19.5 C
Pontevedra
Martes, 28 de Marzo de 2023
Máis
    HomeO CondadoPonteareasRecta final das obras do ReacPon en Ponteareas

    Recta final das obras do ReacPon en Ponteareas

    Ponteareas vive a transformación integral do seu centro urbano coas novas actuacións implementadas pola Deputación de Pontevedra. Por un lado, a vila está a piques de contar co seu primeiro camiño escolar seguro a través dos recursos do plan extraordinario ReacPon, que encara a súa recta final e suporá transformar por completo o núcleo central  triplicando o espazo público para as persoas e dando seguridade ao tránsito peonil cara ao CEIP Ramiro Sabell. A presidenta Carmela Silva, que supervisou hoxe os traballos xunto á alcaldesa Cristina Fernández, remarcou que se trata “dun cambio épico, en consonancia cunha clara aposta por facer de Ponteareas unha vila amable onde as persoas están no centro e o espazo público se recupera para o pracer da xente”. As obras, cun orzamento de preto dun millón de euros e totalmente sufragadas pola Deputación, con 723.000 € do ReacPon e máis de 240.000 euros a través do Plan Concellos, complétanse coa transformación da avenida Sarmiento Rivera na que se invisten 630.000 € e cuxo convenio foi asinado esta mañá.

    Carmela Silva sinalou que “Ponteareas estase a converter nunha referencia, porque non hai moitos concellos que aposten por crear grandes proxectos como o camiño escolar en ámbitos con moito tránsito”. A través do ReacPon, o cambio épico está a converter “un espazo que non era amable, tiña moita inseguridade e non permitía que nin a infancia, nin as persoas maiores, nin as persoas con dificultades de mobilidade puideran desenvolverse con liberdade” nunha nova contorna onde as persoas “poderán transitar gozando dese espazo” co que “cambiará a vida da xente e se darán relacións sociais”. En definitiva, “unha obra integral, cunha mirada transformadora e que embelece Ponteareas”, asegurou a presidenta. Carmela Silva lembrou tamén que os proxectos de transformación do espazo público liderados pola Deputación e compartidos polo Concello de Ponteareas son, fundamentalmente, “unha aposta pola sostibilidade”. “O espazo público –remarcou a presidenta– é noso, forma parte da comunidade, e por iso as sociedades máis avanzadas son as que están formulando novos valores e novos modelos que dan unha calidade de vida incomparable”.

    A alcaldesa Cristina Fernández asegurou que coas obras “o alumnado achegarase aos seus centros con seguridade, pero ademais esta é unha zona moi utilizada para pasear e achegarse a servizos como o cemiterio ou o centro sanitario”. Con este proxecto “uniremos a zona peonil do centro, que tamén recibiu achegas do plan Ágora da Deputación, cunha das saídas á parroquia de Fontenla, unha das máis achegadas ao núcleo urbano”. Ademais, a alcaldesa de Ponteareas puxo en valor que, en paralelo á recuperación de espazos públicos, “queremos converter a vila nunha especie de xardín, coa plantación de distintas especies de arborado de grandes dimensións para que dean sombra ás persoas camiñantes”, e subliñou “a dotación de bancos para que a xente que sae pasear por Ponteareas”, sobre todo a maior, “poida descansar cada pouco”.

    A actuación financiada co ReacPon, e que foi percorrida hoxe pola presidenta e a alcaldesa, está a configurar un camiño escolar seguro nun tramo de 1100 metros de rúas e estradas de Ponteareas, co que se triplica o espazo para as persoas apostando pola mobilidade sostible e segura e dando prioridade ao dereito das nenas e nenos en idade escolar a moverse con liberdade, sexa a pé ou en bicicleta. Este percorrido ten un grande uso social, pois é empregado para desprazarse aos centros educativos, ao parque Ferro Ucha, á futura Escola Infantil e ao cemiterio; e tamén para desprazarse camiñando ao centro desde O Barral, Fontenla ou Arcos.

