208 con data 31 de outubro de 2022;  a mesma resulta de aplicación a partires do curso 2023/2024 , xa que o devengo das taxas prodúcese por curso escolar, e a súa publicación e entrada en vigor foi  posterior ao comezo do curso escolar 2022-2023.

Tui inaugura a exposición ‘O Esforzo In-Visible’

0

O Concello de Tui inaugurou a exposición ‘O Esforzo In-Visibile’ das deportistas tudenses. Nesta mostra recóllense imaxes e declaracións de 11 mulleres deportistas tudenses de élite en distintas disciplinas: Aida Valiño, Anita Rodríguez, Carmen González, Eva María Ara, Leticia Barbosa, Loli Pedrares, Marisa Giráldez, Nuria Domínguez, Sara Tui, Susana Fontán e Tania Fernández.

Na inauguración da mostra estivo presente o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Igualdade, Ana María Núñez, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, xunto a membros da corporación municipal e algunhas destas mulleres deportistas representadas na exposición.

A concelleira de Igualdade, Ana María Núñez, explicou que con esta exposición preténdese visibilizar o papel e o legado de mulleres tudenses que inspiran a outras coma referentes. Incidiu en que quedan importantes retos por acadar xa que hoxe en día as mulleres teñen que demostrar máis valía para ser recoñecidas e acceder a postos de liderado.

Logo tomaron a palabra algunhas das mulleres deportistas presentes no acto e que recibían a homenaxe. Aida Valiño, Anita Rodríguez, Nuria Domínguez e Tania Fernández agradeceron o recoñecemento e incidiron no papel que o deporte xoga no crecemento persoal, a cultura do esforzo, as vontades da práctica do deporte e tamén na súa faceta inclusiva onde, engadiron, débese dar aínda máis voz e presenza a todas as mulleres.

Pechou o acto de inauguración desta exposición o alcalde de Tui. Enrique Cabaleiro expuxo que se trata “dunhas das moitas actuacións englobadas no Plan de Igualdade” aprobado polo Concello de Tui e que busca visibilizar o labor diario e multidisciplinar das mulleres tudenses na vida cotiá. Explicaba que, no deporte e tamén en moitas outras facetas da vida, as mulleres teñen un papel preponderante e que debe ser recoñecido e apoiado con políticas públicas que “corrixan situacións de desigualdade”.

Xornada de presentación do plan municipal de abastecemento autónomo en Mondariz

0

O Concello de Mondariz foi en 2021 un dos seis concellos galegos seleccionados para participar no proxecto de plans municipais de abastecemento autónomo, promovido pola Concellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia. Este mes, case ano e medio despois de que se iniciaran os traballos técnicos, vaise presentar o resultado final do plan municipal de abastecemento autónomo para traídas veciñais da localidade.

As directivas das 16 traídas veciñais de auga que participaron desta iniciativa están convocadas este martes, 14 de marzo, á xornada de presentación final do plan municipal de abastecemento autónomo, que terá lugar ás 18:30 horas na biblioteca municipal de Mondariz. Previamente, xa foran reunidas en outubro de 2021 para ser informadas do proxecto, e en outubro de 2022 para recibir información sobre as actuacións propostas polo persoal técnico que realizou os traballos de inventario e estudo de infraestruturas. Estas xuntanzas, que congregaron a decenas de persoas vinculadas ás traídas veciñais, serviron para poñer de manifesto as principais preocupacións compartidas: a calidade e a cantidade de auga, así como o estado das instalacións e a súa xestión no que respecta ao mantemento e aos custos.

A elaboración do plan municipal de abastecemento autónomo organizouse en tres fases. A primeira consistiu en realizar un inventario dos sistemas, con visitas técnicas para inspeccionar os distintos elementos das traídas, recompilar datos e elaborar planos, e unha análise da calidade das augas, con informes técnico-sanitarios de avaliación do estado de cada un dos sistemas. Na segunda fase propuxéronse melloras para cada traída e valoráronse economica e comparativamente as propostas realizadas para cada sistema. O obxectivo último, materializado na terceira fase do proxecto, era crear un documento final no que se amosasen os traballos feitos e se ofrecese unha guía para priorizar actuacións no termo municipal.

“Este plan municipal de abastecemento autónomo para as traídas veciñais de auga é unha iniciativa moi importante que pon de manifesto a preocupación que ten este Goberno municipal pola xestión dun recurso tan básico como a auga”, afirma Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz. “Entre as expresións de interese recibidas para participar nesta iniciativa, Augas de Galicia analizou as propostas e seleccionou os concellos máis adecuados e comprometidos para o desenvolvemento destes plans”.

O abastecemento de auga, entre as prioridades do Goberno municipal desde 2019

A mellora da rede de abastecemento de auga converteuse nunha área prioritaria do Goberno municipal de Mondariz durante os últimos catro anos. “Atopámonos cunha situación de total abandono político nunha área de vital importancia que estamos tratando de solucionar. A mediados de 2020, tras detectar graves irregularidades administrativas, iniciamos un proceso de regularización de 21 captacións de auga e depósitos da rede municipal de abastecemento de auga. Anualmente tamén estamos investindo recursos públicos en obras de mellora de canalizacións e depósitos de auga”, comenta o alcalde de Mondariz.

A obra máis significativa dos últimos anos foi a rehabilitación integral do depósito do muíño de Luís, no centro urbano de Mondariz, a finais de 2021, que incluíu traballos de impermeabilización interior para evitar filtracións de auga, así como unha adecuación dos tubos á normativa. O custo desta intervención municipal superou os 90.000 euros, que se financiaron a través da Xunta da Galicia (50.000 euros) e da Deputación de Pontevedra (41.000 euros). En 2020, ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, xa se fixeran obras no depósito de Santa Baia, na parroquia de Lougares, e no tubo que abastece de auga á parroquia de Vilar.

“Actualmente estamos traballando na solicitude dun PERTE para a dixitalización do ciclo da auga, aproveitando as oportunidades de financiamento europeo que xestiona o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico”, avanza Xosé Emilio Barros.

Con todo, o Goberno municipal de Mondariz tamén está tratando de promover o modelo tradicional de abastecemento autónomo que representan as traídas veciñais de auga, tanto con iniciativas como o plan municipal de abastecemento autónomo como con axudas económicas para as traídas veciñais de auga e a posta en valor da participación veciñal. Hai uns meses, sen ir máis lonxe, proxectou no auditorio municipal o documental “A auga que trouxeron”, un relato sobre a realidade das traídas veciñais de auga en Galicia realizado por Beatriz Vázquez Campaña e Alberte Román Losa, de Trespés Filmes, no que tamén colabora o Concello de Mondariz.

Mos mellorará a seguridade viaria no Camiño da Cachada

0

A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, informaron de que o Concello de Mos atópase finalizando o procedemento de licitación da obra de “Mellora da seguridade vial do Camiño da Cachada entre Camiño das Minadas e Camiño de Gándara, parroquia de Mos” e que a contratación será efectiva nun prazo aproximado de 15 días, para posteriormente iniciar a obra.

Trátase dunha mellora íntegramente financiada con fondos propios municipais cuxo orzamento ascende a preto de 200.000 euros.

O Camiño da Cachada é un vial municipal que discorre paralelo á vía do ferrocarril e á Estrada Nacional N-550. Este vial dá servizo a un número importante de vivendas unifamiliares e en concreto á recente urbanización de Os Penedos.

O ámbito de actuación abarca o Camiño da Cachada, entre o cruce co Camiño da Gándara (PK 0+000) e o Camiño das Minadas (PK 0+486), ocupando unha superficie total de 3.378 m2.

Para a mellora da seguridade viaria no Camiño da Cachada, proxectouse unha actuación tendo en conta os condicionantes técnicos como o tipo de terreo e as edificacións existentes. A devandita actuación implica a realización da ampliación da plataforma viaria ata as aliñacións permitidas, co fin de conseguir o cruzamento de dous vehículos lixeiros. Para evitar a ocupación excesiva de terreos, nos sobreanchos de vial salvaranse os desniveis do terreo con muros de contención de pedra; e cando a diferenza de cota a salvar sexa pequena, poderanse expor noiros.

Camiño da Cachada

Rehabilitarase, así mesmo, o firme de toda a calzada mediante o fresado e recrecido con mestura bituminosa en quente. Na mesma liña de aumento da seguridade viaria proxéctase a mellora da sinalización, o que inclúe marcas viarias, sinalización vertical e redutores físicos de velocidade (lombos de asno).

A duración estimada das obras será de tres meses, a contar dende a comprobación do replanteo.

Cómpre destacar que o Concello de Mos leva a cabo cada ano un Plan Anual Municipal de Asfaltados e Mellora da Seguridade Viaria. Neste senso os representantes municipais, Arévalo e Augusto, apuntaron a este respecto que o ano pasado acometéronse 20 asfaltados dentro deste Plan Anual Municipal, que sumaron preto de 12 quilómetros asfaltados en total durante 2022.

Seis novos obradoiros chegan esta semana da man de SmartPeme

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferte seis novas accións formativas para esta semana, enmarcadas na súa carteira de obradoiros online. As accións tratarán temas como a suplantación de identidade, o acoso por razón de xénero na empresa, creación de e-mail marketing, creación de blogs, emisión de eventos en liña e o funcionamento de WhatsApp Business.

Os obradoiros darán comezo hoxe luns 13 de marzo ás 10:00 da maña. Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, será o encargado de impartir a formación “Ciberseguridade, Ramsonware e suplantación de identidade”, a través da cal se explicará en que consiste este ciberataque que está crecendo en popularidade e adopta múltiples formas.

O martes 14, en horario de tarde e vía Zoom, terá lugar a acción “Xestión do acoso por razón de xénero na empresa”, centrada na importancia de elaborar un protocolo de acoso e cales son as obrigas empresariais ao respecto.  Neste obradoiro, a cargo da graduada en Relacións Laborais e Recursos humanos pola Universidade de Vigo, María José Márquez, tamén se proporcionarán os coñecementos necesarios para identificar os tipos de acoso existentes.

O mércores haberá dobre sesión. Na queda da mañá, as 12.00 horas, Fátima Faílde licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, exporá “Crea unha campaña de e-mail márketing con MailChimp”, para dar a coñecer esta ferramenta gratuíta a través dun percorrido sinxelo polas súas seccións e aprender a crear listas de bases de datos, deseñar formularios e redactar newsletters. Na quenda da tarde, ás 17.00 horas, terá lugar o curso “Como crear o teu blog turístico” no que Patricia Cabaleiro, posgraduada en Turismo, contará os beneficios desta ferramenta, dando a coñecer o proceso de creación dun blog desde cero, ideas para os posts e aspectos a ter en conta para escribir nel.

O remate de semana tamén contará con dous obradoiros. O xoves 16 ás 11 da mañá, Manuel Freire volverá a impartir unha formación, neste caso “Como emitir o teu evento en liña de xeito profesional ll”, no que explicará como mellorar os eventos en liña que se levan a cabo cos clientes e a difusión de contido. Finalmente pola tarde, ás 18.00 horas, celebrarase “Así funciona WhatsApp Business”, impartido polo enxeñeiro informátivo José Luís Taboada, que dará a coñecer esta ferramenta coa que as empresas e negocios poden interactuar cos seus clientes  dunha forma sinxela e profesional.

Balance positivo da Festa da Arribada 2023

0

Uns días despois da XXVII Festa da Arribada que se celebrou en Baiona a pasada fin de semana, o alcalde da localidade, Carlos Gómez Prado, fai un balance moi positivo da Festa de Interese Turístico Internacional.

A capacidade para superar as expectativas xeradas, o bo comportamento da veciñanza, das persoas visitantes e a experiencia da organización que nesta edición fixo crecer e dar un salto de calidade en diferentes ámbitos a festa entre os que destacan: a creación dunha nova zona gastronómica na zona do Paseo Ribeira;  a expansión do Real Mercado Medieval a novas zonas coa ampliación dá oferta a totalidade dá rúa Carabela Pinta e a Rúa Cidade de Vigo ou a aglutinación dá programación destinada ou público infantil non Parque de Palma.

A Festa de Interese Turístico Internacional recibiu un total de 175.000 persoas durante os tres días de celebracións, segundo os datos da Policía Local, que tamén destacou a gran cantidade de xente que utilizou as lanzadeiras gratuítas que funcionaron desde Porto do Molle. Tamén moitas persoas achegáronse ata a vila utilizando o trasporte marítimo ofertado polas navieiras.

Tanto o dispositivo de seguridade, con máis de 150 efectivos, como o hospital de campaña e o servizo de limpeza despregáronse na Real Villa para garantir o bo funcionamento da festa.

O rexedor baionés destaca “o excelente traballo realizado polos servizos municipais do departamento de cultura, de vías e obras, electricidade, limpeza, Policía Local e do resto de efectivos pertencentes ás forzas e corpos de seguridade do Estado que estiveron despregados eses días en Baiona, dando cobertura tanto á regulación do tráfico, ás emerxencias e en xeral a toda a seguridade cidadá que requiriu a Arribada”

Así mesmo, agradece tamén “a implicación de todos os sectores empresariais, culturais, deportivos e sociais da vila que estiveron á altura dunha celebración da embergadura da Arribada”. Tamén valorou a normalidade coa que transcorreu a celebración da que gozaron un gran número de persoas que se achegaron a  Arribada 2023: “Temos que destacar o comportamento exemplar da nosa veciñanza e visitantes e a importante repercusión económica para o municipio que tivo,  ademáis de axudar a desestazionalización”, afirmou o alcalde.

En canto á programación da Arribada, executouse ao 100 % aínda cos chuvascos intermitentes do domingo. Durante os tres días, baioneses, baionesas e visitantes puideron gozar activamente da multitude de actividades programadas para a ocasión.

Nos días sucesivos á festa medieval, os operarios municipais están inmersos nas tarefas de desmonte e recollida de atrezo típico da Arribada e dos postos que forman parte do Real Mercado Medieval.

En canto á limpeza de rúas, o Concello reforzou os dispositivos de limpeza e recolleu de residuos, deseñando un operativo específico para a festa medieval. Unha vez que finalizase a recollida do atrezo e os postos, pasará tamén a varredora mecánica polas diferentes zonas. A montaxe e o desmonte dunha festa como a Arribada non é tarefa fácil, pero grazas á coordinación, organización e ao dispositivo despregado de operarios e limpeza nuns días a Real Villa volverá ao seu estado habitual e non haberá ningunha pegada do medievo nas súas rúas e prazas.

Novos seminarios da Universidade de Vigo en Covelo

0

Seguir aprendendo e promover o coñecemento é o obxecto do convenio que o Concello de Covelo e a Universidade de Vigo asinaron no pasado ano froito da colaboración entre a Consellería de Política Social e Xuventude e as Universidades de Santiago, Coruña e Vigo. Esta colaboración permite que a veciñanza de Covelo se beneficie por segundo ano consecutivo de novos seminarios universitarios para maiores de 50 anos.

Impartidos en horario de tarde, os seminarios desta nova edición centraranse en impartir coñecementos de “saúde e benestar”, “arte e historia”, “pilates sénior”, “soidade non desexada” e “tecnoloxía para o uso de ferramentas no teléfono móbil”.

O alcalde, Pablo Castillo, califica de “moi importante” poder ofrecer ás persoas que viven no rural o maior número de servizos posibles non só básicos se non tamén aqueles que promoven a formación continua, espallan coñecementos e nos facilitan estar actualizados e familiarizados con novas ferramentas, “algo decisivo para non quedar descolgados nin desconectados das novas tendencias ou avances que facilitan o día a día das persoas”. Ademais, estes seminarios posibilitan o encontro  de persoas con inquedanzas similares nun espazo común.

Os seminarios, que se desenvolverán en abril e maio, son impartidos por profesores da Universidade de Vigo e teñen sesións divulgativas e prácticas con 2 saídas/visitas programadas no seminarios de Saúde e Benestar e no de Arte e Historia de Covelo.

“Ante o éxito e satisfacción das persoas que participaron nos celebrados o ano anterior, este ano pasaremos de tres a cinco seminarios, ofrecendo dous máis ante a boa acollida da primeira edición”, engade Lourdes Enes, concelleira responsable de Formación.

As persoas que desexen obter máis información deberán contactar co Concello no número de teléfono 986 65 00 27 (ext 4) ou na oficina de formación de luns a venres de 08:00 a 14:00 horas.

Redondela presenta “Mulleres do téxtil”

0

O Concello de Redondela colabora coa iniciativa “Mulleres do téxtil” de José Manuel González e Roberto Casal Mouriño. O proxecto preséntase hoxe no Multiusos da Xunqueira, nun acto que ten a intención de achegar o proxecto á veciñanza.

“Mulleres do téxtil” recolle as vivencias de todas as mulleres que formaron parte da empresa textil Regojo, pilar da economía redondelá dende 1937 a 1978. Mantiveron xuntanzas cun total de 22 traballadoras de diferentes xeracións para crear unha obra de teatro que representará o grupo de teatro Reboreda no vindeiro mes de xuño.

A alcaldesa, Digna Rivas, explicaba que “cando chegou as miñas mans esta iniciativa non dubidei en apoiala, pois pon en valor as mulleres traballadoras de Redondela e sobre todo de aquelas mulleres que traballaron en Regojo e forman parta da historia viva do municipio. Moitas delas comezaron a traballar con 14 anos e teñen vivencias moi importantes para a memoria de Redondela. É importante para este goberno recoñecer o traballo da muller e recuperar os espazos que lles negaron no relato histórico oficial”.

Este non será un evento tradicional, pois a proposta estará relacionada co carácter do proxecto. Para iso o grupo de teatro Reboreda secuenciará e dividirá, en distintos puntos do acto, escenas breves da obra empregando os achados que obtiveron nos encontros.   Ademais, estará presente profesorado dos institutos redondelás para contar a súas experiencias traballado a historia de Regojo co seu alumnado e como reaccionan estes ao coñecemento que adquiren sobre a súa vila. 

“Un evento completo no que aprender sobre a historia de Redondela e no que haberá representación do sector educativo para aportar a súa perspectiva a hora de explicar e ensinar a memoria dun pobo. Algo moi importante e que está mudando na actualidade, pois moitos docentes deciden traballar cada vez máis dende a mirada da igualdade”, conclúe Rivas.

A Semana Santa chegará ao Rosal co turismo e a natureza como protagonistas

0

O Rosal prepárase para unha Semana Santa na que o turismo e a natureza serán os grandes protagonistas. O Concello porá en marcha de novo este ano visitas guiadas aos muíños de Folón e do Picón, ademais de realizar visitas guiadas ao Museo do Cabaqueiro e abrir as portas da Oficina de Información Turística para todas aquelas persoas que queiran afondar no que ver ou do que gozar durante eses días no municipio e na contorna.

Deste xeito, en abril haberá dúas visitas guiadas aos muíños do Folón e do Picón, unha ruta a través da que todas e todos os participantes “poderán desfrutar dun percorrido no que a paisaxe natural e o patrimonio conviven en perfecto equilibrio”,  resalta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. As saídas serán o xoves 6 e o venres 7 de abril con saída ás 17.00 horas dende a área de recepción dos muíños do Folón, a carón do aparcadoiro.

Durante a Semana Santa tamén se organizarán visitas guiadas ao Museo do Cabaqueiro para todas aquelas persoas interesadas en coñecer a historia dun dos oficios máis tradicionais do Rosal. As visitas realizaranse do 3 ao 8 de abril, de luns a venres ás 11.30 horas e o sábado ás 11.30 e ás 17.30 horas. O encontro terá unha duración aproximada de 30 minutos e, ao remate, as persoas interesadas poderán visitar por libre todo o museo sen límite de tempo.

Para completar toda a actividade turística do Rosal nestas datas, o Concello abrirá tamén as portas da Oficina de Información Turística do 3 ao 8 de abril. Situada na rúa Ramón Franco, 2, a oficina abrirá de luns a venres de 11.00 a 14.00 horas e o sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas.

A UNED inaugura a súa aula no Porriño

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado polo director da UNED de Pontevedra, Víctor Manuel González,  a concelleira de Educación, Carolina González, inauguraron onte oficialmente as instalacións da Universidade Nacional de Educación a Distancia no Porriño, nunha xornada de difusión da súa proposta formativa na que tamén estiveron presentes o subdirector da UNED Pontevedra, Alfonso Vázquez, e o seu Coordinador de Extensión Universitaria, Rafael Cotelo.

Esta aula, con sede no Multicentro de Torneiros onde dispón de seis aulas que aglutinan todos os servizos, comezou a súa actividade o pasado mes de outubro cunha ampla oferta de cursos de extensión universitaria nos que xa se matricularon máis de 150 estudantes.

Neste curso 2022/23 impártiranse tamén o curso de Protocolo na Administración Local, UNED Senior, Gastronomía, cultura e turismo, Lingua de signos española Nivel I, Inglés nivel I, Introducción ao protocolo empresarial e o Programa de reforzo educativo para a obtención da ESO.

O director da UNED Pontevedra, Victor González quixo en primeiro lugar “felicitar e agradecer ao Porriño e á súa corporación por culminar este proxecto tan bonito nun tempo récord e por cumprir con todo o comprometido”. González destacou que a UNED Pontevedra xurdiu hai 50 anos, foi crecendo e a día de hoxe “O Porriño xa é parte dela”. O director da UNED Pontevedra asumiu o compromiso de valorar a implantación de grados na aula do Porriño, algo demandado dende o Concello, e explicou que “a nosa vocación e o noso mandato é responder ao que as persoas, as empresas e a sociedade en xeral necesite. Somos unha universidade tremendamente áxil e aberta”.  

Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo reafirmou “o compromiso do Concello co sostemento e financiamento do centro da UNED no Porriño” xa que apuntou “desenvolve un importante labor no eido cultural, social e empresarial do municipio”. O rexedor puxo en valor o carácter “vertebrador da UNED, que facilita o acceso ao ensino universitario e achega a educación superior á veciñanza de fora das grandes ciudades.  Eu creo firmemente nunha educación pública e de calidade, e contar con esta aula no Porriño contribúe a facelo posible”. Destacou tamén a ferramenta que supón para “as máis de 2.000 empresas que temos no Porriño ás que convido a participar da traxectoria da UNED de cara a cualificar aos profesionais nas áreas que se precisen”.

Por último, Rafael Cotelo, Coordinación de extensión universitaria da UNED Pontevedra afirmou que “hoxe é un día importante para a UNED” e tendeu a man aos representantes do tecido empresarial e comercial do Porriño presentes no acto para traballar xuntos. “Temos no Porriño un tecido empresarial moi importante que queremos participar e potenciar. Somos unha ferramenta ao voso servizo”, concluíu.