    A través desta actuación estase transformando un espazo anteriormente degradado, con beirarrúas estreitas, sen arborado e inhóspito, dotándoo dunha senda peonil e ciclable que creará un camiño escolar seguro ao CEIP Ramiro Sabell, pero tamén ao IES Val do Tea, o IES Pedra da Auga e o IES do Barral (máis de 1500 escolares). Deste xeito foméntase a autonomía infantil maila redución do tráfico e da contaminación, ao xerar un hábitat saudable, amable, inclusivo e de calidade. Para conseguilo, estanse executando zonas de plataforma única e peonalizando por completo as rúas Forno Telleiro e dos Nardos, entre o Paseo Matutino e a contorna do parque. Ademais, refórmase a sección viaria entre a rúa dos Nardos e o acceso ao CEIP Ramiro Sabell para mellorar a seguridade. Neste tramo, cun único carril dun sentido, plantaranse preto de 200 árbores, crearanse beirarrúas de 4,5 metros e disporanse prazas de aparcadoiro. Amais, na rúa de acceso ao CEIP Ramiro Sabell modificarase a sección para dotala de maior seguridade.

    Convenio para recuperar espazo público no tramo urbano da EP-4006 en Sarmiento Rivera

    A transformación urbana de Ponteareas completarase con novos investimentos da Deputación. Carmela Silva e Cristina Fernández asinaron o convenio para facer fronte á recuperación do espazo público para as persoas na Avenida Sarmiento Rivera, un treito urbano da EP-4006 que dará continuidade ás obras do ReacPon e contará con 630.000 € de investimento, dos cales a Deputación achega o 70% (411.300 €) e o 30% restante o Concello (189.000 €). A intención é que, unha vez finalizadas as obras, se transfira este tramo ao Concello de Ponteareas.

    A presidenta da Deputación sinalou que, grazas ao convenio, “esta estrada provincial converterase nun espazo amable”. “Inmediatamente aprobaremos o proxecto e a continuación licitarémolo”, asegurou a presidenta provincial, que afirmou que, entre o ReacPon “que está a piques de rematar” e este novo proxecto, “estamos permitindo que haxa unha gran transformación para mellorar a vida da xente: un cambio sen precedentes en Ponteareas”.

    Pola súa banda, a alcaldesa sinalou o carácter “estratéxico” da rúa, de entrada e saída desde outros municipios da zona como As Neves ou Arbo. “Queremos dotala de maior estética e maior utilidade, e sabemos que a veciñanza da parroquia de Fontenla, unha vez remate, quedará moi contenta”. Fernández, ademais, asegurou que “a Deputación é unha administración coa que a colaboración é máxima”, e sinalou como grazas aos proxectos apoiados pola institución provincial “Ponteareas estase convertendo nunha ‘vila 10 minutos’”.

    As obras acometeranse entre a avenida de Rosalía de Castro e a rúa Redondela, a carón da Casa do Concello. Con elas, melloraranse as condicións de seguridade e mobilidade para as persoas creando un itinerario peonil que dará solución á actual carencia de beirarrúas. Tamén se dotará de pasos peonís sobreelevados, adecuarase a iluminación, renovarase a sinalización horizontal e vertical e reporanse os servizos afectados pola execución das obras.

    COLABORACIÓNS

    Miguel Sande, «Brinde e desespero»

    Miguel Sande está a presentar o seu novo poemario, «Brinde e desespero», co que recentemente acadou o XXV Premio Johan Carballeira. Xa falamos noutras ocasións neste mesmo espazo de como se están a diluír a cotío as xa febles liñas que separan os distintos xéneros literarios. «Brinde e desespero» é unha proba máis pois, a pesar da súa inequívoca cadencia lírica, Sande xoga a brincar con habilidade sobre as lindes da poesía para adentrarse no terreo da narrativa e darlle forma a unha prosa poética ben particular.

    Arantza Portabales, «O home que matou a Antía Morgade»

    Abad e Barroso chegaron un día para quedar, para alternar con Leo Caldas, Frank Soutelo e algúns dos outros detectives de referencia da literatura galega dos últimos anos.

    “Nigeria 70”, una trilogía para escuchar

    El Sello inglés Strut nace a finales de los 90. En el año 2008 es adquirido por el Sello !K7 Music, con sede en Berlín, Londres y Nueva York. Strut tiene como misión desenterrar las joyas perdidas del pasado de la música de baile.

    Xosé Monteagudo, «Vémonos mañá»

    Realidade e ficción conflúen na última proposta narrativa de Xosé Monteagudo, «Vémonos mañá», na que presenta o que poderiamos considerar unha dupla biografía novelada.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    81 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    41 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    6 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS